Facu Díaz, Anabel Alonso e Sonrisas e Lágrimas para recibir a primavera esta fin de semana en Vigo

Aínda que a festa grande é a próxima fin de semana, estes días xa podemos gozar das primeiras actividades da Reconquista. Ademais, a programación cultural continúa con propostas para todos os gustos como o espectáculo de humor de Facu Díaz, o clásico musical de ‘Sonrisas y Lágrimas‘, teatro con Anabel Alonso e o concerto de rock e bravú dos Vacalouras e a Orquestra Bravú Shangai. Se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana entra na axenda de A Movida.

Sonrisas e lágrimas | Cedida

SONRISAS Y LÁGRIMAS’ – Venres ás 20:00 h e Sábado ás 17:00 h e ás 20:30 h en Mar de Vigo – Desde 48,50 €

Sonrisas y Lágrimas, na súa nova produción de Theatre Properties dirixida por Silvia Villaú, combina unha emotiva historia, a inesquecible música de Rodgers & Hammerstein e unha coidada escenografía que traslada ao público á Austria dos anos 30. A través de espazos como o convento, a casa dos Von Trapp e os Alpes, coñecemos a María, unha novicia chea de vida que transforma co seu espírito alegre a familia do capitán Von Trapp, convertendo a disciplina en música, risas e emoción; un clásico eterno ideal para gozar en familia.

CONCERTO DA ORQUESTRA VIGO 430: CAMIÑOS DA ALMA – Venres ás 20:00 h no Teatro Afundación – Desde 11,00 €

A Orquestra Sinfónica Vigo 430 ofrecerá o seu novo programa sinfónico, ‘Camiños da Alma’, unha proposta que reunirá dúas grandes obras do romanticismo alemán: o Concerto para violín n.o 1 de Max Bruch e a Sinfonía n.o 4 de Johannes Brahms. O concerto estará dirixido polo galego Javier Fajardo, considerado un dos representantes máis destacados da nova xeración de directores en España, e contará coa participación como solista da excepcional violinista internacional Catherina Lee.

Orqueta Vigo 430 | Cedida

OLA PRIMAVERA – Sábado ás 08:13 h na Alameda de Bouzas – De balde

A Asociación A Cultural de Bouzas organiza un evento inédito para dar a benvida á primavera. Os primeiros acordes do concerto soarán ás 8:13 h, coincidindo coa primeira raiola da primavera en Bouzas, e o lugar escollido é ao carón do mar, nos peiraos do Paseo dos Peixes, trasladándose só cen metros baixo a ponte en caso de mal tempo. O grupo Nepa Kartojama ofrecerá a súa primeira actuación acústica con voces, guitarras, violonchelo e percusión, sen amplificación nin micrófonos, prometendo unha mañá de música e amizade na alborada oceánica que abre a primavera en Bouzas, capital do mar.

‘BARULHO’ – Sábado de 12:00 h ás 20:00 h en A Morada – De balde

Será unha xornada que terá de novo como protagonistas a artesás e artistas de diferentes disciplinas (xoiaría, téxtil, ilustración, fotografía, cosmética natural e cerámica). A solidaridade tamén terá cabida: Hope Palestina, Yalah e Cans da casa participarán no evento con candanseu posto. E como a música non pode faltar, Dj Rapante encargarase da sesión vermú, despois de xantar haberá foliada aberta e para pechar o día unha boa sesión de rap da man de A Carola e Ánima. Para que non decaian os ánimos entre actuación e actuación, hai preparados uns bingos musicais divertidísimos e petiscos veganos e sen glute para repor forzas. 

FESTA DA RECONQUISTA – Sábado e domingo durante todo o día na Praza do Berbés – De balde

Aínda que haberá que esperar ao venres 27 para gozar do mercado e a celebración grande da Reconquista, a programación de actividades arranca este sábado coa tradicional representación da destitución da corporación municipal e a chegada das tropas napoleónicas. Ao día seguinte, terá lugar unha foliada popular no Casco Vello.

CONCERTO DE FELIPE VILLAR & SUNIL LÓPEZ – Sábado ás 20:00 h en Sala Ártika – Desde 11,00 €

O guitarrista Felipe Villar e o pianista Suníl López, dous vellos coñecidos da escena do jazz galego, unen forzas para ofrecer un concerto inédito a dúo na Sala Ártika. O diálogo entre ambos músicos terá como punto de partida un repertorio formado por standards e composicións orixinais, deixando sempre espazo para a improvisación e a interacción, esencia do mellor jazz en directo.

ESPECTÁCULO ‘ESTO NO ES CULPA DE NADIE’ – Sábado ás 20:30 h no Teatro Afundación – Desde 19,80 €

O novo mundo derrúbase ante os nosos ollos e ninguén parece disposto a asumir responsabilidades. Mentres tanto, o cómico uruguaio Facu Díaz decidiu volver ao stand up para entreter aos seres humanos mentres todo arde ao seu redor co espectáculo Esto no es culpa de nadie. Unha especie de violinista do Titanic que, micrófono en man, analiza de maneira escandalosamente sesgada o que sucede no planeta. O que está pasando é culpa de todos e, ao mesmo tempo, culpa de ninguén; ou esa é a confusa teoría que o comediante uruguaio pretende desenvolver neste novo texto.

Facu Díaz | Cedida

CONCERTO DE BLOYET BROTHERS + JAY & THE SMOKING MACHINES – Sábado ás 21:30 h na Sala Rebullón – Desde 16,50 €

Din os rumores que The Bloyet Brothers retomaron as rendas de Rock City, unha cidade abandonada que merecía un novo comezo. Co seu novo álbum baixo o brazo, este power trío cativará o escenario con potentes riffs de fuzz, coros ao órgano estilo retro e unha batería tan estridente como un disparo a queimarroupa. Rock, rock e máis rock, cun toque de blues ben engraxado, música orixinal dos 70 auténtica e badass, combinada coa súa actitude insolente e talento para a improvisación, converténdoos no trío de directo por excelencia.

CONCERTO DE VACALOURAS E ORQUESTRA BRAVÚ XANGAI – Sábado ás 22:00 h na Sala Masterclub – Desde 10,00 €

A segunda edición do evento Vigocoruñenta xuntará dúas bandas inspiradas no rock bravú dos anos 90: os vigueses, Os Vacalouras destacan por mesturar guitarras directas con letras cheas de humor, referencias á vida cotiá, ao rural e á retranca, e gañaron popularidade polos seus concertos en festas e salas. A Orquestra Bravú Xangai, formada por músicos de grupos emblemáticos como Os Diplomáticos de Monte Alto, Papaqueixos ou A Magnifique Orquestra dos Homes sen Medo, combina rock, ska e outros ritmos populares con letras en galego, ofrecendo concertos animados que mesturan tradición festiva galega e música moderna.

Orquesta Bravú Xangai | Cedida

‘LA MUJER ROTA’ – Domingo de 19:30 h ás 20:00 h no Teatro Afundación – Desde 17,80 €

Anabel Alonso protagoniza este monólogo baseado na obra de Simone de Beauvoir, unha denuncia sobre o lugar que ocupa a muller na sociedade. No espectáculo é Noiteboa e Murielle está soa na súa casa. Os ruídos da rúa e os berros dos veciños que celebran impídenlle durmir. Nesta vixilia, os recordos enfróntanse a un presente sombrío e a un futuro sen esperanza. A perda, o arrebato, o fracaso e a soidade deixárona fóra de xogo, vagando nun limbo onde se debate entre a supervivencia e a morte.