La Luthería, un novo espazo para apreciar de cerca a artesanía musical
Os creadores de Le BarLuthier lanzan agora La Luthería, un espazo de estética coidada no que gravan sesións a grupos musicais con público en directo. Mañá, sábado 11 de abril, será a quenda do dúo vigués Cintaadhesiva.

Chucho González e Miriam Rodríguez son as mentes creativas detrás de La Luthería, un espazo artístico no que conflúe a súa paixón pola música, o audiovisual, o espectáculo e a estética coidada. Cun local de estética vintage que evoca o glamour dun piano bar dos anos 20, este espazo non opera como unha sala de concertos ao uso, senón como un plató de gravación de sesións en directo. O obxectivo é que os artistas obteñan rexistro audiovisual de alta calidade mentres interactúan cun público real, capturando así a esencia do directo.
Este sábado, 11 de abril, o ciclo de música e arte con rexistro audiovisual titulado “Sesión Nª UNO de 4mm” recibe a Cintaadhesiva. O proxecto de Silvia Penas Estévez e Jesús Andrés Tejada traerá a súa característica simbiose de poesía escénica e electrónica para ser rexistrada neste escenario único.

Coa chegada do bo tempo, as gravacións trasladaranse á Fundación Sales, onde adquirirán un formato máis próximo ao dun festival. A inauguración nesta nova localización, o vindeiro 16 de maio, correrá a cargo de Le BarLuthier, o proxecto musical da Chucho e Miriam. En Le BarLuthier, un piano de cola funciona como unha barra de bar, utilizando a súa caixa de resonancia para tal fin e ofrecendo música e copas alá onde o requiran. Comezou como un espectáculo de música de ambiente para eventos privados, pero evolucionou cara un espectáculo teatralizado e cabareteiro, cunha forte carga de interacción cómica co público. No seu repertorio teñen xéneros jazz, dixie e latin e tanto o son como a estética lévannos a primeira metade do século XX.
Ademais da gravación de directos, La Luthería ofrece un amplo catálogo de servizos que inclúe a dobraxe e un estudo preparado para a gravación ou aluguer de pódcasts. No ámbito formativo, o centro destaca polas clases de técnica vocal de Miriam Rodríguez para perfís profesionais e o innovador Summus Lac. Este “coroshow” semiprofesional (cuxo nome en latín remite á “leite que está no máis alto”) agrupa talentos de diversos sectores como a música, a danza e o teatro nunha proposta escénica integral.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Festival Millo Verde: música, cultura e compromiso comunitario na Praia de Cesantes - 15 Maio, 2026
- O violinista escocés Alasdair Fraser encabeza o Encordass Fiddle Fest - 15 Maio, 2026
- Hard GZ, Golpes Bajos e Killer Barbies, no novo festival de Vigo - 13 Maio, 2026
- Editatona para visibilizar as escritoras galegas - 12 Maio, 2026
- SonRías Baixas publica o cartel por días - 8 Maio, 2026


