Fillas de Cassandra presenta o seu novo traballo nun evento especial no Marco
O dúo vigués Fillas de Cassandra dará a coñecer o seu novo EP, Hibernarse, en dúas presentacións exclusivas que terán lugar en Vigo e A Coruña contra final deste mes de xuño. O showcase de Vigo será o venres 27 de xuño ás 21:00 h, onde actuarán e darán a coñecer polo miúdo, e desde a proximidade, o proceso de creación do seu último traballo.

Hibernarse é un proxecto multiformato que reflexiona sobre a construción social do tempo: o seu núcleo é un EP con catro temas que se acompaña dun videofilme, dun fanzine, dunha colección de xoias da man de Toda Frágil e doutras propostas que o dúo desvelará nos showcases. Para poder acceder a estas presentacións, organizandos dentro da iniciativa Noite no museo con Fnac e nas que as artistas actuarán e darán a coñecer polo miúdo, e desde a proximidade, o proceso de creación do seu último traballo, o público poderá conseguir os seus convites nas tendas que a Fnac ten en Vigo e na Coruña. Nas vindeiras semanas, tanto a través da cadena como dos perfís das artistas nas redes sociais, daranse a coñecer os detalles do proceso.
Ademais, todas aquelas persoas que adquirisen o pack conformado polo vinilo e o fanzine de Hibernarse na prevenda a través da páxina web de Altafonte, tamén terán opción de acceder a estas dúas presentacións exclusivas. A discográfica porase proximamente en contacto coas compradoras a través do correo electrónico.

A primeira das dúas presentacións terá lugar, como non podería ser doutro xeito, na cidade natal de Fillas de Cassandra. O MARCO Museo de Arte Contemporánea de Vigo celebrará o 27 de xuño, a partir das 21:00 h, unha Noite no Museo, na que María SOA e Sara Faro interpretarán os catro temas do novo EP –feito a man, arderse, quebrantarse e hibernarse-, ademais de conversar co público sobre o proceso creativo do disco, as temáticas e todo o universo do que se compón Hibernarse: alén do EP e do fanzine, do seu videofilme, da colección de xoias elaborada por Toda Frágil, e unha nova sorpresa que se dará a coñecer esa mesma noite.
Ao día seguinte, Fillas de Cassandra viaxará á cidade da Coruña para presentar o seu último álbum na Fundación Luis Seoane. Así, o sábado 28 de xuño, desde as 20.00 horas, nesta Noite na Fundación as e os asistentes poderanse achegar e coñecer, de perto, a nova obra de Sara Faro e María SOA.

Hibernarse
Hibernarse é un proxecto multiformato e singular que versa sobre a construción social do tempo a través de distintas disciplinas artísticas. Un EP, un videofilme, un fanzine, unha colección de xoias (creada da man de Toda Frágil) e outras sorpresas -que se darán a coñecer nos showcases– conforman un universo no que María SOA e Sara Faro fan un chamado sobre a pausa necesaria que esixen os procesos creativos e artesanais.
O novo traballo discográfico de Fillas de Cassandra, producido por Greta Ch’aska, Mumbai Moon e por elas mesmas, é o resultado dun proceso de maduración musical e discursiva fiado devagar polas artistas, que irromperon con forza no panorama musical galego coa publicación do seu aclamado álbum debut, Acrópole (2023, Tremendo Audiovisual). Após dous anos de crecemento como grupo e con máis dun cento de concertos ás costas, o dúo pecha esta etapa, antes de facer un descanso, coa presentación de Hibernarse.
Noite no Museo con Fnac
Noite no museo con Fnac é unha iniciativa que Fnac vén facendo nos últimos dez anos en cidades de toda España. Estes eventos especiais procuran achegar a experiencia das e dos artistas máis importantes do momento aos seus fans nun ambiente íntimo e en espazos culturais senlleiros que son recoñecidos polo seu labor museístico e cultural, como son o MARCO Museo de Arte Contemporánea de Vigo e a Fundación Luis Seoane da Coruña.



