Historia dunha cidade: San Simón

O asunto da illa trae controversia por diferentes percepcións. A illa como negocio, espazo natural da Rede Natura, cofre de historia ou campo de concentración franquista.

Quen a concibe desde o lucro posúe menos argumentos: interésalle porque xera unha ganancia privada; o resto é complementario. Esta lexítima razón é respectable pro non de obrigada aceptación. O preocupante é cando a Administración, que debe velar polo público, fai de manager de empresas. Hai un fin partidista: silenciar o incómodo. Esta opinión, compártana ou non, é obvia. A Xunta subvenciona empresas privadas como aforra en actividades arredor da memoria democrática. Ambas serían compatibles se houber interese no tema, pro a quen enganan a estas alturas?

A cultura ou o turismo pódense amigar coa historia e a natureza. Meendinho, a batalla de Rande ou o lazareto son capítulos da biografía insular. Todo debe coñecerse. Mais a illa está marcada en tempos recentes pola represión política que oxalá nunca acontecese. Oxalá por San Simón non pasasen 6.000 presos, a maioría vellos. Oxalá non fusilasen nin fixesen sacas. Oxalá non morresen 400 persoas por falta de coidados, mala alimentación ou hixiene. Oxalá que non, pro pasou. E pasou hai menos dun século, non en tempos de Cristo. A barbarie marcou a illa, pra sempre.

Precisamente, a proximidade no tempo obríganos a coidar esa memoria como exercicio de reflexión. Os dereitos e liberdades conquistáronse, non se gañaron con cubatas na man. Todos poden axudar en canto contribúan a este fin. A Administración é a encargada de velar por este mandato. O caso é que cumpran de acordo cos valores dunha sociedade que se define como democrática.

REVISTA NADAL

Xurxo Martínez González
Historiador