Faro Pequeno, de vixía de Baiona a taberna atlántica

Situado nun enclave estratéxico do litoral de Baiona e en primeira liña de costa, o antigo faro Pequeno do cabo Silleiro iniciou unha nova etapa como restaurante tras permanecer un século en silencio.

Construído orixinalmente en 1862 para guiar as embarcacións polas perigosas augas da zona, o edificio deixou de funcionar en 1924, ano en que se inaugurou o faro actual, a maior altura para gañar alcance e visibilidade. Agora, baixo a dirección de Lucrecia e Miguel, este espazo patrimonial transformouse nunha «taberna atlántica» que combina a historia do litoral galego cunha oferta gastronómica moi vinculada ao mar.

A filosofía do restaurante baséase no concepto de «mar e calma», no que o Atlántico actúa como principal fonte de inspiración tamén para a cociña. A oferta distribúese en dous ambientes diferenciados que aproveitan a singularidade da infraestrutura: a terraza e o interior, ambos recentemente reformados.

A terraza, única na zona grazas á súa integración coa paisaxe marítima, será a protagonista do verán cunha aposta pola música en directo. Nos meses de xullo e agosto haberá DJ e concertos de versións de varios estilos a cargo de bandas como Gyntonics, Supersonics, Bafana Bafana ou BlackStereo. O ciclo péchase o día 3 de setembro con Los Lunes al Sol. Na terraza, sobre a praia dos Cristais e con vistas directas ao océano, funciona un sistema de autoservizo ideal para gozar da contorna de forma relaxada. A carta destaca pola selección de conservas de alta calidade, tanto de mariscos como de patés. Tamén se atopan opcións como o polbo con queixo de tetilla, o salmorejo con burrata e piñóns e os camaróns das rías.

Na sala interior, un comedor con mesas altas e baixas e decoración mariñeira, ofrécense pratos tradicionais e contemporáneos. Entre as creacións estrela figuran o tártaro de atún vermello con salsa nikkei, o bacallau a baixa temperatura con allo negro e escuma de cabaza, a costela de vaca glasada con pataca en cuarteiróns e o risoto de carabineiros.

O restaurante non só atrae turistas e locais, senón que mantén un forte vínculo histórico coa peregrinación. Situado na ruta do Camiño Portugués pola costa, o faro xa servía antigamente como refuxio para os camiñantes. Nesta nova etapa, o Faro Pequeno abre todos os días de 10:00 a 24:00 horas e ofrece almorzos e café desde primeira hora para os peregrinos que inician a súa xornada.

Estrada do Faro Vello Silleiro, Baiona | @faro_pequeno | faropequeno.com

*Publirreportaxe