Guía para desfrutar do Marisquiño

Do 6 ao 9 de agosto, Vigo volverá converterse nun gran escenario ao aire libre para acoller unha nova edición do Marisquiño, festival de acceso gratuíto que combina deportes de acción, música e cultura urbana. O epicentro estará, un ano máis, na praia de Samil, aínda que o MTB Downtown trasladará a competición ao centro da cidade. A edición de 2026 reunirá uns 1.500 deportistas de máis de 30 países, preto de 60 artistas e prevé superar os 150.000 asistentes. O programa inclúe oito disciplinas deportivas, tres delas olímpicas, dúas modalidades adaptadas, probas puntuables para a World Cup de Skateboarding e o circuíto FIBA 3×3, ademais de concertos, DJs, batallas de freestyle rap e intervencións de arte urbana. Estas son nove actividades imprescindibles do festival:

Danny León | Foto: Pierre-Antoine Lalaude

    2. Unha jam session de skate con Danny León
    O venres ás 20:30 h, a rampla de Samil acollerá a Piraña Ñam Session, unha sesión aberta de skate dirixida por Danny León, un dos skaters españois máis destacados da última década e habitual do Marisquiño. A proposta prescinde do formato competitivo para recuperar o espírito máis libre do skate: unha trintena de participantes compartirán trucos e liñas sen xuíces nin puntuacións, convertendo a exhibición nun espectáculo baseado na creatividade e na improvisación.

    4. Catro días de música en directo
    A programación musical desenvolverase durante as catro xornadas do festival en catro escenarios e diferentes formatos, con concertos, sesións de DJ e sound systems. En Son Estrella Galicia atoparemos os concertos, en La Plaza aos principais DJ, Oasis estará dedicado a música xamacaina e o dab e Sunset ambientará a zona de mercado e foodtrucks. O cartel mantén a aposta pola música urbana e entre os nomes máis destacados desta edición figuran L0rna e Rebeliom do Inframundo.

    5. Final ibérica da competición mundial de DJs
    O domingo 9, Marisquiño será por primeira vez sede da final ibérica dos DMC Iberia, a competición de referencia internacional do turntablism. O domingo competirán os mellores DJs de España e Portugal nas categorías Scratch, Classic e Open, coa vista posta en conseguir unha praza para a final mundial que se celebrará en Londres.

    6. Competición de Skate e BMX adaptados
    Marisquiño volverá ser un dos poucos festivais do mundo que inclúe skate e BMX adaptados dentro do seu programa oficial. Do 7 ao 9 de agosto, Samil reunirá riders de oito países de Europa e América nunhas probas abertas que compartirán instalacións e premios coas competicións convencionais. Entre os participantes figuran algunhas das grandes referencias internacionais destas disciplinas, como o brasileiro Vinicios Sardi, vixente campión do Marisquiño en Adaptive Skateboarding; a estadounidense Tia Pearl, catro veces campioa do mundo; o colombiano Julián Molina, pioneiro do BMX adaptado e primeiro rider con discapacidade en competir nos X Games Real BMX; ou o español Juanje Trujillo, unha das figuras que máis impulsou esta modalidade no Estado.

    7. Marisquiño Kids
    A programación familiar medra este ano baixo a marca Marisquiño Kids, con máis de corenta actividades gratuítas repartidas ao longo dos catro días. O xoves celebrarase o Family Day, con talleres de skate, BMX, breaking, basket 3×3, graffiti ou freestyle rap, mentres que durante toda a fin de semana haberá xogos, actividades participativas, finger skate, obradoiros creativos e espazos pensados para o público infantil e xuvenil. Horarios aquí.

    8. Mercado e foodtrucks
    Entre competicións e concertos, a zona do piñeiral será o principal punto de encontro de público e deportistas. Este espazo reunirá o mercado, zonas de descanso e unha ampla oferta gastronómica. Como novidade, a organización ampliou o número de postos ata 21 food trucks, con propostas de comida rápida, gastronomía local e opcións vexetarianas, veganas e sen glute. O Market contará con tendas de moda urbana, deporte, arte e proxectos sociais.