Guía práctica para ir á Reconquista
Xa se escoitan ao lonxe os tambores de guerra e o ambiente cheira a pólvora e chouripán. A Reconquista está a volta da esquina, e para que non perdas nada, aquí tes unha guía completa con toda a información precisa para desfrutar da festa ao cen por cen.

Cando é?
O día oficial da Reconquista é o 28 de marzo, que este ano cae en sábado. A gran festa empeza o venres 27 pola tarde e remata o domingo 29 á noite. Unha semana antes, o sábado 21 ten lugar a destitución da corporación municipal e o domingo 22, a chegada das tropas napoleónicas. Durante a propia semana da Reconquista ten lugar a Reconquistiña, dirixida a escolares.
Quen a organiza?
A Reconquista é un evento creado hai case trinta anos pola veciñanza da zona do Casco Vello que co paso dos anos foi medrando ata se converter en festa de interese turístico nacional en 2019. Parte do orzamento vén das arcas do Concello, que se complementa con patrocinios privados e cos beneficios do mercado. Os actores tamén son xente do barrio e a maioría repite ano tras ano, o que lle dá a toda esta celebración un ambiente do máis familiar. Neste artigo do 2019 falamos co elenco daquela Reconquista.
Que atopamos no mercado?
O mercado disponse polas rúas da zona do Casco Vello, desde o Berbés ata a rúa de Elduayen, e nel atopamos produtos de artesanía e de comida e bebida. O horario de apertura é o venres de 17:00 h a 23:30 h , o sábado de 11:00 h a 23:30 h e o domingo de 11:00 h a 21:00 h.
Cando e onde é a representación principal?
O acto central da Reconquista é a súa representación, na que se escenifica o momento da expulsión das tropas francesas por parte da milicia local. É o domingo ás 18:00 h no terreiro da Porta do Sol. Continúa na rúa da Gamboa co derrubamento da porta homónima e remata no porto, coa expulsión en barco do exército napoleónico.
Como hai que vestir?
Malia que ninguén che vai prohibir entrar na zona do Casco Vello se non cumpres o código de vestimenta, non está de máis caracterizarse (que non disfrazarse) na medida do posible. Patricia González Iglesias, costureira e experta en moda tradicional, explica que en 1809 aínda non chegaran os tecidos industriais a Vigo, polo que, agás os panos que se importaban desde Bélxica, a maior parte da roupa procedía dos teares manuais, o que daba unhas pezas moito máis bastas que as de hoxe.
A vestimenta que acostumaban usar as mulleres galegas para as tarefas do día a día consistía nunha saia ou refaixo de tecido groso sobre a que se colocaba un mandil e, na parte de arriba, unha camisa branca ou chambra cuberta cun pano ou mantón e tamén cun corpiño ou xustillo. Os pés calzábanse con medias ou escarpíns e unhas zocas ou zapatos negros. O pelo adoitaba ir tapado cun pano anoado arriba ou atrás e era común levar pendentes nas orellas. Pola súa banda, o traxe tradicional masculino estaba composto, na parte inferior, por unhas cirolas, unhas calzas e unha faixa arredor do tronco. Na parte superior, a camisa cubríase cunha chaqueta e un chaleco. Decote, a cabeza ía tapada cun pucho ou cun sombreiro e nos pés levábanse medias ou polainas con zocos ou de zapatos negros. Neste artigo vos deixamos uns cantos consellos.
Hai música?
Ademais da música espontánea que xurda nos diferentes postos e por parte dos asistentes á festa, hai pasarrúas de música tradicional programados pola organización, así como diversas actuacións musicais e espectáculos infantís nos nove terreiros repartidos pola Porta do Sol, o Paseo de Afonso XII, o Berbés (tres), as rúas da Falperra e de Chao, a Colexiata e A Pedra. Concretamente, máis de 50 actuacións musicais: Ardentía, Acordereita, O Son do Río, Mari Carmen, Tarambainas e Ferreñas da Oliveira son algunhas das agrupacións que actuarán nestes días. No Berbés haberá unha zona para os máis pequenos da casa na que se desenvolverán actuacións pensadas para público familiar como as de Cé Orquestra Pantasma, Peter Punk ou o Mago Kali.
Un pouco de historia
O 31 de xaneiro de 1809 os franceses asediaron e fixéronse co poder da vila de Vigo. Aínda que a convivencia entre galos e vigueses era tensa, transcorreu sen demasiados incidentes. Entre os locais mantívose unha rede de contactos coas autoridades foráneas para organizar a sublevación. Con todo, segundo o escritor Pedro Feijoo, a representación da Reconquista conta con certas inexactitudes que, a base de repetirse ano tras ano, foron ficando como verdades na cultura popular local. Por mencionar só algunhas: aínda que Chalot se represente como un comandante vello, gordo e incompetente, en realidade só tiña 37 anos e foi un dos oficiais máis condecorados do exército napoleónico e heroe nas batallas de Jena, Austerlitz e Eylau. Na representación tampouco se lle dá moita relevancia ao alcalde Vázquez Varela, quen xogou un papel fundamental. De maneira moi astuta, soubo ir minando o inimigo, racionándolle a comida para que, chegado o momento da revolta, estivese baixo mínimos de enerxía. En cambio, o mariñeiro Carolo converteuse practicamente no eixe do noso mito fundacional como cidade a golpe de machadazos contra a porta da Gamboa. Pola súa banda, a personaxe de Aurora é, en realidade, a representación da afouteza de todas as viguesas durante a contenda, xa que pouco se sabe da verdadeira Aurora: só unha breve mención no libro A cidade e os días de Xosé María Álvarez Blázquez, quen destaca a súa importancia no labor de abastecemento de armas e munición. Queres saber máis? Preme aquí.

Programación completa de actividades
Martes 24 de marzo: Casa Galega da Cultura (praza da princesa)
Charla didáctica
Mércores 25 de marzo
Ensaio xeral da Festa na Porta do Sol
Venres 27 de Marzo
17:00 h Apertura Mercado tradicional
17:15 h Apertura da zona infantil (Praza do Berbés)
17:30 h Apertura de Torreiros
17:30 h Ruada do Trebón do Berbés
18:00 h Ruada de gaiteir@s
19:00 h Ruada de gaiteir@s
19:30 h Actuación Pandeireteiras da Buxaina no Torreiro Estrella Galicia , (Paseo de alfonso)
20:00 h Ruada de gaiteir@s
20:30 h Actuación de Ce Orquesta Fantasma no Torreiro da Praza dos Ratos
21:00 h Actuación de O Son do Río No Torreiro Central (Porta do Sol)
21:30 h Actuación Acordeireta no Torreiro Estrella Galicia , (Paseo de alfonso)
21:30 h Actuación Tarambainas, no Torreiro do Berbés
23:30 h Peche do mercado
Sábado 28 de marzo
11:00 h Mercado tradicional
11:15 h apertura da zona infantil (Praza do Berbés)
11:30 h Foliada infantil, no Paseo de Alfonso (organiza AF O Fiadeiro)
12:00 h: Charla histórica «O Vigo que viron os franceses durante a Reconquista» de Jorge Lamas (Instituto de Estudios Vigueses) no Centro Cívico do Casco Vello
12:00 h Asalto o carro na praza do Berbés
12:00 h Actuación Infantil Peter Punk no Torreiro da praza dos Ratos
12:30 h Actuación da Escola Baile Tradicional da AVC Casco Vello no Torreiro do Berbés
12:30 h Actuación Banda de Zanfonas da ETRAD Torreiro da Porta do Sol
13:00h Obradoiro de Baile, Torreiro de Eduardo Chao (Organiza A Buxaina)
13:00h Ruada de Gaiteir@s
13:30 h Actuación de Arghalleiros Torreiro Estrella Galicia (Paseo de alfonso)
15:30 h Ruada de Gaiteir@s
16.00 h: Chara histórica «Introducción as armas e uniformes da época Napoleónica» polo Club Deportivo de Esgrima Histórica Falcata-Hema no Centro Cívico del Casco Vello
16:00 h Obradoiro de Danzas do Mundo Torreiro Estrella Galicia
16:30 h Actuación do Mago Kali no torreiro da Praza dos Ratos
17:00 h Actuación de Ferreñas da Oliveira Torreiro Estrella Galicia
17:30 h Actuación Títeres no Torreiro da Porta do Sol
18:00 h Asalto o carro de suministros no Paseo de Alfonso
18:15 h Actuación de Peter Punk na torreiro da Praza dos Ratos
18:30 h Ruada de Gaiteir@s
19:00 h Actuación da banda de Gaitas da ETRAD, na da Porta do Sol
19:30 h Regueifas no Torreiro da Praza dos Ratos
20:00 h Ruada de Gaiteir@s
20:15 h Ruada de Gaiteir@s
20:30 h Actuación do Mago Kali no torreiro da Praza dos Ratos
21.00 h Actuación Pandereteiras Ferreñas da Oliveira
21:00 h Actuación de Tarambainas no Torreiro do Berbés
21:00 h Actuación de Mari Carmen no Torreiro Estrella Galicia
21:30 h Actuación de Orfeón Mariñeiro do Berbés + Ardentía no Torreiro Central – Porta do Sol
23:30 h Peche do mercado
Domingo 29 de marzo – Reconquista da Vila de Vigo
11:00 h Apertura do Mercado tradicional
11:15 h Apertura zona infantil (Praza do Berbés)
11:30 h Saída das peixeiras” desde o Torreiro da Pedra
11:30 h Saída das verduleiras e rosquilleiras desde o Torreiro da Praza dos Ratos
11:30 h Ruada da Treboada Baixo Miño, saída dende o Berbés
12:00 h Ruada de Gaiteir@s
12:00 h Ruada de Gaiteir@s
12:00 h Actuación Os Tolleitos no Torreiro da praza dos Ratos
12:00 h Actuación no Torreiro Estrella Galicia (Paseo de Alfonso)
12:30 h Actuación infantil no Berbés
12:30 h Ruada de Gaiteir@s
13:00 h Ruada de gaiteir@s
13:00 h Ruada de gaiteir@s
15:30 h Ruada de Gaiteir@s
16:30 h Saída da Banda de Gaitas do Casco Vello, Praza dos Ratos
17:00 h Saída da Milicia e Alarmas desde a Praza do Berbés
18:00 h Reconquista da Vila de Vigo con comezo na Porta do Sol
19:00 h Ruada de Gaiteir@s
19;30 h Ruada de Gaiteir@s
20:00 h Actuación de Maghua pandeireteiros Torreiro Estrella Galicia (Paseo de alfonso)
21:00 h Fin de Festa
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- As dúas tendas de discos máis veteranas de Vigo súmanse ao Record Store Day - 16 Abril, 2026
- A biblioteca de Schrödinger: vai ter por fin Teis unha biblioteca ou só unha sala de lectura? - 16 Abril, 2026
- O Festival de Cans acollerá seis estreas na sección Furacáns - 14 Abril, 2026
- Dirty Suc: o ‘Fillo do Mar’ de Vigo prepárase para a súa gran noite - 9 Abril, 2026
- Todo o mes é 25 de abril - 6 Abril, 2026

