Festas gastronómicas, parroquiais e moita música esta fin de semana en Vigo e arredores
Se a chuvia dá unha pequena tregua, estes días temos moitos plans cos que despedir agosto. Eventos gastronómicos como a Festa do Marsico e a Romaría do Pan de Millo, as festas parroquiais de San Campio en Valadares e do Cristo en Cangas, o festival de rock Splash en Patos ou as xornadas de cine mudo e música na Fundación Sales son algunhas das opcións. Preme no título de cada evento para máis información. Visita a axenda da Movida para coñecer todos os eventos da cidade.

Xornadas de cine mudo e música Mu2 – De xoves a sábado na Fundación Sales – Desde 12,00 €
As Xornadas de Cinema Mudo e Música de Vigo, mu², celebran a súa cuarta edición do xoves 27 ao sábado 29 de agosto no xardín botánico da Fundación Sales. Durante tres noites, o público poderá gozar de clásicos do cinema mudo proxectados ao aire libre, acompañados por música orixinal composta e interpretada en directo polo quinteto residente Caspervek, dirixido polo pianista Brais González.
Festa do Marisco – De xoves a domingo no Porto do Berbés – De balde
A XIX Festa do Marisco de Vigo celebrará a súa edición máis ambiciosa do 27 ao 30 de agosto e do 3 ao 6 de setembro, no recinto de O Berbés. A organización prevé superar os 50.000 visitantes nunha cita que duplica os días de celebración respecto a edicións anteriores. Ofrece unha ampla selección de produtos do mar a prezos variados, desde os 9,00 € dos mexillóns á vinagreta ata os 36, 00 € do polbo á feira grande. Tamén conta cunha variada programación musical.
Festas de San Campio – De xoves a martes en Valadares – De balde
Valladares despide agosto e recibe setembro ao grande. As Festas de San Campio regresan este ano con sete días consecutivos de celebración, do mércores 26 de agosto ao martes 1 de setembro, cun programa no que conviven algunhas das grandes orquestras da verbena galega, bandas de música, charangas, agrupacións tradicionais e costumes que forman parte da identidade da parroquia. París de Noia, Olympus, Assia, Banda Gaudí ou Kubo pasarán pola parroquia viguesa nunhas festas que mesturan grandes orquestras coa música tradicional, as carrozas e as cucañas.
Festas do Cristo – Ata o luns en Cangas – De balde
A programación arrincou o pasado venres 21 co acendido de luces, o Festival Tromentelo e La Duendeneta. Ao longo dos días pasaron e pasarán por Cangas Baiuca, Bala, Grande Amore, Os Vacalouras, Rebeliom do Inframundo, Alana e Nékrora, entre outras formacións.
O programa inclúe tamén a Queima de Damas e Galáns, comparsas de cabezudos, ruadas, a I Varada de Gamelas, espectáculos familiares e as celebracións do Cristo do Consuelo e da Virxe do Carme. O domingo 30 rematará cun gran espectáculo pirotécnico e o luns 31 será a quenda de Baiuca e da orquestra Claxxon Tour.
II Festival Splash: Los Deltonos + Cowscaos – Venres ás 19:30 h en Patos (Nigrán) – De balde
Malabar Pénjamo enche as tardes de verán de música en directo coa programación Tardes na Solaina, un ciclo que combina artistas galegos con propostas chegadas de fóra en diferentes puntos do Concello de Nigrán. O ciclo remata coa segunda edición do Festival Splash, no que actuarán os cántabros Los Deltonos e os lisboetas Cowscaos.
Sinfonía de soños – Sábado ás 19:00 h na Porta do Sol – De balde
A representación infantil contará coa participación da Agrupación Musical Atlántida de Matamá, acompañada polo saxofonista Rafael Yebra, e coa compañía Barafunda, que levará á escena “Sinfonía de Soños” coa música interpretada pola formación de Matamá.
Concerto de Ivo e Roi Lago – Sábado ás 20:15 h na Academia Compass – Con reserva previa
O próximo sábado 29 de agosto ás 20:15 h, Compass acolle un concerto protagonizado polos irmáns Ivo e Roi Lago, dous novos músicos formados nos Conservatorios Superiores de Madrid e Salamanca, respectivamente. O programa propón unha viaxe por algunhas das grandes páxinas do repertorio clásico, coa interpretación da Suite Española de Gaspar Sanz e a Chacona de Bach-Busoni. Como peche, os músicos abordarán unha das obras máis emblemáticas da música española e do repertorio universal para guitarra: o Concierto de Aranjuez de Joaquín Rodrigo. O aforo é reducido e recoméndase reservar previamente no 616 800 497.
Chandefolk: Luar na lubre – Sábado ás 21:30 h na carballeira de Chandebrito (Nigrán) – De balde
O Concello de Nigrán celebrará unha nova edición de Chandefolk o sábado 29 de agosto cun grupo de folk de referencia internacional: Luar na Lubre. A formación galega ofrecerá na carballeira de Chandebrito a partir das 21:30 horas un concerto de balde encadrado na súa xira ’40 aniversario’ tras ter recibido o ano pasado a Medalla Castelao da Xunta de Galicia. A actuación estelar deste grupo galego ratifica ao Chandefolk como cita imprescindible para os amantes deste xénero musical tras ter acollido en pasadas edicións a Milladoiro, Budiño, Susana Seivane ou Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre. Como teloneiras, a partir das 21:00 horas estarán as Pandereteiras do Sobreiro, una recoñecida formación de mulleres miñoranas.
Romaría do Pan de Millo – Domingo desde as 10:00 h no Parque Forestal de Cotogrande
A XXXVIII Romaría do Pan de Millo volverá reunir gastronomía, tradición e música popular o domingo 30 de agosto no parque forestal de Cotogrande, en Cabral. Organizada polo Centro Cultural e Recreativo de Cabral, a cita naceu en 1986 coa intención de poñer en valor un dos produtos máis tradicionais da gastronomía galega e está recoñecida pola Xunta de Galicia como festa gastronómica, ademais de figurar como actividade turística. O gran protagonista volverá ser, como indica o propio nome da romaría, o pan de millo, que poderá degustarse só, con pasas ou con pasas e noces. Ao seu redor haberá unha ampla oferta de comida tradicional con sardiñas asadas, polbo á feira, churrasco con criollos e patacas, empanadas de millo e de trigo, empanadillas e pan de trigo, ademais de servizo de cafetería. Todo se ofrecerá a prezos populares e a comida estará dispoñible ata esgotar existencias.
The Glow Up Market – Domingo desde as 11:00 h en The Glow Up Studio – De balde
The Glow Up Studio acollerá o domingo 30 de agosto unha nova edición do seu mercado, cunha selección de postos de segunda man, arte e deseño. O horario é de 11h a 14h e de 16h a 20h.



