Infraestruturas culturais ‘not found’: a cultura local toca teito

O anuncio de que Iribarne, a aclamada peza de ButacaZero, non pasará por Vigo na súa xira de despedida actuou como detonante dun malestar larvado desde hai anos. A obra, creada pola compañía viguesa e estreada con grande éxito, despídese do público en 2026 sen pisar a súa cidade de orixe, pese aos intentos da compañía. A súa creadora, Esther F. Carrodeguas, definía entón Vigo como «un limbo cultural», unha expresión que resoa máis alá do caso concreto e que pon sobre a mesa unha realidade compartida por creadoras, compañías, asociacións e colectivos: a falta de infraestrutura suficiente e axeitada para a creación e a exhibición cultural. Este diagnóstico repítese en diferentes disciplinas e debuxa unha cidade chea de talento, pero coas portas pechadas á hora de desenvolvelo e amosalo dignamente.

Fotos: Pablo Vázquez | Collage: Denis Carballás

É unha tendencia que se está a observar nos últimos anos: a maioría de xiras de artistas de moita sona non pasan por Vigo. Ou o que é o mesmo: van tocar á Coruña. O motivo ten nome propio: Coliseum, un gran recinto para espectáculos e deportes situado no extremo sur da cidade herculina. Ao carecer dun espazo cuberto destas condicións, Vigo non pode competir fóra da época estival co seu veciño no tocante a grandes xiras de artistas nacionais e internacionais. No momento de escribir estas liñas xa hai máis dunha ducia de concertos pechados no Coliseum para 2026, que irán aumentando a medida que avance o ano: «O Coliseum é o Movistar Arena galego e esta batendo récords de programación de promotores galegos e do resto de España», comenta David Lago, máis coñecido como Tibe, un dos responsables da promotora viguesa Sweet Nocturna.

Para emendar esta desigualdade, hai anos que desde o goberno local se vén falando da construción dun Vigo Arena na zona de Navia, un grande espazo multiusos con capacidade para unhas 18.000 persoas. Tibe mostra unha postura ambivalente sobre este proxecto: por unha banda, recoñece que é unha infraestrutura necesaria para que a cidade poida competir no mercado galego, pero, pola outra, móstrase moi escéptico respecto á súa execución real: «A día de hoxe paréceme unha quimera. É difícil manter un espazo como ese sen equipos deportivos destacados que o utilicen de xeito habitual. Este tipo de recintos son máquinas de comer cartos; precisan dun forte apoio institucional e dunha programación cultural moi potente», resume.

Teatro Fraga | P. Vázquez

O apartado económico non é a única barreira para a execución do Vigo Arena. Desde que se coñecen os plans de levalo a cabo, xurdiu unha forte oposición veciñal contra unha «infraestrutura innecesaria e sobredimensionada» que arrasará a carballeira da Barroca e as brañas da Barxa e As Pertegueiras. A plataforma Salvemos a Barroca quere protexer «un corredor ecolóxico recoñecido polo propio PXOM e o derradeiro resto do antigo sistema húmido que alimentaba as desaparecidas lagoa e marisma costeira da Barxa», ademais dun «refuxio fundamental para flora e fauna, especialmente aves, que representan a última posibilidade real de rexenerar o sistema litoral en beneficio da cidade e da ría». En definitiva, o Vigo Arena (co seu grande aparcadoiro e vías de acceso) supoñería un impacto ambiental, social e acústico que cambiaría a zona para sempre.

Como solución, o Bloque Nacionalista Galego propón unha reforma do IFEVI para adaptalo a ese ansiado recinto de grandes espectáculos, xa que «ningún mausoleo para macroconcertos como o Vigo Arena pode xustificar un arboricidio a grande escala», dixo o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas. Segundo os nacionalistas, o recinto feiral pode acoller ata 13.400 espectadores e por alí xa pasaron artistas de renome como Bob Dylan, Lenny Kravitz, Shakira, Extremoduro, Fito & Fitipaldis ou Quevedo. Segundo Tibe, a día de hoxe «o IFEVI non pode competir co Coliseum. Temos feito cousas alí, pero non pasa pola nosa cabeza habendo outras opcións en Galicia. É un recinto feiral, non de concertos, polo que ten numerosas carencias técnicas e de infraestrutura».

Outro potencial recinto cultural, este xa en pleno proceso de rehabilitación, é o Teatro Cine Fraga. No verán de 2024 a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra formalizaban a súa compra a Abanca por unha cantidade próxima aos dez millóns de euros. Ao longo dos meses foron adiantando os plans que tiñan para o histórico edificio: convertelo nunha sala multiusos que poida albergar concertos, artes escénicas e cine. Un dos puntos máis celebrados é o feito de que vaia contar con cadeiras móbiles, polo que o grande auditorio poderá adaptarse a actividades con público sentado e de pé. Tibe non esconde o desexo de que o Fraga se materialice canto antes: «É un rescate estratéxico fundamental para a música en Galicia, un antes e un despois. A nosa Brixton Academy», di en referencia á icónica sala de concertos londiniense. Deste xeito, Vigo podería acoller tamén ese tipo de concertos non multitudinarios pero si de capacidade media, unha función similar á que cumpren salas como a Capitol en Santiago, La Riviera en Madrid ou Razzmatazz en Barcelona. Cunha capacidade semellante, na actualidade Vigo conta co Teatro García Barbón, de propiedade privada e cunha axenda de eventos do máis apertada, e co Mar de Vigo, edificio público de xestión privada que ten certos problemas de acústica e que non se adapta a todo tipo de funcións. A partir de aí xa nos atopamos coa nutrida rede de salas de concertos, con capacidades que oscilan entre os sesenta e os catrocentos espectadores.

Auditorio Mar de Vigo | P. Vázquez

A precariedade dos espazos afecta tamén ás asociacións culturais. O Ateneo Atlántico de Vigo, con arredor de trescentas persoas asociadas, leva oito anos cunha programación constante, pero sen unha sede estable. Ao longo deste tempo, o Ateneo foi pasando por distintos espazos compartidos ou cedidos temporalmente e nos últimos meses estableceuse no Café Vitruvia, pero algunhas das súas actividades non casan ben co bulicio da cafetería. A ausencia dun local propio implica un desgaste continuo buscando salas, solicitándoas e encaixando datas nas que realizar as súas actividades. As peticións ao Concello para que se lles ceda un pequeno espazo repetíronse, pero sempre sen éxito. «Pedimos varias veces se había posibilidade de que nos prestasen un sitiño para poder facer reunións. Sempre recibimos boas palabras e “cando quede algo xa vos avisaremos”, pero nunca resultados», explica a súa presidenta, Luisa Abad. A comparación con outros ateneos galegos, cos que se reúnen de maneira periódica, é inevitable: «En Pontevedra teñen un local do Concello e en Ourense están nunhas dependencias da Deputación», apunta Abad, quen conclúe que «cando comparamos, Vigo sae mal parado».

Neste contexto insírese o bloqueo institucional arredor do anunciado Centro de Asociacionismo, nos antigos xulgados da rúa de Lalín, promovido pola Xunta e paralizado polo Concello. Este proxecto, que prevía máis de cen espazos de traballo e un auditorio para catrocentas persoas, e que podería aliviar unha carencia histórica, atópase parado, á espera de resolución xudicial, por desavinzas entre ambas as administracións. Mentres tanto, o tecido asociativo continúa sobrevivindo grazas ao voluntarismo. «Traballar pola cultura nesta cidade é bastante custoso», resume Abad.

Café Vitruvia, sede provisional do Ateneo Atlántico | P. Vázquez

Para Roberto Pascual, dramaturgo, exdirector da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e profesor da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia, a problemática viguesa é síntoma dun modelo esgotado. «Todos os sectores culturais padecen a principal carencia, que é a infrautilización dos edificios culturais existentes», afirma. Pascual é contundente ao analizar a programación municipal de teatro: «O programa Vigo Cultura é raquítico e está ancorado a unha visión da cultura como algo complementario, extraordinario, absolutamente marxinal, e non como un dereito». Nunha cidade de arredor de 300.000 habitantes, o auditorio municipal ten espazo para 280 espectadores e a maioría dos espectáculos contan cunha única función, o que limita drasticamente o acceso e a capacidade de crear públicos estables.

De maior capacidade son os xa amentados Teatro García Barbón e o Auditorio Mar de Vigo, ambos de xestión privada, pero estes tamén presentan barreiras para as compañías. Esther F. Carrodeguas sinalaba como principais impedimentos para actuar no García Barbón, propiedade de Abanca, o alto custo de alugalo e a dificultade para chegar a un acordo de datas. Co Mar de Vigo a dramaturga apuntaba dificultades semellantes ás que atopan os músicos: un espazo mal deseñado que presenta problemas tanto de acústica como de visibilidade que o fan pouco atractivo para compañías de teatro. En canto á futura reapertura do Teatro Fraga, Pascual móstrase escéptico: «O problema non é o edificio, é o proxecto cultural da cidade. Terei esperanza cando veña ligado a un orzamento e unha dirección artística independente».

Ademais de teatros, Vigo carece de espazos pensados para realizar neles residencias artísticas e ensaios. Pascual sinala como especialmente grave a falta de acompañamento ás compañías que xorden da ESAD, que non atopan un lugar axeitado no que comezar a profesionalizarse. Mentres, auditorios municipais como o de Teis, que podería cumprir esta función, permanecen case sen uso. «Non é normal que todo ese talento creativo teña que marchar a outros concellos porque os edificios públicos están infrautilizados ou pechados», resume. Ponteareas, Cangas ou Tui son, para o dramaturgo, exemplos de políticas máis abertas, con residencias, convenios e auditorios vivos. Pascual considera que este importante labor está sustentado en Vigo pola iniciativa privada da Sala Ártika e o Teatro Ensalle, que si contan cunha programación continua e albergan actividades de formación, presentacións, funcións escolares, charlas, festivais e procesos de creación, algo do que carece o programa municipal.

O Teatro García Barbón | P. Vázquez
OV430

Paula Cermeño e Pablo Vázquez
Redactores