Hombres G incorpórase ao cartel do Recorda Fest

A banda Hombres G actuará na cuarta edición do Recorda Fest, que se celebrará os días 4 e 5 de setembro no Peirao de Batería da Coruña. Coa incorporación do grupo madrileño, a organización completa practicamente o cartel do festival.

Hombres G | J. Massieu

Hombres G súmase ao Recorda Fest, que se celebrará os días 4 e 5 de setembro no Peirao de Batería da Coruña. Compartirá escenario con artistas xa anunciados como Cali y el Dandee, Juan Magán, La M.O.D.A., Marlon, Sidecars, Taburete, Hey Kid, Hydn, Inazio, Mafalda Cardenal, Galician Army, Señora DJ e Pavlenha.

A formación madrileña, un dos referentes do pop-rock en español desde os anos oitenta, chega ao festival dentro da xira Los mejores años de nuestra vida, coa que repasa algunhas das cancións máis coñecidas da súa traxectoria. Entre elas figuran temas como ‘Devuélveme a mi chica’, ‘Marta tiene un marcapasos’, ‘El ataque de las chicas cocodrilo’ ou ‘Voy a pasármelo bien’.

Outra das novidades desta edición será a creación das Recorda Sessions, un espazo dedicado á música dos anos 2000 no que participarán Natalia Rodríguez, Selena Leo, Raúl, Fran Perea, Ella Baila Sola e David Civera. O Recorda Fest celebrará a súa cuarta edición os días 4 e 5 de setembro na Coruña. Os abonos continúan á venda a través da páxina web do festival.