
Detalles do eventos
A Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple (AVEMPO) abre as inscricións para a IX Carreira Solidaria pola Esclerose Múltiple, que se celebrará por segundo ano consecutivo na modalidade virtual
IX Carreira Solidaria pola Esclerose Múltiple
A Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple (AVEMPO) abre as inscricións para a IX Carreira Solidaria pola Esclerose Múltiple, que se celebrará por segundo ano consecutivo na modalidade virtual por precaución ante a situación provocada pola COVID-19. O evento deportivo prolongarase durante nove días, iniciándose o sábado 20 de novembro ás 0.00 horas e finalizando o domingo 28 de novembro ás 23.59 horas. O rexistro de participantes pode realizarse online ata o día 27 a través do portal de Laptime.
A IX Carreira Solidaria pola Esclerose Múltiple en formato virtual é unha experiencia individual ou en grupos reducidos que grazas á tecnoloxía poderase compartir de forma colectiva en tempo real. As persoas rexistradas terán acceso a unha aplicación móbil que funcionará como chip de cronometraxe. A ‘App’ rexistrará o tempo alcanzado por cada participante e compartirao de maneira instantánea na web de clasificacións.
A Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple mantén as modalidades competitivas das anteriores edicións con dúas carreiras de 5 e 10 quilómetros e engade a posibilidade de realizar o percorrido en bicicleta na modalidade non competitiva, opción que se suma ás ‘andainas’ de 5 e de 10 quilómetros para as persoas interesadas en participar camiñando. Como novidade este ano, as persoas participantes tamén poderán inscribir á súa mascota se así o desexan.
Dentro do período de celebración, do 20 ao 28 de novembro, as persoa rexistradas poden elixir o día, a hora e o lugar onde realizarán a proba. Por segundo ano, a carreira solidaria traspasará fronteiras e poderase desenvolver fóra de Vigo, non só noutra cidade diferente senón tamén en calquera outro país. Ademais, a cronometraxe por xeolocalización da aplicación permite que non haxa límite de tempo para completar a proba que non finaliza ata que o ou o participante alcance a distancia seleccionada.
As persoas interesadas en adquirir a camiseta técnica da carreira terán que indicalo no momento da inscrición. Como en ano anteriores, tamén se habilitou un ‘Dorsal 0’ para todas as persoas que, sen participar na carreira, queiran colaborar coa causa.
Máis

novembro 20 (Sábado) - 28 (Domingo)