Flor Baena: O último escarmento dunha ditadura moribunda
Recuperamos o testemuño de tres vigueses cuxa historia familiar quedou marcada pola represión franquista.

Cruzamos o portón de ferro do cemiterio de Pereiró e xiramos á esquerda. A escasos vinte metros paramos diante dun nicho que ten un ramo de flores cuns cordeis coas cores da bandeira republicana e unha pequena foto na que se distingue un rapaz novo. Alí dentro está o corpo de Xosé Humberto Baena, un dos últimos fusilados polo franquismo en setembro de 1975. Acompáñanos Flor Baena, irmá pequena de Humberto e defensora incansable da súa memoria. Cóntanos, diante da tumba, unha anécdota curiosa: o seu irmán comparte nicho coa súa avoa e co seu tío, que morreu en 1936 exactamente no mesmo sitio no que asasinaron a Humberto case corenta anos despois: en Hoyo de Manzanares, ao noroeste de Madrid. Debido a un erro de comunicación, a aviación franquista bombardeou unha zona na que aínda estaban os militares sublevados, o que acabou coa vida do tío de Flor, a quen chamaran a filas sen opción a negarse.
A historia de Humberto, pola súa dureza e inxustiza, é desas que, se saísen nunha película, non creriamos que é real. A Flor humedécenselle os ollos: «Pensarás que o digo porque son a súa irmá, pero en todos estes anos non atopei unha persoa que coñecese a Pite (como o chaman os seus achegados) que non me falase ben del», di. Como se estivese planificado, aparecen dúas antigas veciñas dos Baena, saúdan a Flor e corroboran as súas palabras. As tres póñense ao día con certa tristura: todas enviuvaron e a vida semella ter máis momentos malos que bos. Unha delas, mirando a tumba de Pite, teme que, tal e como están as cousas hoxe en día, poida volver acontecer algo así. «Oxalá que non», repiten.

Os feitos sucederon así: a mediados de xullo de 1975 acusan a Humberto Baena de asasinar en Madrid o policía Lucio Rodríguez. Encarcérano en Carabanchel, onde pasa os seguintes meses. A súa familia só pode visitalo vinte minutos á semana, a través dun cristal, os sábados pola mañá. Os Baena acoden todas as semanas, facendo quendas entre eles, tras coller o tren nocturno. Hai días que Pite aparece con media cara golpeada, con marcas nos brazos, sen un dente, cun ollo morado que non pode nin abrir. Non hai nin unha soa proba que o identifique como o autor; ao contrario, hai evidencias e testemuñas presenciais que demostran que non foi el, mais a policía non as acepta. Con Franco moribundo, o Estado quere dar un último escarmento: Humberto, xunto con outros catro homes (entre eles o tamén vigués José Luis Sánchez-Bravo), é fusilado o 27 de setembro de 1975. O calvario da familia Baena non remata coa ditadura: un ano despois, con Franco baixo terra, incendian a casa dos pais de Flor —co que se queiman todas as probas do caso e tamén as poesías de Humberto— e péganlle catro tiros ao seu can. Denuncian o feito á policía, que responde que «xa terán novas» máis adiante. Estas nunca chegan. Un dos motivos do pouco interese por esclarecer o caso puido ser que, segundo Flor, as catro balas que sacaron do corpo do animal eran do mesmo modelo que as que utilizaba a policía.
Medio século despois do asasinato, en agosto de 2025, Flor recibiu unha carta do Goberno de España pola que se declara nula e ilexítima a condena a morte do seu irmán; unha pequena recompensa a unha vida de activismo que, aínda así, non consegue reparar a dor dunha familia coutada pola represión. Flor non ten pensado parar: continúa mantendo viva a memoria de Pite mediante charlas en institutos e universidades, homenaxes, entrevistas e actos políticos oficiais. O seu seguinte obxectivo é que nos libros de texto figure a historia do seu irmán, para desmentir todo ese boato arredor dos últimos anos «brandos» do franquismo. Para rematar cunha boa nova, cóntanos que a Universidade de Santiago, onde estudou Humberto, lle vai poñer o seu nome a unha aula da Facultade de Filosofía e Letras.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- O Underfest trae por primeira vez a Galicia as ilustracións orixinais dun músico de culto - 12 Novembro, 2025
- Revista de novembro: 50 anos de desmemoria - 31 Outubro, 2025
- Moon Cresta, dani dicostas, Broken Peach… Novidades musicais locais para o Samaín - 31 Outubro, 2025
- O Concello incrementa o orzamento de Cultura para 2026 en máis dun millón de euros - 29 Outubro, 2025
- Flor Baena: O último escarmento dunha ditadura moribunda - 28 Outubro, 2025



