Fai Bistés: tradición á grella no Casco Vello
Este coñecido restaurante do Casco Vello de Vigo ofrece cociña caseira e carnes á grella de leña e ten un dos menúns do día máis econónomicos do centro. O amplo comedor é perfecto para ceas de grupo e a terraza, unha das xoias ocultas do Casco Vello de Vigo.

Non coñezo a ninguén que proteste o día que toca bisté con patacas. Este filete sen ornamentos, de nome pasado de moda, evoca a esencia da cociña familiar e forma parte do mesmo catálogo de reconfortante supervivencia que os ovos con patacas ou os macarróns con chourizo. Días con pouco tempo para cociñar, pero nos que basta unha materia prima de certa calidade para acabar pensando: «Que simple e que rico». En Fai Bistés levan corenta anos provocando esa alegría diaria con pratos tradicionais, pero mellores que na casa.
Desde hai case unha década o negocio está baixo a dirección de Verónica e Néstor, unha parella con experiencia na xestión hostaleira. Mantiveron o nome e a esencia do local e engadíronlle algo imposible de adquirir nunha escola de cociña: a paixón dun arxentino, Néstor, pola carne á grella. Tamén os seus dous cociñeiros proveñen do Uruguai, outro país que non tería reparos en incluír o asado na súa bandeira.



Fai Bistés é o único local do Casco Vello que conta cunha grella de leña, na que a carne toma un sabor moi característico. A grella permite marcar as carnes rápido, mantendo dentro os zumes, e proporciona un cobizado gusto afumado imposible de conseguir nunha cociña doméstica. O prato estrela é a grellada mixta, con croca, presa, entrecosto e polo ao lume acompañados de patacas. Tamén contan cunha versión exclusivamente de vacún, na que aparecen cortes arxentinos como a entraña e o vacío. Traballan con tenreira e porco galegos e con máis dunha ducia de cortes. A cociña caseira brila con forza no apartado de entrantes e petiscos, pois é ben sabido que unhas croquetas ricas e caseiras son indicativo de estar sentado no restaurante axeitado. Verónica tamén recomenda os pementos de padrón, a ensalada con queixo de cabra, as luras frescas fritidas e a ensalada rusa.


O local é moi amplo, con muros de pedra e decoración ecléctica e colorida. Aparadores con libros e revistas, maquetas, recordos familiares, plantas, louza e botellas antigas adornan as paredes e contribúen á sensación de estar comendo na casa. Está preparado para acoller ceas e comidas de ata cincuenta comensais e ofrecen menús para grupos a partir de dez persoas. No verán a terraza convértese nunha das favoritas do Casco Vello, situada nunha tranquila praciña lateral.
A clientela é maioritariamente local, incluídos persoal de oficinas e obreiros que acoden polo menú do día, un dos máis económicos do Casco Vello. Hoxe hai matambre (corte típico arxentino), ensalada, polo ao forno e churrasco, con sobremesa e bebida: 13,00 €. Aínda que no verán reciben turistas e peregrinos, Verónica salienta que non son a maioría, pois o turismo a miúdo prefire o marisco, e (polo momento) non son coñecedores da súa terraza oculta.
Rúa Real, 7 | 986 22 92 04 | @fai_bistes
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- El Perro Verde, cociña viaxeira no xardín - 9 Xullo, 2025
- A Póla, cultura e tardeo - 9 Xullo, 2025
- A música celta toma Ortigueira encabezada por Gwendal, Milladoiro e La Bottine Souriante - 4 Xullo, 2025
- Fai Bistés: tradición á grella no Casco Vello - 2 Xullo, 2025
- Seis actividades imprescindibles da Feira do Libro - 27 Xuño, 2025