CASAACUNHA

Fusión!

Hai unha grella de rúas en Vigo que, coma nun mapa de isóbaras, está a converterse nunha zona de altas presións gastronómicas. É curioso, porque case parece un xogo intencionado o feito de que en rúas con nomes como Sevilla, Valencia, Zamora… poidamos viaxar coas papilas linguais a Asia, Mexico, Venezuela… ou á cociña das nosas avoas. En calquera caso, son unha serie de propostas que agradecer desde o corazón, cun mimo ao produto inmellorable e unha aposta polas elaboracións caseiras que educan os nosos estómagos. Falar coa xente que está tras destes proxectos tan íntimos como valentes, deixa clara a seguridade que teñen cos fogóns. Son incontestables.

Propoñemos crear a vosa propia credencial de peregrinación para estes locais únicos. Son froito da condensación de soños e talentos de varias parellas, cuxo resultado é unha experiencia única en cada caso. Trátase de non perder a oportunidade de gozar de pratos nunca antes catados, de abraiarse coa calidade e a accesibilidade da boa gastronomía nesta zona paralela á Gran Vía. Se algo ten que ensinarnos a pandemia que estamos a vivir é a gozar da boa compañía, do aquí e do agora, de procurarmos as mellores experiencias posibles.

Velaquí vai un xogo en que cada unha destas fusións gastronómicas representa unha bóla da nosa árbore de Nadal.

Bóla vermella: Caracuchos

A presenza de pratos da gastronomía de base venezolana neste menú —do que destacamos a deliciosa arepa galega— non nos debe enganar. Estamos, ante todo, nun lugar onde degustar unha hamburguesa que non poderemos saborear en ningún outro lugar do mundo. A argumentación desta afirmación é a seguinte: catro cortes de carne (dous de vaca e dous de tenreira) no seu propio proceso de maceración, un sabor intenso para unha carne de calidade indiscutible, pois Carlos e Lisa Marié foron antes distribuidores de produtos cárnicos; whisky Jack Daniel’s para flamexar; raclette; marmelada asada; pementos de Padrón; eses cafés de autor con cortiza de caramelo…

O uso do mellor produto local, unha carta inspiradísima e un local cun traballo de ambientación tremendo, que transmite toda a forza e o flow desta cociña. Eles teñen claro o termo que os define: furious food.

Rúa de Sevilla, 12
986 29 22 75
caracuchos.es
@caracuchos_furiousfood

Bóla verde: Cactus

Algunhas palabras clave para introducir esta pequena marabilla: sabor, creatividade, cochinita pibil, taco pastor, margaritas caseiros, piña confeitada… Os tres días á semana en que o local permanece pechado, Ernesto e Tamara elaboran con mimo todas as preparacións caseiras do menú que equivalen ao cen por cento da carta. Hai moita xente á que lle escapa esta proposta culinaria, pois o o local traballa con reservas que enchen as 36 prazas a maior parte dos días. Por que será?

Ademais da carta selecta de fusión mexicana con produtos galegos —como a quesadilla a base de queixo do país—, o local vibra cun deseño harmonioso co que esperta o espírito de México. Unha variedade de cócteis totalmente caseiros elevan o atractivo do local con todo o sabor da mexican fusion food.

Rúa de Valencia, 9
986 12 74 54
cactusmexicanfusionfood.com
@cactusmexicanfusionfood

Bóla prateada: Living

Banner A Movidiña

Este foi un proxecto pioneiro na cidade, alá polo 2008, cando Yolanda e a súa parella trouxeron a comida de fusión asiática ás Rías Baixas. Sempre en desenvolvemento, esta feiticeira da cociña sabe que agora é o momento de volver a vista cara ao noso, sempre deixando un oco para as innovacións. O resultado é unha carta moi respectuosa coa gastronomía tradicional galega, cun aire fresco para un maior pracer, se cabe. A carta de viños é froito dunha coidadísima escolma, que sabe expresar sen complexos que os nosos Ribeira Sacra están ás mesma altura ca un Rioja ou de boas referencias gregas ou italianas, tamén incluídas na oferta.

Todo a prol dunha boa mesa, coidada sempre con mimo. Entre os pratos destacados, atopamos fabada de produción totalmente fresca, rabo de vaca guisado, solombo Rossini, de vaca galega co foie … E ollo aos brunch, que aquí teñen un carácter único onde absolutamente todo é de produción caseira: os english muffins, os ovos beneditinos ou a salsa holandesa. Ademais este ano contamos coas caixas de Nadal, para quen non queira cociñar. Con que máis nos sorprenderá esta cocina viva?

Rúa de Zamora, 81
986 24 78 59
livingcocinaviva.com
@livingvigo

The following two tabs change content below.

Maruxa Gesto

Últimos posts de Maruxa Gesto (ver todos)