CASTRELOS 25

James Rhodes, Fillas de Cassandra e Milhanas participan no festival sobre o río Miño IKFEM

Do 16 ao 20 de xullo, a Eurociudad Tui-Valença acollerá a 13.ª edición do IKFEM – International Keyboard Festival & Masterclass, un evento que une artistas, públicos e territorios a ambos os dous lados do río Miño co obxectivo de derrubar fronteiras a través da música.

O festival internacional de teclado celebra unha nova edición esta fin de semana en Valença e Tui. O cartel do IKFEM 2025 reúne a figuras destacadas da escena ibérica, con propostas que abarcan desde o pop ata o jazz sinfónico, pasando polo fado electrónico e a música clásica. “Unimos países, linguas, xeracións e músicas para superar todas as fronteiras”, afirma Andrea González, pianista e fundadora do festival, recentemente recoñecida entre as Top 100 Mujeres Líderes en España.

Abrirá o festival o 16 de xullo na Fortaleza de Valença unha gala inclusiva protagonizada por Antonio Orozco, a nova promesa portuguesa Rita Rocha e o proxecto CaixaSon, dedicado á diversidade musical entre España e Portugal. O 17 de xullo, o escenario acollerá un concerto único da portuguesa Milhanas xunto ao fenómeno galego Fillas de Cassandra, nunha fusión poético-feminista de fado, electrónica e música tradicional. Ao día seguinte, 18 de xullo, o pianista británico James Rhodes, coñecido polo seu enfoque accesible e humanista da música clásica, ofrecerá o único concerto en Galicia da súa xira na Alameda de Tui.

O sábado 19 reservarase para o público familiar co espectáculo I Love Rock and Roll, do ciclo Rock en Familia, onde os máis pequenos descubrirán a The Beatles, AC/DC ou Nirvana xunto á mascota El Oso Rosendo. O broche de ouro poñerano o 20 de xullo o saxofonista Perico Sambeat e a Orquestra Jazz de Matosinhos, coa presentación do álbum Boreal, un traballo de jazz contemporáneo con toques sinfónicos.

Ademais de concertos, e como novidade desta edición, IKFEM celebra un ciclo de encontros cos artistas, onde o público poderá coñecer de preto a Milhanas, Fillas de Cassandra, James Rhodes, Perico Sambeat e a Orquestra Jazz de Matosinhos nun formato íntimo que permitirá descubrir o lado máis humano e creativo de cada intérprete.

Tamén se celebra por primeira vez o certame Novas Ondas Sonoras, que premiará con 1.000 € ao mellor talento novo da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal. A final celebrarase o 19 de xullo ao mediodía e contará con cinco finalistas seleccionados por un xurado profesional e un por votación popular en redes.

REVISTA VERAN
The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.