Guía das terrazas imprescindibles

Cando o sol aperta e as tardes se alongan, as terrazas convértense nos lugares máis codiciados. En Vigo e a súa contorna, hai espazos que combinan boa comida, vistas espectaculares e propostas culturais que fan que quedar á sombra cun cóctel sexa un planazo. Desde xardíns con piscina, a restaurantes con vistas e locais urbanos con vocación artística; estas son as cinco terrazas que hai que pisar este verán.

TRECE RESTOBAR, GASTRONOMÍA CREATIVA

ESCENICAS

Avenida de Castelao, 4 (Arcade, Soutomaior) | 986 51 91 12 | @trecerestobar

En Arcade, Trece Restobar irrompeu hai poucos meses nunha zona de tradición de marisquerías cunha proposta culinaria moderna e global. Con 22 anos de experiencia, Txema e o seu equipo fusionan sabores internacionais —desde tacos mexicanos a woks tailandeses— con toques galegos, reinventando clásicos con enxeño, como as súas luras fritidas con fariña de garavanzo ou o bocata de polbo e queixo de tetilla.

O local está decorado con esmero: o salón conta cunha ornamentación elegante, mentres que as terrazas teñen un aire máis bohemio. As dúas terrazas, nas que teñen previsto realizar concertos nas noites de verán, ofrecen vistas marítimas espectaculares. Este domingo, 13 de xullo, teñen programada unha festa con DJ e cócteles elaborados co apetirivo italiano Aperol. A tardiña é o momento perfecto para elixir un dos seus cócteles elaborados por Txema, quen anteriormente rexentaba unha coctelería. Os mojitos, as piñas coladas, os negronis e os Apple Street maridan á perfección cos últimos raios de sol escapulindo tras as Cíes.

LAGARETA BY AURORA, OASIS GASTRONÓMICO CON PISCINA

Estrada de Camposancos, 347 | 627 48 50 78 | @lagareta_by | lagareta.buenacarta.com

Este restaurante e bar foi deseñado para gozalo ao aire libre e é moi atractivo para rematar un día de praia ou escapar do ruído da cidade, pois ofrece magníficas vistas á ría e atópase a poucos minutos do areal de Canido. Desde 2020, este espazo, antes dedicado a vodas, reconverteuse para o público xeral, e destaca agora polas súas amplas terrazas e agradables xardíns. É o lugar perfecto para gozar dunha comida baixo a sombra dunha árbore ou contemplar o solpor desde as súas tres terrazas. Ademais, ten unha piscina dispoñible baixo reserva para uso privado, moi acaída para eventos especiais, como aniversarios e comuñóns, ou reunións de grupo.

A oferta culinaria resalta por ser variada, pois contan con opcións de comida, cea e petiscos, amais dunha popular carta de brunch e merenda que inclúe zumes naturais, gofres, pancakes e torradas. Para o mediodía e a noite ofrecen pratos para picar, como croquetas e gyozas, e outros máis contundentes, como picaña, guisos ou salmón noruegués. Lagareta by Aurora é un destino moi versátil pola oferta de comida e cócteles e mais polo seu amplo horario, pensado para satisfacer tanto parellas e familias como grupos de amigos.

EL PERRO VERDE, COCIÑA VIAXEIRA NO XARDÍN

Costa dos Soldados, 10 (A Guarda) | 986 62 73 54 | @restauranteperroverde

Desde unha antiga casa con xardín na Guarda, o restaurante El Perro Verde leva unha década destacando como un dos restaurantes máis singulares da zona. A súa terraza é un auténtico verxel, un espazo amplo e cheo de árbores con mesas altas e baixas e algún recuncho máis íntimo no que gozar dunha bebida ao sol despois dunha xornada na veciña praia de Camposancos. A cociña mestura sabores asiáticos e latinoamericanos con chiscadelas galegas —como a súa reinterpretación do lacón con grelos—.

Todo é servido nun ambiente relaxado, cunha atención moi amable e un xardín onde crecen algunhas das hortalizas e herbas aromáticas que utilizan na cociña. Os venres e sábados hai música en directo e admítense mascotas. El Perro Verde é ese bicho raro polo que paga a pena a viaxe ata a raia.

O FANECO, LUME, MÚSICA E NATUREZA

Parque forestal de Beade | @ofaneco | 986 69 80 89

Este asador abriu as súas portas en xullo de 2022 no parque forestal de Beade, un espazo verde e arborado perfecto para o lecer, con rutas de sendeirismo, parque infantil e campo de fútbol. Conta cun amplo salón interior e varias terrazas para gozar da comida inmersos na contorna forestal. No mes de xuño deu un paso máis ao inaugurar unha nova terraza, bautizada como Veija Chill e deseñada para ofrecer un ambiente máis fresco durante o verán ou relaxarse cunha copa despois da cea. Esta terraza conta con barra propia, mesas á sombra e un escenario onde se organizan concertos de bandas galegas as fins de semana.

No corazón da súa cociña está o lume: o punto forte son as preparacións á brasa, de onde saen pratos de churrasco e tenreira galega e tamén peixes e verduras. De entrantes ofrecen tapas tradicionais para compartir, como tortilla, pementos ou luras, ademais de ensaladas e sobremesas. O seu menú do día, dispoñible de martes a venres, atrae moita veciñanza da contorna ao mediodía.

BARAFUNDA

A PÓLA, CULTURA E TARDEO

Paseo de Afonso XII, 7 | @a_pola_de_ivan

No corazón da cidade, este establecemento busca distinguirse pola súa vocación cultural cunha proposta que vai máis alá de servir canas, refrescos e combinados. Desde que hai ano e medio colleu as rendas Iván Puga, o seu obxectivo é ser un espazo que conxuga lecer e expresións culturais e que valora o traballo dos negocios veciños. Neste momento, o fotógrafo vigués Jorge Lens expón unha serie titulada Me llaman calle, que se inaugurou o pasado mes con dezasete concertos de artistas de rúa.

A Póla pon o foco no tardeo, un concepto que, segundo Puga, non está plenamente consolidado en Vigo. O bar abre as súas portas ás 16:10 horas, en homenaxe ao poema de Aute, e no interior do establecemento conta cunha colección de reloxos parados a esa hora. A terraza é un dos seus principais atractivos. O Paseo de Afonso XII é punto de reunión para quen busca un lugar en pleno centro desde o que gozar das vistas á ría e o solpor, e a Póla de Iván é o local axeitado para deleitarse co final do día con boa música e algo fresquiño na man.