Fillas de Cassandra anuncian novo disco e tranforman as cancións en cadeiras
O dúo vigués, que é finalista nos Premios da Academia da Música á mellor canción do ano 2025 por ‘Hibernarse’, publica o 24 de abril Tertúlia, o seu agardado segundo LP. Levan a portada do seu disco a un recinto museístico: unha ducia de pezas escultóricas explora a forma, o peso e a textura das cancións, que se poderán preescoitar antes do seu lanzamento. Desde A Movida organizamos este mes un encontro exclusivo con Fillas de Cassandra en Vigo, cuxa data publicaremos proximamente.

O 24 de abril María SOA e Sara Faro lanzarán, da man de Altafonte, Tertúlia, o seu agardado segundo LP. Un traballo que supón un paso firme na súa evolución artística, onde o orgánico e o electrónico se entrelazan para dar voz a un diálogo que transcende o tempo.
‘Tertúlia’ é un convite a desobedecer a través do encontro e da palabra. Neste novo traballo, producido xunto a Çantamarta polas propias Fillas de Cassandra, a electrónica convértese na linguaxe protagonista, reflectindo o latexo da xeración de mozas galegas á que pertencen. As viguesas contan neste álbum, ademais, coa colaboración de nomes como Abraham Cupeiro, Ede, Pipiolas e Zetak.
Do estudio ao museo
A instalación TERTÚLIA: doce cancións, doce cadeiras poderase visitar na tarde do martes 7 e ao longo do mércores 8 na Granell; e a partir do venres 10 en Madrid, no espazo Infinito Delicias. De ser portada dun disco a conformar unha exposición. Doce cadeiras despregadas nun círculo para facilitar organicamente o encontro. Unha roda para conversar e para poñer a palabra no centro. Doce pezas, unha por cada canción do disco, son as protagonistas de ‘Tertúlia’, o novo álbum de Fillas de Cassandra. Mais tamén desde hoxe, e ata mañá, da unha exposición temporal que o público pode visitar, de balde, na Fundación Granell.
Que forma, textura ou cor terían as cancións se fosen cadeiras? Baixo esta premisa agroma TERTÚLIA: doce cancións, doce cadeiras, unha exposición que hibrida a creación musical de Fillas de Cassandra coa práctica escultórica e escenográfica do colectivo As dúas e punto. A mostra invita ao público a entrar fisicamente na portada do novo disco do dúo, un álbum que verá a luz o 24 de abril.
A elección da cadeira como dispositivo narrativo desta ‘Tertúlia’ non é arbitraria; remite á oralidade, á escoita, á expresión. Ás mulleres que sacaban o asento á rúa para “saír á fresca” e falar, conversar, dialogar; para transformar o espazo público nun lugar de transmisión e complicidade, idea que atravesa o segundo LP das viguesas. Esta exposición recupera ese xesto para encarnar a música en doce pezas que funcionan como partituras tridimensionais.

