O Galician Freaky Film Festival entra na prestixiosa Federación Méliès
O Galician Freaky Film Festival, festival de cine fantástico e freak de Vigo, pon á cidade no mapa internacional cinéfilo ao ser admitido na Federación Meliès.

O Galician Freaky Film Festival dá un novo paso na súa traxectoria ao incorporarse como membro competidor da Méliès International Festivals Federation (MIFF), unha das redes máis prestixiosas de cine fantástico a nivel mundial. O festival vigués pasa así a formar parte do circuíto que elixe o Méliès d’Argent á mellor curtametraxe europea, distinción á que poderá optar a partir de 2026.
A MIFF, fundada hai catro décadas, reúne 33 festivais de 21 países e suma unha audiencia anual superior aos 900.000 espectadores. A súa misión é impulsar o cine fantástico europeo e recoñecer aquelas propostas máis destacadas do xénero. A entrada do GFFF supón un aval á calidade e singularidade do cinema producido en Galicia, que continúa gañando presenza internacional.
O festival obtivo tamén este ano o selo EFFE (Europe for Festivals, Festivals for Europe), que distingue os certames cun forte compromiso coa excelencia artística e o impacto cultural. Este recoñecemento sitúa ao GFFF dentro do mapa europeo de referencia no ámbito da creatividade audiovisual e subliña o seu labor na difusión de propostas arriscadas e contemporáneas.
Con máis de 4.000 asistentes na súa última edición, celebrada entre o 19 e o 27 de setembro de 2025, o Galician Freaky Film Festival consolidouse como un espazo único para descubrir cinema fantástico e freak, con estreas exclusivas e todas as curtametraxes estranxeiras subtituladas ao galego. A súa entrada na MIFF e o selo EFFE reforzan a proxección internacional dun certame que continúa a exercer como embaixador da cultura cinematográfica galega

