Festas en Bouzas, Cabral e Porta do Sol e concerto da Coral Casablanca esta fin de semana en Vigo

Festas e festivais protagonizan esta fin de semana de mediados de xullo: Festas de Bouzas e Cabral, Festa da Cultura, NigránJazz ou o Festival Mar de Galicia. Tamén atopamos concertos ben interesantes na Póla, no Café de Catro a Catro, en Villa Solita ou en Castrelos. Se queres ter máis información sobre algún evento, preme no título. Consulta todos os eventos en Vigo na axenda da Movida.

NIGRÁNJAZZ | De xoves a sábado no Esteiro da Foz (Ramallosa) | De balde

O festival Nigranjazz fai 20 anos estendéndose a tres días seguidos de concertos no esteiro da Foz nos que refulxe con especial intensidade a vocalista norteamericana Gretchen Parlato, quen o abrirá o xoves 16 de xullo ás 21:30 horas. O programa complétao o venres 17 a banda de Ámsterdam Eclipse e o sábado 18 Abe Rábade trío con John O’Gallagher ao saxo (este último ofrecerá unha master-class ao mediodía no Auditorio Municipal).

FESTAS DE BOUZAS | De venres a martes en Bouzas | De balde

Bouzas celebra as súas populares festas do o Santísimo Cristo dos Aflixidos desde o venres 17 ao martes 21 de xullo. A diferenza do ano pasado, nesta ocasión si que haberá atraccións para grandes e pequenos. O domingo 19 terá lugar o popular XX Festival Poético Piromusical «Cidade de Vigo – Vila de Bouzas» ás 00:45 h, pero antes poderá seguirse a final do Mundial ás 21:00 h nunha pantalla xigante instalada no paseo. O martes 21, na última xornada de festas, actuará cun doble pase o Combo Dominicano.

FESTA DA CULTURA | De venres a domingo na Porta do Sol | De balde

A Porta do Sol será o escenario da Festa da Cultura, que se celebrará os días venres 17, sábado 18 e domingo 19 de xullo. A programación dará comezo cada xornada ás 19.00 horas e ofrecerá actuacións de baile galego, canto, grupos de pandeireteiras, baile moderno, grupos de gaitas e regueifas. O venres 17, ás 21.30 horas, terá lugar a Foliada da Cultura, unha celebración aberta á participación cidadá na que se anima ao público a levar o seu instrumento e unirse á festa. O sábado 18, ás 22.00 horas, a protagonista será a Banda de Gaitas Coribantes, que ofrecerá un concerto seguido dunha gran festa.

CORO ELASONG | Venres ás 21:00 h no Café de Catro a Catro | 5,00 €

O coro feminino Elasong actuará no Café de Catro a Catro nun concerto dirixido por Carmen Rosende e acompañado ao piano por Alberto Sánchez, pianista e arranxista. As diversas e múltiples voces que integran a formación interpretarán un repertorio con algúns dos temas máis coñecidos das décadas dos 60, 70 e 80, nun espectáculo coral pensado para todos os públicos.

CURIOSIDADES SOLITA: GANDHI BOXING CLUB | Venres ás 21:00 h en Villa Solita | De balde

O Concello de Vigo organiza unha nova edición deste ciclo de concertos en formato pequeno que busca dinamizar e poñer en valor o enclave histórico de Villa Solita. A programación deste verán recolle unha gran variedade de estilos musicais e de propostas emerxentes locais que van desde o punk, o post-punk e o metalcore ata o jazz, o folk ou o flamenco todos os venres ás 21:00 h. Ghandi Bozing Club é unha banda que mestura diversos estilos, tendo o funk sempre como base.

ZUMBATÓN SOLIDARIO | Sábado ás 10:00 h en Vialia

A foodcourt de Vialia encherase de baile solidario este sábado 18 de xullo coa celebración dunha nova edición do Zumbatón Solidario, dirixido, nesta ocasión, por Jesid Ortega de Jess Fit & dance en beneficio da asociación Solidariedade Galega co pobo Saharauí (SOGAPS). A semana pasada chegaron a Galicia 305 nenos e nenas que viven nos campamentos de refuxiados do Sáhara Occidental en Tinduf e pasarán aquí os dous meses de verán con familias de acollida galegas. Isto é así grazas a Vacacións en Paz, o programa que SOGAPS desenvolve na nosa comunidade desde hai máis de 35 anos.

[EVENTO CANCELADO]: FESTIVAL MAR DE GALICIA | Sábado desde as 11:30 no Museo do Mar | De balde

O sábado 18 de xullo o Museo do Mar converterase en escaparate da cultura contemporánea coa celebración da xornada cultura ‘Mar de Galicia’ que abrangue concertos -con Cecilio G como cabeza de cartel-, música electrónica, mercado e actividades medioambientais e deportivas.

CARREIRA DE CARROS DE BÓLAS | Sábado ás 17:00 h en Cabral | De balde

As Festas de Santa Mariña de Cabral celebraranse do 17 ao 20 de xullo cunha programación que combina actos relixiosos, tradición popular, concertos e grandes verbenas. O venres abrirán as celebracións as orquestras La Fórmula e Magos. O sábado, día da patroa, terá lugar a tradicional Carreira de Carros de Bólas, seguida da misa solemne, procesión e actuacións da Orquestra Compostela e do grupo La Banda de Ayer. O domingo será a quenda da Festa Infantil, da Festa da Espuma e da verbena con Ludiland e Music & Show Luna de Abril. As festas concluirán o luns 20 coa misa polos socios e colaboradores falecidos.

MARTÍN BRUHN TRIO | Sábado ás 20:00h na Póla | De balde

Xunto a Joaquín Galván e Mono Banegas, presentan o seu espectáculo Folklore. Música de raíz latinoamericana.

CONCERTO CORAL CASABLANCA | Sábado ás 22:30 h en Castrelos | De balde

Tradicional concerto da Coral Casablanca en Castrelos. A Coral Casablanca fundouse no 1957 no Convento dos Pais Capuchinos do barrio vigués co mesmo nome. É a máis laureada de Galicia e a máis antiga en activo da cidade. O coro ten sido premiado e recoñecido nunha vintena de ocasións e ten actuado en Galicia, Portugal, Asturias, Euskadi, Aragón, Castela e León, Canarias, Cataluña, Madrid, Bélxica, Francia e Alemaña.