Iván Ferreiro volve a Castrelos para celebrar 35 anos de traxectoria
O artista actúa este sábado 15 de agosto, no auditorio vigués coa xira Hoy x Ayer, un percorrido que recupera cancións de Los Piratas e da súa carreira en solitario. Coas entradas ao pé da pista esgotadas, aínda poderá seguirse de balde desde o resto do recinto de Castrelos.

Iván Ferreiro regresa este sábado a un escenario que forma parte da súa propia historia como músico. Actuará hoxe, ás 22:00 horas, no Auditorio de Castrelos, cun dos concertos que el mesmo considera máis especiais da súa actual xira, asegurando que podería ser un dos concertos máis importantes da súa carreira. Unha actuación importante, pero que tamén augura sorpresas, pois Ferreiro adiantou que algún que outro convidado subirá con el ao escenario.
E non só por iso será unha cita especial: Iván Ferreiro cumprirá 56 anos ese mesmo día, celebrando o seu aniversario sobre o escenario e cantando na casa, en Vigo. Esta cita na cidade forma parte de Hoy x Ayer, a xira coa que Ferreiro está celebrando 35 anos sobre os escenarios, desde os seus inicios como voz de Los Piratas ata a actualidade.
35 anos nunha soa noite
Esta nova xira estreouse o pasado 8 de maio no Bilbao Arena e nace coa intención de mirar atrás sen converterse nun simple exercicio de nostalxia. Son 35 anos de carreira e máis de dez discos de estudo condensados nun mesmo directo.
A propia selección do repertorio foi parte do proxecto. Ferreiro pediu a músicos e compañeiros como Bunbury, Loquillo, Miguel Ríos, Tanxugueiras ou membros de La Oreja de Van Gogh que escollesen cancións da súa traxectoria, dando forma a un percorrido no que conviven temas moi coñecidos con outros que levaban anos fóra dos escenarios.
Entre as cancións que podemos esperar escoitar en Castrelos atópanse “Turnedo”, “El pensamiento circular” ou “El equilibro es imposible”, así como algúns dos éxitos de Los Piratas como “Años 80”, “Promesas que no valen nada” e “M”.
Pero Castrelos non é precisamente territorio descoñecido para Ferreiro. A relación do músico co auditorio vigués remóntase a finais dos anos noventa. En 1999 Los Piratas xa actuaron en Castrelos, compartindo escenario con El Chaval de la Peca, nun momento no que a banda viguesa comezaba a consolidarse no panorama estatal.
Unha das súas aparicións máis recentes chegaría en agosto de 2011, desta vez xa en solitario. Ferreiro participou na clausura do Festival Son de Vigo xunto a Ragdog, Miguel Costas e Eladio y los Seres Queridos, nunha noite presentada por Manuel Manquiña e Tony Lomba. Aquel concerto reuniu nun mesmo escenario diferentes xeracións da música feita na cidade.
Galicia, sempre presente na súa xira
Castrelos non é a primeira parada de Iván Ferreiro este ano na nosa comunidade. A segunda actuación da nova xira, Hoy x Ayer, tivo lugar o 9 de maio no Coliseum da Coruña, nun concerto que superou as dúas horas.
Pouco tempo despois, o 22 de maio, regresou a Galicia para formar parte do Ouren Sound Fest, en San Cibrao das Viñas. E aínda houbo unha aparición inesperada en Vigo. O 3 de xullo, Ferreiro subiu ao escenario como convidado durante o concerto de Leiva no peirao de Trasatlánticos, no que interpretaron xuntos varios temas e no que o vigués mesmo acabou cantando tamén Turnedo.
Despois deste concerto en Castrelos quedará outra parada en Galicia: o 13 de novembro no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, dentro dos Concertos do Xacobeo. Alí estará acompañado por Querido, a banda liderada polo seu fillo Andrés Ferreiro.


