Festival Sinsal, Festas populares e Festa do Viño esta fin de semana en Vigo

Continúa a actividade cultural ao aire libre con moitas propostas de balde ligadas á música e a gastronomía. Consulta a axenda máis completa de Vigo aquí. Preme no título de cada evento para ter máis información.

Sinsal | Foto: Pablo Vázquez

FESTAS POPULARES – Durante toda a finde en varios barrios e parroquias – De balde

Fin de semana cheo de festas populares con bandas tradicionais, orquestras e postos de comida e bebida. Consulta os programas de Santa Cristina de Lavadores, Santiago Apóstolo en Bemvribe, Santa Ana de Beade e Festa da Sardiña na Guía.

CONCERTO TRIBUTO A NIRVANA DE SCHOOL – Xoves ás 22:30h no Ocean Bar – Desde 6,00 €

Directo dedicado a Nirvana, un concerto para revivir a esencia do grunge dos anos noventa.

FESTIVAL SINSAL: CARMEN LÓPEZ E MATEO MENA – Venres 24 ás 10:30 e 12:30h – De balde

O festival estende este ano a súa programación ao longo de dúas fins de semana consecutivas entre a illa de San Simón, Vigo e o Camiño Portugués. Este venres celebran dous concertos de inauguración na mañá do venres 24 en Vigo en dúas arquitecturas significativas da cidade: o Planetario do Instituto Marítimo Pesqueiro do Atlántico e a cámara semianecoica da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo. O festival continúa de venres a domingo na Illa de San Simón e a vindeira semana en puntos do Camiño Portugués.

FESTA DO VIÑO GALEGO- De venres a domingo no Náutico – De balde

Evento que reunirá en Vigo adegas de distintas denominacións de orixe de Galicia, propostas gastronómicas e actuacións musicais en directo de JuanMa, EVA 10, Pablo Cerviño, El 4º Sentido, Ronseya & Nick Pacheco Jr., Mañana Viernes, No All Kansas e Kaf.

CHARANGA ACHICORIA – Venres ás 20:30h no CC Vialia – De balde

Formación chegada de Xinzo de Limia. Cun repertorio cheo de clásicos populares, ritmos bailables e moito humor, a banda promete animar a xornada e facer participar ao público de principio a fin.

CURIOSIDADES SOLITA: FROM ASHES TO DUST – Venres ás 21:00h – Villa Solita

Ciclo de concertos en formato pequeno que busca dinamizar e poñer en valor o enclave histórico de Villa Solita. From Ashes to Dust é un grupo vigués de metalcore que mestura a contundencia do metal moderno con influencias do hardcore e o deathcore. Cun son agresivo e melódico a partes iguais.

ÓPERA ‘CARMEN’ – Venres ás 22:00h no Auditorio de Castrelos – De balde

Carmen é unha ópera en catro actos escrita en 1875 por Georges Bizet, baseada na novela homónima de Prosper Mérimée.  Foi revolucionaria por combinar música, drama e realismo social e hoxe segue sendo unha das obras máis representadas nos teatros de ópera de todo o mundo.

DANCE4 – Venres ás 22:00h na Sala Master – 3,00€

Evento solidario que reúne DJs e artistas da escena electrónica co obxectivo de recadar fondos para axuda humanitaria en Venezuela. No cartel figuran nomes como Bruno Baw, Chemixx, Disperso Kollektiv, Gameboy, Irene Castro, Mené, Mussa C, Nenaza, Parking Dust, Pray4Hard, Sariinha, Verusk ou Zero Delay

ROMARÍA DA BUXAINA – Domingo ás 12:00h na Capela do Vao – De balde

Xornada de música, xogos tradicionais e festa popular organizada polo Grupo Etnográfico A Buxaina e o CRAC de Coruxo. O programa inclúe a actuación de Tres PésTradiolimpiadas, o espectáculo infantil Pataghullos: Festa da Escuma e unha foliada aberta, ademais de xantar popular, bebidas e sorteos.

EN BUSCA DOS EDIFICIOS PERDIDOS – Somingo ás 11:00h na Fortaleza do Castro – De balde

Actividade familiar para descubrir, a través de xogos e pistas, a historia da Fortaleza do Castro e os seus edificios desaparecidos. Dirixido a familias con nenos e nenas a partir de 5 anos.Require de inscrición previa-

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.