Hard GZ, Golpes Bajos e Killer Barbies, no novo festival de Vigo

Hard GZ, Golpes Bajos, Killer Barbies e Stoned at Pompeii son algúns dos artistas que forman parte de Son e Mar, a nova programación musical que se celebrará no Peirao de Trasatlánticos durante dúas semanas de setembro e que trae moitos concertos gratuítos.

Vigo contará este mes de setembro cunha nova programación musical denominada Son e Mar, que converterá o Peirao de Trasatlánticos en escenario durante dúas semanas. Esta iniciativa, promovida pola Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, ofrecerá seis eventos temáticos deseñados para atraer a públicos de todas as idades e estilos. Todos os eventos, agás o de Hard GZ, serán de balde ata completar a capacidade do recinto, que se estima nuns 5.000 asistentes.

O ciclo arrancará o 4 de setembro coa xornada Nacidos para bailar, centrada na música de baile e discoteca. Ao día seguinte, o 5 de setembro, o festival viaxará no tempo co evento Esos maravillosos 90, un remember dedicado aos éxitos de hai tres décadas. A programación continuará o 10 de setembro co Unifest, unha cita especialmente pensada para o público universitario antes do inicio do curso escolar.

A semana seguinte será a quenda da música en directo. Unha das datas máis destacadas será o 11 de setembro, cando terá lugar o concerto de Hard GZ, que será o único evento de pago de todo o cartel. Hard GZ é o nome artístico de Pedro Ruibal Iglesias, un rapeiro galego nacido en Vigo en 1995 e criado na Coruña. Destaca polas súas letras de contido social e reivindicativo, e está considerado unha das voces máis relevantes do hip hop en Galicia e no Estado español. As entradas xa están á venda por 25,00 €.

FAITE AMOVIDALOVER

O 12 de setembro dedicarase á Movida Viguesa, reunindo a bandas icónicas dos anos 80 e 90 na cidadecomo Golpes Bajos, Semen Up, Miguel Costas e Killer Barbies. Na presentación participaron os artistas Silvia Superstar e Teo Cardalda, que coincidiron en celebrar esta aposta polo talento local . A cantante de Killer Barbies definiu como un “agasallo” o feito de que estas actuacións sexan gratuítas e amosou a súa ilusión por compartir cartel con grupos que foron a súa referencia nos anos 90. O integrante de Golpes Bajos cualificou a iniciativa de “fantástica por dar espazo aos músicos galegos que ás veces se senten esquecidos na programación municipal”, adiantando que a súa banda contará con invitados especiais para manter vivas as súas cancións, pese á ausencia de Germán Coppini, vocalista da banda e falecido en 2013.

O broche final porao o evento Orballo Cultural o domingo 13 , unha xornada dedicada á posta en valor da cultura e a música en lingua galega.

Xornadas e datas (peirao de Transatlánticos):
4 de setembro: Nacidos para bailar
5 de setembro: Aquellos maravillosos años 90
10 de setembro: Unifes
11 de setembro: Lingua Urbana con HardGZ
12 de setembro: La Movida Viguesa
13 de setembro: Orballo Cultural

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.