VIALIA
REVISTA MARZO

Fin de semana en clave de muller

Máis de 40.000 persoas saíron ás rúas de Vigo ao grito de ‘Igualdade’, unha folga histórica polos dereitos da muller. A xornada de onte será dificilmente esquecible e agardamos, sexa o punto de partida cara unha sociedade na que o sexo non sexa unha ferramenta discriminatoria. Para pousar toda a emoción vivida onte, comeza unha fin de semana que se escribe en feminino.

As mulleres se manifestaron en Vigo para reivindicar igualdade | Alba Sotelo

En igualdade dende o berce
Un dos eslavóns fundamentais para un cambio real na situación da muller é a educación. Educar aos máis pequenos en valores de igualdade é fundamental para crear unha sociedade máis xusta. O saben ben na libraría do Casco Vello Libros para Soñar, que esta mesma tarde organiza a sesión ‘Elas Contan’, a segunda parte dos seus contos en feminino. Mañá sábado, A Cova das Letras representa a obra ‘Mariñeiras’ na Escola Semente, unha peza que nos fala de dúas mulleres da beira do mar que loitan por levar o seu propio temón. Tamén na tarde do sábado, o Concello organiza unha xornada de contacontos en igualdade na Praza 8 de marzo.

Mulleres que pasaron a historia
Tornar a vista cara o papel que asumiron certas mulleres da nosa historia é máis que necesario. Unha das mulleres en maiúsculas de Galicia foi a escritora Emilia Pardo Bazán. Esta noite no Auditorio Municipal represéntase ‘Emilia’, unha peza que nos achega á figura dunha muller que a finais do século XIX se empecina en ser ela mesma e non abandona a súa vontade de escribir e participar na vida pública. No mesmo espazo, o domingo pola tarde, Caramuxo Teatro presenta ‘Ela’, unha obra para o público familiar que nos mergulle no universo creativo da pintora Maruxa Mallo.

Banner A Movidiña

Música en clave de muller
Aínda que probablemente foi unha cuestión do azar, hoxe Sés toca no Auditorio Mar de Vigo. A artista galega é sen dúbida unha gran defensora dos dereitos da muller e na súa actuación non faltarán as proclamas feministas (como nos contaba nunha entrevista para A Movida). Dentro das actividades propostas polo Concello de Vigo está a actuación de Wöyza mañá ás 20:00 no Museo Marco. Unha actuación gratuíta dunha das grandes mulleres da actualidade viguesa.

Que non falte a sátira
O feminismo non está exento de humor. Iso o saben ben as mozas de Enconarte Producións que a noite do sábado farán dous pases no bar Serán da súa derradeira peza ‘Monstruación’, a gargallada está asegurada. Como tamén o está no monólogo de Isabel Risco ‘Nabiza Girl’ na Asociación de Veciños de Teis. Moita sátira, humor, música e arte se conxugarán no Festival nas Verzas, unha proposta do colectivo 85C. Baixo o lema ‘Máis duras cos cañotos das verduras’, máis de 20 artistas emerxentes do panorama cultural galego participarán nesta iniciativa que xira arredor do papel das mulleres no punk. Un evento que se desenvolverá o sábado a partir das 6 da tarde na sala Doppler.

As asociacións
As asociacións de veciños tamén queren render homenaxe a labor que cada día prestan as mulleres e organizan diferentes actos. No Centro Cultural de Beade haberá teatro con ‘Godspell’ e no de Valadares haberá bailes de salón, concerto de acordeón con Jaime Vilas e actuación do grupo de baile Ledicias. Ambas rematan cunha gran chocolatada.