Festival Kerouac, Keltoi, e carreira contra o cancro este fin de semana en Vigo
Este domingo toca vestir a roupa deportiva para unirse A Derradeira carreira ‘Vigo contra el cáncer’ que por último ano percorrerá as rúas de Coia. A poesía enche diversos espazos da cidade grazas ao Festival Kerouac e os seareiros e seareiras do Celta e a Real Sociedade teñen o concerto de irmandade de Keltoi e Brigade Loco na Fábrica de Chocolate. Preme no título de cada evento para máis información. Se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana entra na axenda de A Movida.

Acéndese o faro da poesía en Vigo coa 15ª edición do Festival Kerouac. Un encontro que converte distintos puntos da cidade en espazos para a música e os recitais. Este venres e sábado ofrecen unha serie de encontros musicais e poéticos a partes iguais, o Corte Inglés será o lugar para concertos de entrada libre na avenida de Gran Vía. Por outro lado, o sábado darán recitais, un concerto e a presentación do novo poemario de Alberto Avendaño e Manolo Romón.
‘As que limpan’ – Ás 20:00 na Sala Ártika o venres, sábado e domingo – Desde 13,00€
A compañía de teatro A Panadería pon fin ao seu forno teatral, pero antes volven traer a nosa cidade o espectáuclo ‘As que limpan’. Unha comedia satírica e feminista que visibiliza a loita das camareiras de piso por condicións laborais dignas no sector turístico. Retranca, música vocal e humor crítico conflúen na denuncia da explotación, a precariedade e as desigualdades de xénero e clase detrás do turismo. Un espectáculo que conta con tres funcións desde o venres ao domingo, ás 20:00h na Sala Ártika.
O Ciclo Momentos Alhambra achega á sala Supersonic dúas propostas de artistas emerxentes a nivel estatal. O venres o trío estremeño Sanguijuelas del Guadiana, demostraran a súa aposta pola música en directo con inspiracións en Extremoduro, Triana, Estopa ou Nirvana. O sábado hai cambio de rexistro coa voz suave e emotiva de Inazio, quen presenta un concerto folk e letras que exploran o amor, a soidade, os soños e a busca de sentido nun mundo complexo.
Mercado Cerámico – De 10:00 h a 20:00 h no Mercado de Teis o sábado – De balde
Unha vintena de artesáns cerámicos encherán o Mercado de Teis coas súas creacions. O evento organizado por No todo el pescado está vendido, inclúe obradoiros gratuítos de cerámica, actividades para todos os públicos e concerto a cargo de Jennifer Taylor Trío.
Festichao – A partir das 12:30 h na rúa Chao o sábado – De balde
Nunha desas prazas escondidas entre as rúas do Casco Vello Taverna Chao, Corbatas, Burla Negra e Ferry’s organizan de novo o seu particular festival con música en directo, gastronomía e artesanía. O que xurdiu case de improviso como unha especie de celebración e desafío ao acendido das luces de Nadal, este ano adiántase para aforrarse o mal tempo neste outono sen chuvias. A festa está aberta a todo o mundo que queira pasarse por alí durante o sábado a curiosear e festexar.

Keltoi + Brigade Loco – Ás 21:00 h na Fábrica de Chocolate o sábado – Desde 15,00 €
“Futbola, sentimendua, anaitasuna eta musika. Ez dago asteburu honetarako plan hoberik” publicou o Celta nas redes, é dicir, “Fútbol, sentimento, irmandade e música. Non pode haber un plan mellor para esta fin de semana”. A mítica banda viguesa compartirá na Fábrica de Chocolate o escenario coa banda euskara para celebrar o encontro do Celta de Vigo coa Real Sociedad este domingo. Unha tregua musical que busca a irmandade entre afeccións e a reivindicación da música punk e a similar actitude das culturas do norte da península.
‘Una noche de zarzuela’ – Ás 20:00 h no Teatro Afundación o sábado – Desde 33,00 €
O Outono Lírico de Amigos de la Ópera ofrece este recital protagonizado por Ainhoa Arteta, Borja Quiza e Francisco Corujo, acompañados ao piano por Javier Carmena. Este concerto levaranos a través dalgunhas das pezas máis representativas da zarzuela como La Revoltosa, El dúo de la Africana, El barberillo de Lavapiés ou Luisa Fernanda, entre outras.
Vigo 430 ‘Resonancias íntimas’ – Ás 20:30 h na Colexiata o sábado – De balde
A Orquestra Vigo 430 continúa co seu Festival de música de cámara ‘Sinerxias’ cun programa singular titulado ‘Resonancias íntimas’, que propón unha inmersión na revolución silenciosa de dous compositores de séculos e mundos distintos, pero unidos pola súa capacidade de innovar e emocionar a través do cuarteto de corda: Wolfgang Amadeus Mozart y Aleksandr Borodin.
El niño de la hipoteca – Ás 22:00 h en La Pecera o sábado – Desde 16,00 €
El Niño de la Hipoteca (Guiu Cortés) foi toda unha revolución no mundo da música e un dos pioneiros, neste país, do formato de artista multitarefa que se autoedita, autoproduce e autoxestiona. Presenta un novo show que combina música, humor, un xogo de mesa e un combate de kárate. Un espectáculo no que, mediante un xogo, o público e o cantante decidirán que sucederá en cada momento.

Vigo contra el cáncer – A partir das 10:00 en Coia – Inscricións pechadas
A Carreira Vigo Contra el Cáncer despídese tras once edicións nas que lograron recadar máis de 280.000 € destinados a distintos proxectos de investigación relacionados co cancro. Para esta derradeira edición pretenden sobrepasar os 300.000 € e destinalos ao proxecto Nuevas oportunidades para pacientes con sarcoma –VIGO4SAR , cuxo obxectivo é mellorar a calidade de vida e supervivencia das persoas afectadas por sarcomas. Se non temos dórsal podemos achegarnos ata o barrio de Coia a animar aos participantes e dar unha calorosa despedida as organizadoras do evento.

