Ángel Stanich, Picnic Sesións e encontro de lutería esta fin de semana en Vigo
Esta fin de semana temos festivais en Saiáns e en Bembrive, os concertos de Su Garrido Pombo, Ángel Stanich e Lluís Sánchez e propostas de humor, artesanía e lutería. Se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana entra na axenda de A Movida.

CONCERTO DE ‘TRASPIELAS’ DE SU GARRIDO POMBO – Venres ás 20:00 h na Sala Ártika – Desde 11,00 €
Su Garrido Pombo xunto a Macarena Montesinos, Iago Ramilo, Marco Maril e Fran Rodríguez Casal que revisita cancións tradicionais da aldea de Traspielas a través dunha mestura de electrónica, experimentación, música de raíz e visuais en directo, coa intención de celebrar e poñer en valor a memoria colectiva dun territorio. O resultado é un concerto-espectáculo que mira cara ao futuro, ofrecendo ás cancións de sempre novas formas, novas imaxes e novos oídos para seguir vivas.
Pantomima Full presenta Hecho a mano, o seu terceiro espectáculo, no que trasladan ao directo o humor dos seus coñecidos vídeos dixitais. A proposta ofrece unha hora e media de monólogos e sketches cos seus personaxes habituais, interpretados sen edición nin cortes, nun formato escénico sinxelo que aposta polo contacto directo co público. O espectáculo mantén a mesma liña dos seus traballos anteriores, centrada en conversas cotiás e retratos irónicos da vida actual, adaptando o seu estilo ao formato teatral.

CONCERTO DE ÁNGEL STANICH – Venres ás 21:30 h no Mondo Club – Desde 24,00 €
Ángel Stanich decidiu regresar aos escenarios para presentar o seu cuarto disco cunha xira titulada Gira (Aún) Sin Nombre. O músico santanderino, unha das figuras máis singulares da música alternativa española, retoma a actividade tras un período de silencio e inactividade, no que permaneceu afastado dos escenarios. A nova xira nacional supón o seu regreso cunha ampla serie de concertos por todo o país. Fiel á súa maneira de entender a música e a exposición pública, Stanich non ofreceu apenas detalles sobre o disco nin sobre o contido do espectáculo, mantendo o misterio que caracteriza a súa carreira, marcada por letras afiadas, imaxes próximas ao absurdo e un ton entre o irónico e o confesional que o consolidou como artista de culto.
O III Encontro Profesional Galego de Construción de Instrumentos Musicais celébrase en Vigo na Escola Municipal de Artes e Oficios como unha cita itinerante que busca dar visibilidade ao traballo dos lutieres en Galicia. Trátase dun evento gratuíto e aberto a todos os públicos que combina unha mostra de instrumentos musicais con actividades como faladoiros, mesas redondas, micro abertos, presentacións e actuacións en directo. Ao longo das dúas xornadas abordaranse temas relacionados coa construción, restauración e historia dos instrumentos, así como a formación e o futuro do sector, ofrecendo un espazo de encontro entre profesionais e persoas interesadas na música e na artesanía.
DÍAS EUROPEOS DA ARTESANÍA – Sábado e domingo de 11:00 h a 19.00 h no Museo do Mar – De balde
O Museo do Mar de Galicia en Vigo celebra os Días Europeos da Artesanía 2026 cun programa de actividades gratuítas e abertas a todos os públicos, organizado pola Fundación Artesanía de Galicia. Durante a fin de semana desenvolveranse obradoiros participativos e demostracións en vivo que permitirán achegarse a oficios tradicionais da man de artesáns locais, con propostas como cerámica en mesa e torno, pintura sobre madeira e estampaxe vexetal sobre tecido. As actividades terán lugar en horario de mañá e tarde e non requiren inscrición previa.

PICNIC SESIÓNS – Sábado e domingo de 12:00 h a 21:00 h en Saiáns – De balde
Festival familiar e gratuíto en Saiáns que combina música en directo, obradoiros creativos e actividades para nenos nunha contorna natural. Durante a fin de semana haberá concertos con estilos variados como rock, funk ou blues, ademais de espectáculos e propostas para todos os públicos. Ademais, se organizan talleres de cerámica e creación, xunto con actividades en inglés para os máis pequenos. O evento complétase con zona de mercado e foodtrucks, converténdose nun plan perfecto para desfrutar en familia ao aire libre.

TREINTAÑERAS CAÑERAS – Sábado ás 21:00 h na Sala MasterClub – Desde 10,20 €
A irreverente banda viguesa Treintañeras Cañeras estará presentando o seu segundo traballo Ibericana na sala Master. En palabras da propia banda este disco é un reflexo da sociedade actual “é dicir unha puta merda”. Guitarras afiadas, voces agresivas, humor e moito sarcasmo son os ingredientes que definen a banda e que non faltarán neste novo concerto.
VIG-BAY – Domingo ás 10:00 h desde a Praia de Samil – Inscricións pechadas
A Vig-Bay é unha media maratón que une Vigo e Baiona ao longo de 21,097 quilómetros, converténdose nunha das probas populares máis destacadas do calendario deportivo galego. O percorrido descorre principalmente pola costa, pasando por zonas como Samil e Nigrán, ata rematar diante do parador de Baiona, o que lle outorga un gran atractivo paisaxístico. Trátase dun evento que reúne tanto a atletas profesionais como a corredores afeccionados, e que cada ano atrae a miles de participantes, xerando un importante ambiente deportivo e festivo ao longo de todo o traxecto.
FESTIVAL BEMBRIVE EN PÉ – Domingo ás 18:00 h en Bembrive – Desde 6,00 €
O festival Bembrive en Pé celebra a súa terceira edición cun evento musical e reivindicativo en defensa dos espazos naturais da parroquia de Bembrive e en oposición ao proxecto de ampliación da A-52. A iniciativa nace coa finalidade de recadar fondos para gastos xurídicos e estudos ambientais destinados a analizar o impacto da infraestrutura, que afectaría a unha zona de alto valor ecolóxico e á calidade de vida da veciñanza. O festival conta coas actuacións de Buxandaina, Abril e Tino Baz e Fernando Brea.

CONCERTO DE LLUÍS SÁNCHEZ – Domingo ás 19:00 h na Sala Rebullón – Desde 11,00 €
Gañador da terceira tempada do talent show catalán Eufòria, continúa a consolidar a súa carreira musical e prepárase para un 2026 cheo de novidades. Tras o éxito do seu tema ‘Els millors dels nostres dies’, o artista viviu un 2025 especialmente destacado. Chega a sala Rebullón grazas ao Ciclo Girando Por Salas, abrirá o evento o artista galego Montedapena.

