Hematofesti pon o foco no público familiar con máis dunha ducia de actividades gratuítas

O programa do festival, que se celebra do 4 ao 8 de novembro en diferentes espazos da cidade, inclúe contacontos, talleres de fanzines, xoguetes ópticos, ilustración e costura da man de artistas de primeiro nivel. A reserva de prazas está aberta na web do festival hematofesti.com.

Miguel Ángel López, coñecido como o Hematocrítico, dedicou gran parte da súa vida á infancia como mestre e autor de libros infantís. Por iso, Hematofesti, o festival creado para honrar a súa figura dirixido pola escritora viguesa Ledicia Costas e codirixido polo director de cine coruñés Alberto Vázquez, aposta con decisión polo público miúdo e familiar.

Hematofesti ofrece, do 4 ao 8 de novembro, catorce sesións de talleres e contadas con 250 prazas de balde, que xa se poden reservar a través da web do festival hematofesti.com. Todos estes obradoiros son posibles grazas ao paoio de Deleite.

Entre as sesións para familias, que terán lugar todos os días do festival en distintas librarías e espazos sociais e culturais de Vigo, atopamos contacontos diarios, divertidos talleres de fanzines, xoguetes ópticos, ilustración e costura. Todo isto da man de artistas de primeiro nivel, como David Rodríguez, Diego Estebo, Bea Lema, Carmen Pintos, Iván R., Natalia Umpiérrez, Bea Gregores, Rena Ortega ou Berto Fojo. Nesta edición incorpóranse ademais as presentacións de libros infantís, cos autores Antonio Manuel Fraga, Lois Pérez, Gabriel Romero e Óscar Reboiras.

Ademais o Hematofesti leva a festa polas mañás a varias escolas de Vigo e contorna co programa A ilusión do movemento, un ciclo de curtametraxes de animación cun taller didáctico para alumnado de 4º e 5º de primaria dinamizado por María Lado.

O xogo e a imaxinación son eixos inalienables do Hematofesti. Un ano máis o xigante xaponés dos videoxogos, Nintendo, terá presenza no festival máis divertido da tempada, polo que volve colaborar cun Espazo Gaming no Centro Comercial Vialia Estación de Vigo. 

Abrirá o xoves 6 e venres 7 pola tarde (17:30 – 21:00 h) e o sábado 8 durante todo o día (11:00 – 21:00 h). A inauguración (xoves  6, 17:30 h) consistirá nun interesante encontro entre a desenvolvedora e escritora de videoxogos Concepción López Agulla e o autor de Anna Kadabra, Pedro Mañas, que conversarán co xornalista especializado Noel Ceballos. 

Durante estas tres xornadas, grandes e pequenos poderán probar os xogos máis icónicos que xa se poden gozar na nova Nintendo Switch 2, como o Mario Kart World e o Super Mario Party Jamboree. O xogo estrela será o Donkey Kong Bananza, unha aventura de plataformas e exploración protagonizada polo personaxe máis “mono” de Nintendo.

Durante a xornada Queremos Literatura Infantil farase entrega do II Premio de Álbum Ilustrado Humor con H, organizado polo festival e a editorial Triqueta e dotado de 5000 euros. O proxecto co lema Máis vale pulga en mano que cento voando de Pablo Albo e Andrea Antonori é a obra gañadora, que se editará en castelán, galego, catalán e euskaro. 

REVISTA NOVEMBRO

Ao longo da súa vida Miguel publicou máis dunha vintena de libros, a gran maioría deles dirixidos ao público infantil. Doña Problemas, Leyendas del recreo, Oso Pandilla, Max Burbuja ou Gaviota Gourmet son algúns dos títulos máis salientables. Para dar vida ás súas ideas, contou coa colaboración dalgúns dos ilustradores máis destacados do país, como Paco Roca, Santy Gutiérrez, Albert Monteys, Mar Villar ou Alberto Vázquez.A exposición Hematocrítico Ilustrado por Alberto Vázquez recompila as obras gráficas orixinais de Vázquez para os libros infantís de Hematocrítico e conta cunha sala de lectura. Abrirá as súas portas na sede da Deputación Provincial en Vigo o martes 4 de novembro, coincidindo co inicio do festival. A partir do 15 de novembro contará cunha oferta de talleres de ilustración e clubs de lectura (de balde) deica o Nadal. A exposición e o resto de actividades forman parte da iniciativa O bosque dos contos, unha proposta creada polo Hematofesti e a Deputación de Pontevedra.