bannerCulturgal

María Jorge (Caldo): “Precisamos crear espazos nos que a tradición e a mocidade se encontren de xeito natural”

Malia a súa curta traxectoria, o nome de Caldo soa con asiduidade nos escenarios folk. Este trío de músicos vigueses, que comezou sendo un dúo de guitarra (Pedro Fariñas) e violín (María Jorge), ao que máis tarde se incorporou como peza fixa a voz de Anaïs Barbier, invítanos a enchernos de cancións tradicionais cociñadas a lume maino e temas propios nos que se atreven a incorporar baixo ou incluso sintetizadores. Un ano despois de lanzar o seu primeiro disco homónimo, de modesta producción, teñen xa a vista no traballo que os consolide como a necesaria ponte que son entre tradición e novas xeracións.

Falamos con María Jorge antes do seu concerto este domingo no Mercado do Calvario. Unha sesión vermú na que estará acompañada por Pedro Fariñas, interpretando un repertorio diferente ao de Caldo. O trío estará en setembro no ciclo de concertos Galicia Emerxe, que serán retransmitidos a través da TVG e as redes sociais, Muros (o 18) e Boqueixón (o 19).

Anaïs, María e Pedro, compoñentes de Caldo á fin do concerto en Cíclika en xaneiro | P. Cermeño

Co voso primeiro traballo fostes nominados aos Martin Códax 2020 e os MIN. Colleuvos por sorpresa este éxito?

Si, claro, aínda que foi todo moi orgánico xa que Pedro e eu levábamos tempo facendo música xuntos e estábamos conectados coa escena a través de varios proxectos. Cada vez que me paro a pensalo non podo estar máis agradecida polo ben que estamos sendo abrazadas por todo o mundo.

Por que cres que ao público lle gusta a vosa música?

É unha pregunta complicada, pero creo que o feito de que somos pouco pretenciosos co que facemos está na base. Estabamos afeitos a tocar en bares e encontros que propician a familiaridade e o respeto dunhas por outras e non queremos perder esa esencia. Non hai un líder. Somos un trío moi equilibrado e sinto que nos comunicamos de forma cercana entre nós e co público.

Non é habitual ver xente nova interpretando música tradicional

Eu non o vexo así. Na xeración anterior, nos 80 e 90, houbo un gran boom da música tradicional, demostrando que hai continuidade e interese. Agora mesmo, tamén hai moita xente da nosa xeración que mira á música tradicional, tuneándoa ao seu xeito, e as escolas de música tradicional están cheas de crianzas. Vexo máis un problema nos espazos nos que se interpreta esta música, que si creo que están afastados dos que frecuentan a xente nova das cidades. Precisamos crear espazos nos que a tradición e a mocidade se encontren de xeito natural.

A música tradicional continúase por gusto ou por compromiso coa terra?

Ambas. O compromiso dá gusto. Eu empecei porque me gustaba. Eu viña do conservatorio clásico e nun campamento de Galicia Fiddle descubrín que podía usar o meu instrumentos para moitas outras cousas. Aí comecei a facer música tradiconal simplemente porque me gustaba, sen ningún tipo de activismo. Pero pouco a pouco fun decatándome de que o que eu fago axuda a coidar e manter a tradición e esa faceta tamén me gusta. Ambas cousas están moi relacionadas.

Tamén xogades a reinventar a tradición, por exmeplo, o último lanzamento é un remix do voso tema Arrolo de Cumieira mesturado coa electrónica e o dub.

Si, o Cumieidub é cousa de Pedro, quen leva moitos anos dentro da escena reggae e electrónica. A min paréceme moi interesante e si que no disco que estamos compoñendo falamos de introducir elementos electrónicos e novos ambientes sonoros que se acheguen aos outros estilos que nós consumimos. Non queremos rachar co que xa estamos facendo, pero ao meternos nun disco máis producido, apetécenos xogar con cousas novas.

Falando do momento actual, como vos afectan as novas restriccións?

Pois estamos enfadadas coa cantidade de incoherencias que se están dando. Non só na cultura, tamén na sanidade ou na educación, que están abandoadas mentres se protexen únicamente as actividades económicas. Esta sociedade non vé o benestar social como algo valioso e por iso as institucións están utilizando a pandemia como excusa para deixar de investir en cultura. Están obcecados en promover a mobilidade para beneficiar o turismo, cando dentro dos territorios nos limitan o acceso aos nosos propios medios e productos.

bannerAfundacion
The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.
Compartir
X