Gudini: pratos de restaurante na túa neveira

Seguro que vos soa esta escena: un martes calquera, chegamos á casa cansos e o último que nos apetece é poñernos a pelar patacas ou a cociñar un guiso. Abrimos a neveira, mirámola con esperanza e ela devólvenos o baleiro. Nese momento, a tentación de pedir calquera cousa rápida e pouco saudable é enorme. Pero… e se puidésemos ter na despensa un prato de restaurante, feito con ingredientes de calidade e que só tarda dez minutos en estar listo? Pois esta posibilidade existe en Vigo e soa a mago: Gudini.

En España xa coñecemos ben o modelo de comida envasada, estandarizada e pensada sobre todo para os comedores de oficina. Gudini parte desa idea pero vai por outro camiño. Aquí non hai unha fábrica detrás, senón as cociñas de As Cunchas, un restaurante vigués con dez anos de oficio. A diferenza nótase no prato: receitas de tempada, produto local e elaboracións con ese sabor a caseiro que só sabe facer unha avoa ou Gudini.

En As Cunchas son especialistas no menú do día e contan cunha década de experiencia en alimentar a diario os traballadores do Berbés. A clave deste novo servizo é o envasado ao baleiro, que fan o mesmo día que cociñan. Isto permite conservar todo o sabor e as propiedades sen necesidade de engadir conservantes nin aditivos. Os pratos chegan en bolsas individuais que se poden gardar na neveira ata sete días ou conxelar ata tres meses, polo que o ideal é facer o pedido pensando no menú de toda a semana. Cando queiramos comer, só temos que quentar a bolsa ao baño maría , abrir, servir e desfrutar. Unha das vantaxes deste sistema é a súa limpeza, pois non deixa fumes, cheiros nin tixolas que fregar despois de comer.

Gonzalo Losada “Chef Gudini” e María Afonso, o matrimonio detrás de As Cunchas e Gudini | Pablo Vázquez

A carta, consta de opcións para o día a día e outras un pouco máis especiais. Por unha banda, están os pratos de diario: crema de verduras, espaguetes á boloñesa, albóndegas en salsa, salmón con arroz e vexetais, xamón asado, luriñas con patacas, polo ao curry, coliflor con salsa carbonara ou pescada á galega. As racións están pensadas para unha persoa, polo que son ideais para levar á oficina ou para comer rápido e rico na casa sen complicacións.

Por outra banda, Gudini tamén pensa nesas ocasións máis especiais ou en cando temos invitados e queremos quedar como bos anfitrións sen levar traballo. Para eses casos podemos pedir desde unhas vieiras gratinadas, unha pata de polbo ou lagostinos ao allo ata pratos máis contundentes como o bacallau confeitado, a pa de cordeiro ou o leitón. E para que a experiencia sexa redonda, a súa plataforma tamén permite engadir botellas de viño, de modo que xa temos a cea completa cun par de clics.

Todo o proceso é 100 % en liña a través da súa web. Cómpre ter en conta que non se trata dun servizo de comida rápida, senón que funciona cunha previsión de 48 horas. Isto é así porque cociñan baixo pedido para garantir que todo estea fresco e non desperdiciar alimentos. A repartición faise por Vigo e a súa área de influencia de luns a venres, con quendas de mañá e de tarde. Podemos pedir que chegue á casa ou incluso ao traballo se temos alí unha neveira onde gardalo. Un xeito intelixente de comer rico e con sabor a tradición, pero coa comodidade da tecnoloxía actual.

gudini.es

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.