Faneco, sabor a brasas entre árbores

Na frondosidade do parque forestal de Beade atopamos este asador que pode presumir de acoller unha das terrazas máis tranquilas e refrescantes da época estival. No verán de 2022, Ubaldo Méndez púxose á fronte deste restaurante e, tras levar a cabo unha importante reforma, apostou por facer das brasas a cerna do seu negocio.

O Faneco conta cun amplo salón interior e tres terrazas para gozar da comida inmersos na contorna forestal. No corazón da súa cociña está o lume, de onde saen pratos de churrasco e tenreira galega, así como peixes e verduras. Ubaldo explica que instalaron unha grella con tres espazos diferenciados nos que poden preparar diferentes produtos sen interferencias de sabor, para garantiren que a carne non sexa a única protagonista. De entrantes ofrecen tapas tradicionais para compartir, como tortilla, pementos ou luras, ademais de ensaladas e sobremesas. O seu menú do día, dispoñible de martes a venres, atrae moita veciñanza da contorna ao mediodía.

Outra das patas do negocio son os eventos culturais. Ubaldo, que durante varios anos rexentou un bar co mesmo nome na rúa Real, quixo manter nesta nova andaina o ánimo festivo que o caracterizaba. As actuacións musicais son frecuentes, especialmente nas fins de semana e na época estival. A disposición en varios ambientes e un horario amplo (de 12:00 a 20:00 horas de martes a xoves, que se amplía ata a medianoite nas fins de semana) convérteno nun lugar ideal para gozar en calquera momento do día. Perfecto para o lecer, con rutas de sendeirismo, parque infantil e campo de fútbol arredor, o Faneco ofrece un espazo en pleno contacto coa natureza sen necesidade de saír da cidade.

Parque forestal de Beade | @asadorofaneco | 986 69 80 89