Galicia Fest, o festival que aspira a consolidarse na cidade de Vigo, anuncia un novo cabeza de cartel
O 29 e 30 de agosto, o Muelle de Transatlánticos de Vigo acolle un festival indie-pop con nomes moi recoñecidos, que busca ser un referente a nivel nacional. Mikel Izal súmase a artistas como Beret ou Leire Martínez na lista de actuacións confirmadas para a primeira edición do Galicia Fest.

A Vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez; a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz; e Antonio Casal, director do festival, desvelaron o nome dun dos dous cabezas de cartel que permanecían ocultos para o venres 29 de agosto. “Trátase dunha figura do indie-pop recoñecida a nivel nacional, cunha posta en escena marabillosa e moi boa calidade artística”. Mikel Izal é unha das grandes apostas do evento na creación dunha experiencia innovadora para o público mozo e adulto, para gozar da música urbana nunha contorna privilexiada fronte á Ría de Vigo. Este concerto forma parte da súa xira El miedo y el paraíso, na que presenta o seu álbum homónimo co que gañou o Premio da Academia de la Música a Mejor Canción Pop por El Paraíso. Mikel preséntase por primeira vez na cidade olívica coa súa carreira en solitario, tras a separación do grupo Izal.
Tan só queda un nome para completar o cartel, que será desvelado nas próximas datas. Haberán dous escenarios enfrontados: un dedicado aos concertos e outro aos DJs. Ata agora, a división das actuacións nos días do evento é a seguinte:
- Venres 29 de agosto: Mikel Izal, Dorian; La Habitación Roja; Samuraï; Sexi Zebras; e Éxtasis.
- Sábado 30 de agosto: Beret, co seu único concerto en Galicia este ano; Leire Martínez, presentando o seu disco en solitario, ademais de interpretar grandes éxitos de La Oreja de Van Gogh; Fredi Leis, aportando representación galega ao cartel; Hey Kid; Maldita Nerea; Marlon; Noan; e Paula Koops.
Co patrocinio da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, a organización promotora destaca a súa aspiración de converterse nun festival semellante ao doutras grandes cidades do país, consolidándose no corazón de Vigo con novas entregas. Ademais, os mencionados patrocinadores ratifican o seu apoio á iniciativa, confirmando que se atopan xa xestionando a segunda edición de Galicia Fest, na que buscarán unha maior representación galega e viguesa no escenario. Destácase tamén a boa acollida na venda das entradas, quedando pouco para facer sold out.
Luisa Sánchez confirma que o Muelle de Transatlánticos de Vigo será tamén o escenario empregado para as futuras edicións do evento xa que, segundo afirma, é a mellor opción da que dispoñen. Casal, pola súa parte, recoñece que se trata dun gran reto de loxística e enxeñería, tendo que comezar con bastante antelación a montaxe dos escenarios e engrosar a contratación do persoal.
As entradas
O primeiro tramo de abonos completos xa se esgotou, quedando aínda un tramo cun prezo de 50,00 € + gastos de xestión. Porén, tamén se poden adquirir as entradas para cada un dos días a un prezo de 35,00 € + gastos de xestión. Podes adquirilas a continuación:

