Faro Cómics: un novo espazo para a banda deseñada ilumina Camelias
Publirreportaxe
Vigo conta desde hai pouco máis dun mes cunha nova tenda especializada en banda deseñada na avenida das Camelias, unha zona que ata o de agora carecía deste tipo de espazos culturais. O proxecto nace da paixón persoal de Miguel e Noe polo mundo freak —un termo que, como eles mesmos recoñecen, hoxe está mellor visto— e da vontade de crear algo máis que un simple punto de venda.

«Gústannos os videoxogos, o cine e, sobre todo, os cómics. Levamos toda a vida consumindo este material», explican os responsables do establecemento, que decidiron dar o paso tras detectar que nesa zona concreta existía un oco evidente no tocante á banda deseñada. A boa acollida do barrio, con varios centros educativos próximos, confirmou axiña que a elección fora acertada. A tenda abriu as súas portas en plena campaña de Nadal, un período intenso pero positivo. Aínda que xaneiro adoita traer a súa coñecida «costa», o barrio seguiu respondendo: «A xente repite e estamos contentos», sinalan. Especialmente destacable foi o interese polo material infantil e xuvenil, que moitos pais e nais ven como unha alternativa ás pantallas.
Alén da venda, o obxectivo principal é crear comunidade: «A min gústame falar cos clientes…, que non sexa chegar, comprar e marchar», di Miguel. O local foi concibido como un espazo de encontro no que conversar, descubrir autores e participar en actividades. Esas conversas tamén son útiles para coñecer os gustos do público e enfocar o material da tenda. Xa realizaron un taller con moi boa acollida e o vindeiro está previsto para o sábado 21: un obradoiro de creación de personaxes, a partir dos seis anos e impartido pola ilustradora Ángela Curro. Ademais, o equipo traballa para organizar no futuro próximo presentacións, sesións de sinaturas e eventos culturais vinculados á banda deseñada.

O catálogo inclúe cómic americano, europeo e asiático, con especial protagonismo do manga, un xénero en claro auxe entre a xente nova polo seu prezo accesible e pola forza actual do anime. Aínda que non se especializan nun estilo concreto, recoñecen que o manga está a gañar terreo fronte ao superheroe clásico, mentres que a banda deseñada europea se orienta máis a un público adulto. O proxecto, familiar e independente, tamén prepara o lanzamento dunha tenda en liña, previsto para as próximas semanas, co obxectivo de chegar máis alá de Vigo. Unha curiosidade que adorna o local é un cadro coa portada orixinal dun Superman dos anos setenta, un agasallo familiar que reforza o carácter íntimo deste negocio. Con apenas un mes de vida, Faro Cómics comeza a escribir a súa propia historia no panorama cultural vigués.

Avenida das Camelias, 70 | 694 22 61 72 | @faro.comics
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Novidades musicais viguesas para o primeiro trimestre do ano - 10 Marzo, 2026
- ‘As liñas descontinuas’ de Anxos Fazáns leva Vigo á gran pantalla - 23 Febreiro, 2026
- DGO: pendentes de ti - 9 Febreiro, 2026
- Mussa – The Pilates Center: terapeutas do movemento - 9 Febreiro, 2026
- Empezar o ano con bo pé: cinco centros onde coidar o noso corpo - 9 Febreiro, 2026

