XERAIS

07abr17:00Xornada Homenaxe Alberto González-AlegreARTE E MUSEOS | De balde 17:00(GMT+02:00) MARCO

Detalles do eventos

Alberto González Alegre (1957–2025), crítico de arte, historiador e comisario de exposicións, foi unha voz imprescindible para comprender o devir das prácticas artísticas contemporáneas na nosa comunidade.

A súa achega resulta dificilmente cuantificable. Durante décadas, a súa presenza fíxose sentir nos máis diversos ámbitos culturais, moi especialmente naqueles relacionados coas artes plásticas: cursos, conferencias, publicacións, escritos críticos, labores didácticos, comisariados, múltiples actividades de xestión cultural ou a dirección de institucións tan senlleiras como a Fundación Luis Seoane (A Coruña).

Como poderían testemuñar decenas de artistas e estudosos, o sistema artístico galego, no seu aspecto máis experimental e arriscado, forxouse en boa medida grazas á dedicación e á xenerosa entrega de Alberto González Alegre, incansable no seu apoio aos proxectos e ás iniciativas que contribuíron ao seu desenvolvemento.

Manter vivo o seu legado constitúe unha obriga ineludible para toda a sociedade. Non será posible revivir a súa paixón nin a súa permanente disposición a implicarse, pero si preservar o seu legado intelectual: os seus traballos forman xa parte dun patrimonio colectivo que cómpre conservar e defender do esquecemento.

Desde a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega quérese celebrar a súa figura nunha xornada de homenaxe, memoria e reflexión, dando voz a diferentes integrantes do sistema da arte galega, artistas e profesionais do comisariado, da crítica, da xestión, da investigación e da docencia, que o coñeceron de preto e que compartiron traxectoria cunha persoa irrepetible, que tanto contribuíu ao desenvolvemento do contexto artístico da nosa comunidade.

Hora

7 abril, 2026 17:00(GMT+02:00)

Localización

MARCO

Museo de Arte Contemporánea de Vigo, Rúa do Príncipe, 54, 36202 Vigo, Pontevedra

Other Events