Fillas de Cassandra, The Rapants e Eladio y los Seres Queridos pechan os concertos de Castrelos

Castrelos despedirá hoxe, domingo 16 de agosto, a súa programación musical de verán cunha triple cita galega. Fillas de Cassandra, The Rapants e Eladio y los Seres Queridos protagonizan a primeira edición do FNAC Live Vigo, que contará tamén cunha sesión de Bea Fernandes DJ. Para as dúas primeiras formacións será, ademais, a súa estrea no escenario vigués.

Despois dun verán polo que pasaron grandes nomes internacionais como Deep Purple, Chayanne ou The Corrs, Castrelos pechará os concertos deste ano cunha noite centrada na música feita na casa. FNAC Live chega por primeira vez a Vigo cun formato que xa se puido ver en grandes cidades como Lisboa, Madrid ou Barcelona e que aquí aposta por tres xeracións e maneiras diferentes de entender a escena galega actual.

REVENIDAS

A cita está anunciada para esta mesma tarde-noite no Auditorio de Castrelos, un recinto que espera reunir a 5.000 persoas só ao pé da pista. As reservas saíron á venda por 10 euros e aínda quedan entradas dispoñibles, pero, como no resto dos concertos, será posible seguir as actuacións de balde desde as bancadas e a zona superior do recinto.

Dúas estreas e un regreso a Castrelos

O concerto terá un significado especial para Fillas de Cassandra e The Rapants, que se subirán por primeira vez ao escenario de Castrelos nun momento de pleno crecemento para ambos os grupos, que veñen de publicar novos traballos musicais.

Na casa xogan as viguesas María SOA e Sara Faro, que chegan cun novo disco baixo o brazo. Este 2026 publicaron Tertúlia, o seu segundo disco, un traballo de doce cancións que continúa mesturando electrónica e raíz galega, pero que coloca agora no centro a conversa e a comunidade. O álbum publicouse a finais de abril e estreouse en directo poucas semanas despois no Recinto Feiral de Pontevedra.

Esta nova xira levounas a cruzar fronteiras, con actuacións en Mozambique, Esuatini ou Praga, ademais de festivais e escenarios de dentro e fóra de Galicia. Fillas de Cassandra apostan por un directo concibido como unha verdadeira tertulia, na que tamén teñen cabida a mitoloxía, o feminismo e as cancións das súas etapas anteriores, con temas de ACRÓPOLE, o seu primeiro proxecto, e de Hibernarse, o EP que viu a luz o ano pasado.

Tamén será a primeira vez para The Rapants. A banda de Muros subirá ao escenario para presentar o seu cuarto disco, Rapants Club, que estrearon este mesmo ano nun gran concerto no Multiusos Fontes do Sar, en Compostela. Unha actuación que promete mesturar este novo traballo cos grandes temas da súa traxectoria, coa presenza, por suposto, de cancións como “O avión”, “La Favorita” ou “Rue Franklin”, que xa se puideron desfrutar en escenarios como os do PortAmérica, a praza de María Pita ou a Quintana.

Quen xa coñece Castrelos é Eladio y los Seres Queridos. A formación viguesa liderada por Eladio Santos regresa ao auditorio celebrando máis de dúas décadas de traxectoria. O propio músico recoñeceu estes días as ganas de volver ao escenario vigués, tras o seu paso por Castrelos en 2002 con Starlux e en 2011 xa como Eladio y los Seres Queridos. Agora, cunha hora de actuación por diante, o grupo prepara un percorrido condensado pola súa carreira no que non faltarán temas como “Non quero perderte”, do que recentemente publicaron unha nova versión xunto a Fillas de Cassandra e Amaral, “El tiempo futuro” ou “Bella durmiente”.

A cita chega despois dun ano percorrendo distintos escenarios galegos, con paradas no Galegote de Pontevedra, o PortAmérica, as Laureanadas Sessions de Malpica ou o Salao Surf Café de Corrubedo.

Todo o que tes que saber

Unha das principais novidades do FNAC Live será o sistema de pulseiras para o público ao pé da pista. As persoas con entrada recibirán unha pulseira que lles permitirá saír do recinto e volver acceder posteriormente, unha fórmula pensada para unha xornada de varias horas de duración e con distintos concertos ao longo da tarde e da noite.

Bea Fernandes terá tamén un papel protagonista durante toda a cita. A DJ será a encargada de acompañar a velada durante os cambios de escenario, mantendo a música entre concerto e concerto, e porá o broche final á noite cunha última sesión tras as actuacións.

A música comezará ás 19:15 horas en Castrelos, cunha programación que se estenderá durante máis de cinco horas. Bea Fernandes DJ abrirá a xornada antes de dar paso a Eladio y los Seres Queridos, que actuarán de 20:15 a 21:15 horas. A quenda de Fillas de Cassandra chegará ás 21:35 horas, cun directo previsto ata as 22:50. Por último, The Rapants subirán ao escenario ás 23:10 horas e pecharán os concertos ás 00:25 horas, antes da sesión final de Bea Fernandes.

Para quen necesite transporte, Vitrasa terá unha lanzadeira especial ao rematar o FNAC Live, con saída desde a avenida de Castrelos, na parada 1340, e percorrido por Camelias, Venezuela, Urzáiz, García Barbón, Sanjurjo Badía, Travesía de Vigo, Pizarro, Praza de España e Gran Vía. Para chegar ao parque antes do festival funcionarán as liñas habituais L-A, L7, L12B, L17, L27 e H2.

Cómpre avisar tamén que para esta tarde hai unha previsión de aviso amarelo por altas temperaturas nas Rías Baixas entre as 13:00 e as 21:00, con máximas de 34 ºC. Recoméndase acudir con tempo, hidratarse e protexerse do sol para desfrutar sen risco deste evento. 

Unha xornada que estaba chamada inicialmente a coincidir con outro evento multitudinario: o Celta-Osasuna, previsto para o mesmo horario a poucos minutos de Castrelos. Finalmente, o encontro foi aprazado polo mal estado do céspede, afectado por un fungo e agravado polas altas temperaturas. Así, o debut dos celestes na casa disputarase finalmente o xoves 27 de agosto ás 20:30 horas, deixando todo o protagonismo musical da tarde e da noite deste domingo ao escenario de Castrelos.