Festival Millo Verde: música, cultura e compromiso comunitario na Praia de Cesantes
A XIX edición do Festival Alternativo Millo Verde celébrase do 21 ao 23 de maio de 2026 en Redondela cun cartel diverso, actividades para todos os públicos e o mesmo espírito independente e sostible co que o creou a Asociación Millo Verde en 2007.

O Festival Alternativo Millo Verde celebra a súa XIX edición os días 21, 22 e 23 de maio de 2026 na Área Recreativa da Praia de Cesantes, en Redondela, consolidándose como un dos festivais independentes máis singulares e lonxevos de Galicia. A poucos días do seu arranque, a organización vén de facer públicos os horarios dun evento que, ademais, reforza o seu prestixio ao ser finalista por segundo ano consecutivo nos Premios Martín Códax da Música. Un recoñecemento ao traballo sostido do colectivo que o organiza, que leva preto de dúas décadas apostando por un modelo de festival independente, diverso e comprometido co territorio.
A programación musical desta edición mantén a esencia ecléctica que define o Millo Verde desde os seus inicios. O xoves 21 de maio, con acceso gratuíto, abrirán o festival Nadie González, Vimbio e Pladür. O venres 22 será a quenda de iYaman Pablo & Irie Reggae Vibes, Pan de Capazo, La Chiva Gantiva, Mitad Doble, Esmorgadas e Boogies, gañadores do Concurso de Maquetas. O sábado 23 chegará o peche cun cartel que inclúe a Lula Mora, Moon Cresta, Carmen Xía, Alpargata, Rebeliom do Inframundo, Fülü e Catalina Grande Piñón Pequeño. Entre actuación e actuación, a batucada Bloquinho Aperta encargarse de manter a enerxía do público.
As entradas de día e abonos para o venres e o sábado están á venda na web do festival, ademais da opción de reserva de camping.

Ademáis da sucesión de concertos, Millo Verde destaca por unha programación paralela e gratuíta pensada para todos os públicos. O Millo Miúfo ofrece xogos e actividades para as crianzas, mentres que os obradoiros de batucada, danza africana e ArteLixo reforzan a vertente participativa e educativa do evento. A programación complétase con actuacións de Asacocirco e unha actividade de vólei praia para familias. Tampouco faltará o xa emblemático Eskalabirras, unha das citas máis agardadas e divertidas do sábado na que os asistentes debn subirse ao maior número de caixas baleiras de cervexa posible.
A organización tamén reforza cada ano medidas de sustentabilidade e accesibilidade, con vasos reutilizables, sanitarios ecolóxicos, servizo de limpeza, autobuses lanzadeira, control de aforo, Punto Lila e espazos adaptados para persoas con mobilidade reducida e diversidade funcional.
Detrás da proposta está a Asociación Millo Verde, constituída en 2007. A principal actividade da asociación é precisamente a organización do Festival Alternativo Millo Verde, un evento feito desde a base social, con prezos axustados e para o desfrute de todas as xeracións. A través do Millo canaliza os seus obxectivos fundacionais: apoiar novos talentos, difundir a música e a cultura galegas, favorecer o intercambio con propostas estatais e internacionais e contribuír ao desenvolvemento cultural de Redondela. Ao mesmo tempo, o festival serve para poñer en valor os atractivos turísticos e paisaxísticos da Praia de Cesantes, demostrando que é posible crear un evento de referencia combinando calidade artística, compromiso social e respecto polo medio ambiente.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A Selección Galega de Fútbol Gaélico busca apoios para financiar a súa participación nos Xogos Mundiais - 5 Xuño, 2026
- Autobán convoca un premio ao mellor fanzine galego - 3 Xuño, 2026
- Caixiña de Ritmos propón un verán de baile, música e creatividade - 29 Maio, 2026
- Amigos de la Ópera presenta ‘Don Giovanni’ e outras dez actividades - 29 Maio, 2026
- ‘Oasis’, ‘Punto Nemo’ e ‘Ágata y Lola’ encabezan a programación do Festival de Series Ría de Vigo - 27 Maio, 2026



