Hangover of Fashion, a cidade cabe nun bolso
Hangover of Fashion é unha marca de bolsos artesanais que entende a moda con liberdade e propósito. A súa creadora, Estela Rodríguez, aposta por deseños atemporais que se adaptan á vida real sen renunciar ao estilo; como o seu deseño insignia: o Cosmopolitan.

Hangover of Fashion é unha marca de moda que non busca seguir tendencias, senón acompañar vidas reais. O seu primeiro bolso, Cosmopolitan, xa empezou a trazar o camiño dunha firma nova, sofisticada e con vocación de permanencia, que agora inicia unha nova etapa coa liquidación das súas coleccións multimarca para centrarse, de cheo, na alma do seu propio deseño. A viguesa Estela Rodríguez é a artífice tras a marca, un proxecto persoal que resulta unha declaración de intencións e que nos anima a vestir sen perder liberdade. A filosofía tras Hangover of Fashion nace dun enfoque honesto: a moda non debería impoñer, senón acompañar. Por iso, os seus deseños non responden a tempadas pechadas nin a tendencias efémeras e os seus produtos teñen carácter, son funcionais e amosan un toque de nostalxia; son obxectos cotiáns elevados pola atención ao detalle, pensados para durar.


Antes de lanzar a súa primeira colección propia, Hangover of Fashion foi, durante máis dun ano, un e-commerce multimarca especializado en moda con esencia europea e estética vintage. A selección de pezas respondía a un criterio moi concreto: que fosen especiais, con personalidade e sempre adaptables á vida diaria. Pero a marca evolucionou co lanzamento do bolso Cosmopolitan, no que Estela atopou o equilibrio perfecto entre estética e funcionalidade. O bolso xa está dispoñible en prevenda e estará en distribución este verán. Este bolso é un tributo silencioso á muller contemporánea: sofisticada, elegante, multitarefa e sempre en movemento. Fabricado en pel, con acabados coidados e unha silueta atemporal, non é só un accesorio, senón unha peza pensada para resistir o paso do tempo e acompañarnos tanto a un café improvisado como a unha reunión de última hora, a unha viaxe rápida ou a unha tarde tranquila de domingo. Tes xa o teu?
@hangoveroffashion | hangoveroffashion.com
Estela Gómez
Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)
- Hangover of Fashion, a cidade cabe nun bolso - 4 Xullo, 2025
- The Melting Lab, unha xoia nas mans - 4 Xullo, 2025
- Son un toxo: orgullo bravo - 20 Maio, 2025
- Sen bolsa, por favor - 18 Abril, 2025
- Tikismikis: cerámica con esmero - 13 Marzo, 2025