IX Val Miñor Fest, Romaría de San Roque, II Nigrán Blues, India Martínez e moita música en directo esta ponte en Vigo
A ponte da Asunción da Virxe vén cargada de plans e eventos. Ademais de festivais e romarías, esta ponte de agosto, Vigo está cheo de actuacións musicais en vivo. Preme no título de cada evento para máis información. Se queres coñecer todos os eventos que hai esta ponte na cidade, entra na axenda d’A Movida.

IX VAL MIÑOR FEST – Desde o xoves ás 19:00 h no Esteiro da Foz – De balde
Entre o 14 e o 17 de agosto, La Ruta del Lúpulo, en colaboración co Concello, organiza a IX entrega do Val Miñor Fest. Este ano, cambia de ubicación e celébrase no Esteiro da Foz, onde se poderán degustar máis de cen tipos de cervexa artesá da man de cervexeiros procedentes de Galicia e Madrid. Concertos, obradoiros, food trucks, xogos, catas e moito máis, durante catro xornadas de festa nun ambiente familiar.
OS SOLPORES DA REBULLÓN: THE BROOKLYN GORILLAS – Xoves ás 20:30 h no CC As Pedriñas – Caixa inversa
Nos meses de xullo e agosto, regresa Os Solpores da Rebullón, un ciclo cultural que se celebra cada xoves, nos exteriores do Centro Cultural As Pedriñas (Tameiga, Mos). Trátase dunha proposta cultural xa consolidada que aposta por artistas locais e un formato único: concertos ao solpor nun entorno natural e familiar. A actuación de The Brooklyn Gorillas é a antepenúltima do ciclo.
Entre o 14 e o 17 de agosto, celébrase a Romaría de San Roque, a romaría urbana máis grande de Galicia. Preto de ser declarada como Festa de Interese Turístico de Galicia, trátase dunha das festas maiores de Vigo, concretamente do barrio de San Roque. Este festexo conta con procesión, verbena, exvotos, postos de artesanía e comida, actividades infantís e concertos, entre outros. Ademais, este ano, no apartado musical destacan artistas como David Civera, a Orquesta Mondragón, Stoned at Pompeii ou Os Bechuchos.
Pola súa banda, o venres 15 de agosto, celébrase a Romaría da Virxe do Alba na Ermida da Nosa Señora do Alba, en Valadares. Este festexo comeza ás 9:00 h coa saída da imaxe desde a igrexa e exténdese durante todo o día con numerosas actuacións musicais en vivo como, por exemplo, as de Wilson, o grupo de gaitas Arume do C.R.C.R. de Beade e a charanga Os Imperiais.
SANNY – Xoves ás 21:30 h en A Casa de Arriba – 5,00 €
A Casa de Arriba acolle un concerto de Sanny, unha artista viguesa cun pé nos primeiros anos de Bob Dylan e no Nebraska de Bruce Springsteen, e co outro en artistas indie contemporáneas como Phoebe Bridgers e Sharon Van Etten. Os seus directos íntimos e cunha gran carga emocional téñena levado a tocar tanto en distintas salas e festivais nacionais como en Portugal e Italia, así como a compartir escenario e colaborar con artistas internacionais como Molly Parden ou Noel McKay.
SOFÍA ESPIÑEIRA – Venres ás 21:00 h en Villa Solita – De balde
Nos meses de xullo e agosto, regresa Curiosidades Solita, un proxecto cultural onde a música é a protagonista, que se desenvolve todos os venres ás 21:00 h. Esta proposta ten lugar en Villa Solita, nun enclave rehabilitado polo Concello de Vigo para recuperar unha parte do patrimonio e historia da cidade, convertíndoo nun espazo de encontro de actividades culturais e artísticas. Sofía Espiñeira canta e compón desde a raíz. Artesá de cancións e artista multidisciplinar, as súas composicións combinan o latexo das músicas do mundo xunto coa canción de autora máis íntima e espida.
UB40 FEATURING ALI CAMPBELL – Venres ás 22:00 h en Castrelos – De balde
A icónica banda británica de reggae pop UB40 featuring Ali Campbell actúa en Castrelos o venres 15 de agosto. Trátase da penúltima actuación desta edición do ciclo Vigo en Festas, que será clausurado o día seguinte por India Martínez. UB40 é unha das bandas máis famosas dos anos 80 e 90, con varios hits que seguen repasando nos seus concertos, como Red Red Wine e Kingston Town. O seu líder e fundador, Ali Campbell, vén este ano á cidade para saldar a deuda que tiña pendente do ano anterior, posto que debido a problemas de saúde o seu concerto tivo que ser cancelado, deixando aos seus seguidores cunhas ganas de bailar tremendas.
III ENCONTRO CANDOMBERO – Sábado e domingo en diferentes puntos da cidade – De balde
O 16 e 17 de agosto, Vigo Candombe, co apoio de Onda del Plata, organiza o III Encontro Candombero en diferentes puntos da cidade, un evento arredor da cultura afro-uruguaia. O candombe é un estilo de baile descendente dos africanos que foron escravizados en certos países de América do Sur. A xornada do sábado comeza ás 20:30 h no paseo da praia de Samil. Ademais, remata ás 00:00 h cun evento de candombaile gratuíto na Sala Máster. Pola súa banda, o domingo arranca ás 13:00 h en A Póla, no paseo de Alfonso XII.
II NIGRÁN BLUES – Sábado a partir das 19:00 h no espazo Dunas de Gaifar (Panxón) – De balde
O sábado 16 de agosto, o Concello de Nigrán acolle a segunda entrega do Festival Internacional de Blues, Nigrán Blues. Celébrase no espazo deportivo municipal Dunas de Gaifar (Panxón), ás 19:00 h. Trátase do primeiro festival na nosa contorna adicado íntegramente ao blues. Na programación deste ano, destacan nomes como o da vocalista de Chicago, Robbin Kapsalis, xunto ao do aclamado harmonicista e guitarrista Giles Robson, procedente do Reino Unido. A iniciativa nace do éxito do Nigranjazz ao longo dos anos, con dezanove edicións ás súas costas. Deste xeito, Nigrán reforza a súa aposta por consolidarse como un punto destacado no mapa nacional dos mellores eventos para escoitar a música de raíz afroamericana, ofrecendo experiencias únicas para os amantes do blues e do jazz. O Nigrán Blues organízase pola produtrora viguesa FB ProduXion, especializada nos eventos arredor do blues, soul e funk.
INDIA MARTÍNEZ – Sábado ás 22:00 h en Castrelos – De balde
O concerto da artista cordobesa India Martínez, o sábado 16 de agosto, pecha esta edición do ciclo Vigo en Festas. India caracterízase polo seu estilo musical que fusiona xéneros como o flamenco, a música latina, o pop e a música árabe, o que a fixo moi recoñecida tanto en España como noutros países de fala hispana. A súa carreira comezou a principios da década de 2000, pero alcanzou unha maior popularidade co lanzamento do seu álbum Íntima en 2010, que incluíu algúns dos seus grandes éxitos. Desde entón, India Martínez lanzou varios álbums que foron moi ben recibidos pola crítica e o público, e recibiu numerosos premios polo seu talento e contribución á música. Ao longo da súa carreira, colaborou con artistas de renome e foi parte de importantes festivais de música. Este 2025 recala en Vigo dentro da súa xira Nuestro Mundo Tour.
MONOS IN ARMS – Domingo ás 20:00 h no Chiringuito de la ETEA – De balde
Durante o verán, o Chiringuito de la ETEA, no barrio vigués de Teis, ofrece unha ampla programación musical con actuacións en directo todas as semanas. Nesta ocasión, trátase dun concerto de Monos in Arms. Podes consultar un mapa cos mellores chiringuitos de Vigo e a súa contorna, premendo aquí.

