CASAACUNHA

Flamingos Vintage Kilo, moda de antes que dura para sempre

Por amor ás tendencias retro, por afección á procura de gangas, porque todo o pasado foi mellor ou porque o usar e non tirar é unha digna alternativa aos abusos da industria téxtil actual. Flamingos Vintage Kilo é un negocio que responden a todos estes preceptos, sempre con moito estilo.

De un tempo a esta parte, dicir que levas posta a chaqueta da túa avoa volveuse cool. Isto é unha boa nova, tanto para os amantes da moda como para os preguizosos das compras. Quedando no primeiro grupo, o auxe da moda vintage ofrece un novo (vello) mundo por explorar e infinitas posibilidades que levar co queixelo be alto, tomando o “todo volve” como lema de vida.

O razoamento de Marta Vizcaya para abrir aquí unha sucursal de Flamingos Vintage Kilo (unha franquía presente en moitas urbes españolas) foi bastante sinxelo: había en Vigo unha comunidade que quería vestir diferente, pero que non tiña unha tenda onde que atopar pezas irrepetibles. Isto foi en 2016 e hoxe a tenda segue a ser a única especializada en prendas vintage con sede física na nosa contorna.

Para Marta, vestir con prendas de segunda man non é soamente unha cuestión de estilo, senón que de calidade: conta que a dos pantalóns vaqueiros, os vestidos ou os abrigos que se fabricaban hai unhas décadas é notablemente superior á que atopamos hoxe nas tendas da rúa do Príncipe… e con mellores prezos! Como xa anticipa o nome da tenda, aquí a roupa véndese ao peso. En función do tipo de prenda, da calidade e do estado, podemos elixir pagar 13, 24 ou 39 euros. “É un sistema diferente e divertido que nos trae recordos das tendas de teas ou toallas doutora; forma parte da experiencia”. Para que vaiamos botando contas: un xersei de entretempo pesa uns 400 gramos, mentres que uns jeans roldan os 700. Estes últimos son unha das pezas máis demandadas na tenda, “pola gran diferenza de calidade con outras tendas”; xunto ás crazy jackets, o chándal satinado dos anos noventa; ou as camisas hawaianas “de verdade”, pois toda a roupa vén importada dos Estados Unidos.

Outro motivo polo que a xente acode a esta tenda é a certeza de que fabricar máis roupa é das últimas cousas que precisa o noso planeta; o auxe do activismo medioambiental empuxa ás novas xeracións (a maioría da clientela deste negocio é moi nova) a consumir máis moda de segunda man. E outro motivo: é unha tenda pet friendly.

Banner A Movidiña

Rúa do Doutor Cadaval, 21

986 13 49 36

Instagram: @flamingosvintagekilovigo

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.