REVISTA SETEMBRO

XII Concurso de Corda "Cidade de Vigo"

06dec(dec 6)16:00XII Concurso de Corda "Cidade de Vigo"FESTIVAIS E FEIRAS | De balde16:00(GMT+01:00) Auditorio Martín Códax

Detalles do eventos

Do mércores 6 ao sábado 9 de decembro o Auditorio Martín Codax do Conservatorio Superior de Música, situado no Castro, volve acoller o Concurso de Corda Cidade de Vigo organizado pola Asociación Galega de Instrumentos de Corda (AGIC). Fundada na cidade da oliva, esta asociación traballa co obxectivo principal de fomentar, cultivar e impulsar o estudo e o ensino da música de corda en Galicia.

Máis de sesenta músicos menores de 23 anos, procedentes de España e Portugal, participan con violíns, violas, violonchelos e contrabaixos na décimo segunda edición dun concurso que xa é un punto de encontro obrigatorio no panorama ibérico. Todas as probas son de acceso libre e abertas ao público, incluído o concerto final cos gañadores de cada categoría. Mediante este evento anual, a AGIC busca achegar a música clásica ao público galego, fomentar a inserción de novos intérpretes no panorama cultural e promover as relacións institucionais neste eido.

Iniciado en 2012, o Concurso de Corda Cidade de Vigo recibe cada ano máis participantes procedentes de toda a Península. Dos 17 músicos galegos que probaron sorte na primeira edición, a edición pasada contou con 81 intérpretes procedentes de case unha vintena de provincias españolas e sete cidades lusas. Non se trata unicamente dunha cuestión de cantidade: todos os inscritos teñen que pasar por un proceso de selección a través dun vídeo que acredite as súas habelencias dándolle á corda. Divididas en catro categorías segundo a idade, as probas constan de dúas fases: eliminatoria (mércores 6, xoves 7 e venres 8) e final (xoves 7, venres 8 e sábado 9); a esta rolda definitiva só acceden tres concursantes por cada franxa de idade. Na compaña dun pianista e sen partitura, os intérpretes deben tocar en directo un tema previamente escollido por eles mesmos e que non pode superar, dependendo da categoría, os 15 ou 20 minutos de duración. Ao longo das diferentes edicións, o certame contou cun xurado composto por músicos de prestixio que desenvolveron as súas carreiras en España e Portugal. Este selecto grupo de profesionais quen pasa as eliminatorias e quen gaña en casa unha das categorías, con premios que suman un total de 2.400 euros.

Ademais, coa finalidade de cumprir cos obxectivos da asociación, desenvolveuse un proxecto de concurso de música de cámara, que busca complementar a difusión da música de corda dentro do seu ámbito, á maneira que verbo da interpretación solista fai este Concurso de Corda Cidade de Vigo.

Datas e horas: mércores 6 a sábado 9 de decembro
Lugar: Auditorio Martín Codax do Conservatorio Superior de Música
Prezo: gratis

Máis

Hora

6 decembro, 2023 16:00(GMT+02:00)

Localización

Auditorio Martín Códax

Rúa de Manuel Olivié, 23, 36203 Vigo, Pontevedra

Other Events