La Contenedora propón un novidoso modelo de comercio compartido no centro de Vigo
La Contenedora, local multidisciplinar situado a menos de cen metros da rúa do Príncipe, quere renovar o seu local cunha iniciativa pioneira na cidade. Consiste en compartir o espazo con outras marcas de caracter creativo e cultural, ofrecéndolles un punto de venda céntrico a un prezo competitivo, para dividir os gastos e repartir a carga de traballo.

En 2022 abría na céntrica rúa de Eduardo Iglesias, fronte aos arcos do antigo Cine Tamerlick, La Contendora, un espazo multidisciplinar rexentado por Leticia Rodríguez e Saúl Seoane, creadores en 2019 do proxecto Alga Clases y Talleres. O local inclúe nos seus dous andares unha cafetería, tenda e espazo de traballo, que se pode alugar para celebrar eventos ou talleres.
Agora, ante a gran carga de traballo e o alto custe do local, queren poñer en práctica unha fórmual pioneira en Vigo e que pensan que pode ser beneficiosa tanto para eles como para as marcas que se unan. A idea é dividir o local en seis espazos (tres na planta baixa, tres no primeiro andar) e alugalos a marcas ou persoas con proxectos de carácter cultural, creativo ou artístico. Estes espazos funcionan como lugar de traballo, pero tamén como punto de venda. Cada unha destas divisións tería un custe de 800 € ao mes, cos gastos incluídos.

O concepto vai alén de pagar parte do aluguer por un espazo de traballo, como nun coworking ao uso. Con este sistema queren tamén dividir os turnos de traballo e repartirse as horas de atención ao público, mellorando a calidade de vida de todos. Ademais, deste xeito La Contenedora ofrece a un prezo competitivo a pequenas marcas a oportunidade de dispor dun punto de venda no centro de Vigo, unha zona na que os locais poden rondar os “3000 ou 5000 € ao mes”, segundo sinala Saúl.
Pódese contactar con Leticia e Saúl a través de hola@lacontenedora.es, no 633 26 37 87 ou achegándote ao local en Eduardo Iglesias, 11.


