Ignatius Farray, Luz Casal, Teresa Rabal ou Touriñán súmanse á segunda edición do Hematofesti
Tras o éxito da I edición en 2024, que lle valeu a entrada directa no informe anual do Observatorio da Cultura como unha das iniciativas culturais máis relevantes do ano en España, Hematofesti regresa do 4 ao 8 de novembro para celebrar en Vigo a súa segunda edición. A proposta ideada por Ledicia Costas consolídase como un festival único que fusiona de xeito orgánico nun só programa o humor e a literatura infantil. Preme aquí para consultar o programa completo e mercar as entradas.

O evento naceu como unha homenaxe a Miguel Ángel López, coñecido como O Hematocrítico, escritor, mestre, divulgador e paradigma do internet amable, recoñecido postumamente coa Medalla ao Mérito nas Belas Artes 2023. O festival, dirixido pola escritora viguesa Ledicia Costas e codirixido polo director de cine coruñés Alberto Vázquez, busca manter vivo o seu legado, fundado na bonhomía, a creatividade e o uso da sorpresa e o humor como “lubricantes marabillosos para calquera tipo de ensino”. O ano pasado, na súa primeira edición, acolleu a máis de 5000 persoas en diferentes espazos de Vigo, cun cartel de luxo formado por amigos de Miguel que acudiron á cita de xeito altruísta.
Nesta segunda edición ao longo de cinco intensos días (máis de 60 convidados en 17 espazos da cidade), Vigo acollerá a figuras destacadas do humor, a literatura, o cine, a música, a cultura e a creatividade para ofrecer actividades para todo tipo de públicos, facendo especial fincapé no infantil e no familiar. Entre os convidados máis recoñecidos desta edición atópanse o humorista Ignatius Farray, quen liderará unha residencia de comedia e participará na Hematogala; a cantante Luz Casal, que intervirá nunha conversa sobre economía e cultura; e a artista e presentadora Teresa Rabal, que recibirá o Premio Lenda do Recreo. A programación tamén inclúe nomes de relevancia como os ilustradores Javier Jaén e Bea Lema, os autores Pedro Mañas, Susanna Isern, Antonio M. Fraga ou Eva Mejuto, o humorista Xosé Antonio Touriñán, os músicos Lucía Aldao, Silvia Superstar, IGMIG e Grande Amore, o xornalista Noel Ceballos, e as escritoras Yolanda Castaño e María Lado.
Toda a programación é de balde agás a Hematogala do xoves 6 e o Comedy Club coa Academia de Comedia de Ignatius Farray o venres 7. Podes mercar as entradas a través da web do festival.

Programación familiar
O Hematofesti aposta con decisión polo público infantil e familiar, ofrecendo 250 prazas de balde para actividades gratuítas en catorce talleres e contadas. Entre as sesións de contos e obradoiros, que terán lugar todos os días do festival en distintas librarías e espazos sociais e culturais de Vigo, atopamos divertidos talleres de fanzines, xoguetes ópticos, ilustración e costura da man de artistas de primeiro nivel como David Rodríguez, Diego Estebo, Bea Lema, Carmen Pintos, Iván R., Natalia Umpiérrez, Bea Gregores, Rena Ortega ou Berto Fojo. Dentro deste ámbito, nesta edición incorpóranse as presentacións de obras infantís, cos autores Antonio Manuel Fraga, Lois Pérez, Gabriel Romero e Óscar Reboiras.
Ademais o Hematofesti leva a festa polas mañás a varias escolas de Vigo co programa A ilusión do movemento, un ciclo de curtametraxes de animación cun taller didáctico para alumnado de 4º e 5º de primaria dinamizado por María Lado. Este ano, o xigante xaponés dos videoxogos, Nintendo, volve colaborar co festival cun Espazo Gaming no Centro Comercial Vialia aberto de xoves a sábado.
Preme aquí para consultar o programa completo




