REVISTA MARZO

Imos de merenda

Unha das estampas da infancia que lembramos con máis cariño son aquelas merendas no campo, iso que agora alcumamos co nome de pícnic. Seguro que indagando nestes recordos, nos veñen á mente partidos de fútbol nun prado, xogos populares, baños nalgún río ou os menús de tortilla de patacas e filetes empanados. Malia que agora non é tan habitual saír a pasar o día no campo cos pequerrechos, o certo é que temos ao noso carón merendeiros moi ben dispostos para gozar dun día ao aire libre en familia. Aquí falamos dalgúns dos máis interesantes.

Parque forestal de Beade

Pode que este sexa o merendeiro máis fermoso da cidade e o que máis servizos ofrece. As áreas de recreo están totalmente equipadas con fontes, grellas, mesas, un campo de fútbol e bambáns. Hai ademais un estanque rodeado sempre de animais e unha gran paxareira. Deste parque forestal saen varias rutas de sendeirismo, que tamén son aptas para ir en bicicleta. Desde o miradoiro podemos rematar a xornada gozando dunha das mellores vistas das illas Cíes.

Parque forestal do Monte dos Pozos

Situado ao norte do monte Alba, na parroquia de Valadares, este espazo conta con grellas, mesas, randeeiras para a rapazada, un lago artificial… e mesmo un restaurante por se o pícnic nos sabe a pouco. E non podemos marchar sen gozar da espectacular vista das cidade que nos ofrece o seu miradoiro.

Banner A Movidiña

Parque forestal do Vixiador

Situado en Candeán, talvez sexa o merendeiro máis grande desta cidade. Dispón de zonas de sol e sombra, bancos e mesas de pedra, sendeiros para bicicletas e área de ocio infantil. Outra opción interesante que se pode facer é unha andaina con valor arqueolóxico, xa que nesta contorna hai mámoas e dolmens que forman parte dunha das concentracións arqueolóxicas máis importantes de Galicia.

Lourdes Tomé
Redactora

The following two tabs change content below.
Educadora Infantil e Educadora Certificada en Disciplina Positiva pola Asociación Española e Americana. É ademais nai de dous pequenos que, segundo di, son os que a fan medrar e aprender cada día. Encántalle a natureza e viaxar aínda que a súa maior paixón son os nenos e a infancia como demostra no seu blog Little Scaler, onde aposta pola crianza respectuosa e amosa que criar sen berros e sen castigos e posible.