Fran Alonso, escritor e editor: «Estamos no fin do modelo capitalista, pero os finais son moi longos»

En 1983 o alcalde de Baiona decidiu arrestar unha vaca por pastar na rúa. Esta noticia insólita que deu a volta ao mundo inspira a última novela de Fran Alonso (Vigo, 1963): Cáncara (Xerais, 2026). O actual director de Edicións Xerais traslada á actualidade este suceso para, a través da fantasía e a sátira, facernos reflexionar sobre a democracia e o poder mediático.

Fran Alonso | P. Vázquez
MILLO VERDE

Estudei Filoloxía porque non había Xornalismo en Galicia e non quería marchar para Madrid, onde xa vivira uns meses. Tampouco existía un abano de estudos moi amplo. Se cadra hoxe estudaría outra cousa. Non quería ser filólogo, o que me interesaba da carreira era a literatura, os libros. Pero o perfil estaba moito máis enfocado á lingua.

Sempre tiven esa vocación de escribir, de —en certa medida— informar, transmitir, de estar nos sitios. Recordo que con doce anos, cunha cámara malísima das que había naquela época, ía facer fotos dos temporais e cousas así.

Comecei a colaborar con medios incluso antes de rematar a carreira. Empecei no Diario 16, que tiña un 50 % ou 51 % de capital galego, e iso dábanos unha independencia forte. Foi unha aventura moi bonita polo momento de liberdade que viviamos. Publicamos cousas como as listas negras de Fraga e fixeramos un seguimento moi potente de Operación Nécora. Foi unha etapa moi bonita. Mesmo a nivel laboral as prestacións que tiñamos daquela non se parecen nada ás dos xornalistas de hoxe.

«Ás veces a realidade é tan inverosímil que a literatura é capaz de darlle un toque de verosimilitude»

Supoño que os medios en galego son libres porque non teñen sobre eles a carga do poder, pero hoxe o xornalismo de investigación realmente desapareceu. Quen sacaría na actualidade unhas listas negras? Eu recordo que aquelas listas eran terribles, a maioría das persoas que aparecían eran xornalistas, especialmente traballadores da CRTVG; saía, por exemplo, Carlos Blanco, de quen puñan algo así como: «nacionalista perigoso, atención con el». Decidimos publicar as listaxes íntegras. Evidentemente, creo que supuxo a retirada dalgúns anunciantes, pero eran cousas que daquela se facían.

Desde logo. Como lector bótoo moito en falta.

Cando queres escribir, non acabas de crer que podes ser escritor ata que algo te revalida. Gañar o Premio Blanco Amor con Tráiler foi unha especie de certificación. Máis alá do significado que ten o galardón a nivel económico ou de promoción, está validándote e recoñéceche que podes facelo. Foi moi revelador para min, que naquela altura tiña 27 anos. Tráiler, de feito, naceu de ler moito novo xornalismo americano como Tom Wolfe ou Norman Mailer.

Depende do tipo de xornalismo do que falemos. Para dar unha noticia de actualidade hai que manter a obxectividade e hai que responder a unha serie de cuestións nas que non cabe a literatura, polo que a distancia é moito maior. En cambio, nas reportaxes é onde o novo xornalismo americano reinventou o xornalismo aplicándolle técnicas literarias. Nunha reportaxe cabe moita máis literatura. É máis, eu creo que os lectores agradecen a literatura cando len unha reportaxe.

Fran Alonso | P. Vázquez

A reinvención, e iso está en Cáncara. Ás veces a realidade é tan inverosímil que a literatura é capaz de darlle un toque de verosimilitude. Neste caso, a detención dunha vaca é unha cousa tan esperpéntica, tan irreal, que apoiarte na fantasía axuda a facer a novela verosímil. Parece unha contradición, pero realmente é así.

A historia sempre a tiven aí, pero non atopei antes o momento de escribila. Sempre me pareceu unha novela fantástica.

Gran parte da miña infancia e adolescencia está ligada a Baiona. Todos coñeciamos o Cabeco porque o viamos pasar coas vacas. Recordo a impresión que me causou a detención da vaca; unha vaca que, ademais, vía pastar con frecuencia. Produce unha perplexidade enorme saber que a alguén non se lle ocorre nada mellor que deter unha vaca.

Eu creo que entra dentro da lóxica. Non esperaba que chegase tan lonxe, que traspasase o océano ou que saíse na prensa europea, pero era unha medida absolutamente desbaratada, entón tiña sentido que causase conmoción.

O Cabeco levou a cabo unha acción contra o poder moi valente. Quen se atrevía a enfrontarse ao alcalde dunha vila? E, sobre todo, quen se atrevía a enfrontarse a un alcalde como aquel, que tiña un dominio absoluto sobre todo o que sucedía na vila. Realmente era moi difícil e creo que foi un valente. Eu non o tratei persoalmente, pero a xente que o tratou conta que era un home con moito carácter. Evidentemente, tiña que telo para ser capaz de ir adiante con algo así.

«Fai falta que a CRTVG faga un xornalismo máis implicado coa identidade do país»

Se cadra non sería igual. Sempre queda esa esperanza de que tería que ser a mesma, pero é verdade que hoxe o poder xudicial está moi sometido. Tamén é certo que a normativa é moito máis ríxida, porque avanzou a regulación legal, e quizais o avogado non atoparía a fórmula para defender o demandante. Precisamente na novela quero convidar a reflexionar sobre a democracia: se consiste unicamente en votar ou se reside na liberdade de prensa, na separación entre poder xudicial e poder político ou na capacidade dos estados para liberarse e combater a corrupción.

Creo que estamos no fin dun modelo, o que pasa é que os finais son moi longos. A comunicación e o control que permiten as novas tecnoloxías son brutais e está cambiando o modelo de sociedade, o modelo de produción e o modelo de relación. Eu penso que iso, indubidablemente, vai ter que actuar sobre o modelo capitalista para esnaquizalo e crear un novo modelo. Pero este tipo de procesos son moi longos e é probable que eu non o vexa, lamentablemente, porque me gustaría velo. Coido que hai un gran reto á hora de construír un sistema cunha mirada nova, pero para iso tamén ten que haber un apoio nunha xeración que estea liberada de todo o que padecemos nós. Unha xeración capaz de superar todo o que arrastramos, que se basee na liberdade e na democracia para crear unha sociedade do ocio e o entretemento, na que se traballe moitas menos horas e haxa máis tempo para a realización persoal, para a cultura ou para o que se queira. É unha cousa que se vén vaticinando desde hai trinta ou corenta anos, pero que non se cumpriu porque o neoliberalismo está a levarnos ao extremo contrario. Pero eu creo que o neoliberalismo está dando os últimos estertores.

Si, o problema é saber canto tempo imos seguir padecendo isto, porque podería levarnos incluso a un colapso bélico.

Trasladei o relato á actualidade para reflexionar sobre isto. Empreguei a voz do pobo para reflectir como o poder mediático e o poder político inflúen na opinión pública. A opinión pública está sometida a unha presión tan forte que é moi fácil facela variar. De feito, páganse moitísimas campañas para cambiar a opinión da xente. Hoxe en día a repercusión sería enorme: xurdirían millóns de memes, habería mil influencers que virían fotografarse coa vaca, co Cabeco ou mesmo co alcalde. Xeraríanse seguramente debates encarnizados nas propias redes sociais, e quería reflexionar sobre como as redes acaban xulgando as accións das persoas.

Fran Alonso | P. Vázquez

É unha xornalista que rescatei doutro libro meu, Cemiterio de elefantes, no que aparece nunha das historias. É unha xornalista desencantada. Foi educada na busca constante da verdade e non acaba de dar creto a que algo poida suceder simplemente porque alguén quere marcar terreo, que é a hipótese que eu defendo no libro: o alcalde de Baiona quere marcar terreo, non hai outro motivo para deter unha vaca. Ela está sometida aos intereses do seu propio xornal, o que pode e non pode contar, o que pode e non pode investigar; polo tanto, está a dar coa cabeza contra o muro. Probablemente era algo que xa percibía, pero estes feitos condúcena aínda moito máis contra a súa propia frustración e iso acaba provocando nela unha transformación.

Paréceme fantástica. Primeiro porque é unha narradora excelente e segundo porque era unha figura emblemática da literatura galega e unha xornalista excepcional. Ademais, era especialmente relevante equilibrar a ausencia de mulleres que existe ao longo da historia das Letras Galegas, un desequilibrio que hai que seguir corrixindo.

Sen dúbida ningunha. E fai falta tamén que na CRTVG se faga un xornalismo moito máis activo, máis implicado coa identidade do país; un xornalismo capaz de falar a todo o público galego, non un xornalismo dirixido.

«O mundo editorial español está entolecido e arrástranos»

Eu creo que capital. De feito, temos un exemplo clarísimo, que foi nos noventa o Xabarín. Ata que punto un medio audiovisual ben enfocado é capaz de ilusionar a todo un sector de poboación e implicalo. Lamentablemente, hoxe parece irrepetible, pero si que se debería repetir. Creo que os medios xogan un papel fundamental para axudar a que este país crea realmente na capacidade que ten.

Ao longo destes últimos anos o abano da literatura galega foise ampliando. É un abano moito máis heterodoxo, non tan militante como o de hai vinte anos. Aínda hai, lamentablemente, moita xente que non le literatura galega por estar escrita en galego, pero si que xa hai unha parte importante de castelanfalantes que len literatura galega, e aí si que se incide positivamente. É moi significativo botar un ollo ás contas das bookstagrammers: a maior parte delas son castelanfalantes e fan recensións en castelán, pero cando falan dun libro galego, si que o fan en galego. Iso paréceme positivo. Estamos moi lonxe do estado ideal, pero por aí algo si que avanzamos.

Fran Alonso | P. Vázquez

Hai moitas máis editoriais e as editoriais publican máis títulos, pero o público lector non se amplía de forma multiplicativa. A oferta é moito maior e as tiradas teñen que ser necesariamente máis baixas, entón a coincidencia sobre un libro é menor. Hoxe en día é bastante máis difícil que un libro teña o éxito que podía ter hai vinte anos. Antes sacabamos 2.000 exemplares dunha obra de narrativa; hoxe tiramos 1.000, 1.200, 800…, dun libro que tira moito, 1.500. Baixaron as tiradas e publícase moito máis. Nós estamos reducindo o número de publicacións porque chegamos ao convencemento de que estabamos saturando as librerías.

Xustamente; de feito, hai libros que venden cantidades ínfimas que ás veces nos custa moito amortizar. Isto pasa tamén na edición española, aínda tendo un mercado moito máis amplo. A miña opinión como editor é que o mundo editorial español está entolecido, creo que se publica demasiado e que se entra en dinámicas moi perversas. Aínda que nós non queiramos entrar, arrástranos; estamos sometidos á unha presión moi grande.

A publicar demasiados libros comerciais, moitas veces nin sequera narrativa. É dicir, publicar libros —que ao final apenas teñen saída— porque se pensa que van ser éxitos por viren amparados por determinadas figuras. Esta práctica inunda as librerías de novidades, o cal supón un afogo para as propias librerías. Son dinámicas que noutros sistemas editoriais non se dan. O francés, por exemplo, é un sistema bastante cabal, hai outro respecto pola cultura. É complexo o que está sucedendo, pero eu creo que necesita ralentizarse e precisa dunha certa moderación.

Tamara Novoa
Editora

The following two tabs change content below.

Tamara Novoa

A súa curiosidade fixo que estudase xornalismo. Agora ten unha boa escusa para preguntar (case) todo o que quere. Sempre lle interesaron os movementos cidadáns e entende que os medios de comunicación deben cumprir un labor social. No 2018 cofundou A Movida co obxectivo de contribuír a un Vigo culturalmente máis activo.