Katy Perry e Linkin Park non defraudan ao público de O Son do Camiño
Miles de persoas reuníronse de xoves a sábado na sétima edición de O Son do Camiño, un festival que combinou artistas internacionais de primeiro nivel como Katy Perry ou Linkin Park, con relevantes artistas nacionais como Dani Martín ou Lola Índigo e talento galego, representado en artistas como Carlos Ares, Sen Senra ou Carlangas.

Esta nova edición de O Son do Camiño volveu destacar pola diversidade estilística. O xoves abriu cunha marcada aposta polo pop, nunha xornada na que destacaron artistas como Dani Martín, Leire Martínez e Carlos Ares. A gran protagonista da noite foi Katy Perry, que fixo vibrar ao público cun espectáculo visual de gran formato e un repertorio cargado dos seus éxitos máis coñecidos. A artista meteu ao público no peto ao ondear a bandeira galega e deixou unha das imaxes máis rechamantes do festival ao meterse nunha botella de plástico xingante a través da que rodou por enriba dun público entusiasmado.
O venres chegou unha das actuacións máis esperadas de todo o cartel. Linkin Park regresou aos escenarios españois despois de nove anos e con Emily Armstrong á fronte. Un concerto de dúas horas no que non faltaron grandes éxitos como ‘Crawling’, ‘Burn it down’ ou ‘Numb’, que resoaron con forza no Monte do Gonzo cunha multitude entregada. A banda estadounidense encabezou unha xornada dominada polo rock, compartindo protagonismo con formacións como Biffy Clyro ou Hoobastank. A intensidade dos concertos e a resposta do público fixeron desta unha das noites máis celebradas desta edición.

O festival reservou para o sábado unha combinación de electrónica, música urbana e talento galego. Artistas como Ortiga, Carlangas e Sen Senra representaron a escena musical do país nun cartel no que tamén destacaron Lola Índigo e DJ Snake. A cantante granadina protagonizou un dos peches máis aclamados do evento, mentres que a sesión final de música electrónica puxo o broche de ouro a tres días de actividade ininterrompida.


