REVISTA SETEMBRO

'Cancións amarelas, flores tristes'

15mar20:00'Cancións amarelas, flores tristes'ESPECTÁCULOS | 5,00€20:00(GMT+01:00) Auditorio Municipal do Concello

Detalles do eventos

A compañía viguesa Manekineko estrea ‘Cancións amarelas, flores tristes’, a súa primeira produción, o venres 15 de marzo no Auditorio Municipal de Vigo. A directora e actriz Nerea Brey e o dramaturgo Ernesto Is, colaborador d’A Movida, poñen en marcha o seu primeiro proxecto teatral conxunto; un espectáculo protagonizado por María Costas, Nacho Castaño, María de las Llanderas e Fran Nogueira, con espazo escénico de Beatriz de Vega e vestiario de Javier Lojo.

En ‘Cancións amarelas, flores tristes’, catro persoas de idades, xéneros, crenzas e realidades socioeconómicas moi diferentes, coinciden unha noite nun karaoke. Ao longo da madrugada, as cancións e o alcohol mestúranse cos medos e os problemas que os levan a refuxiarse neste local onde constrúen os seus propios paraísos artificiais. Manekineko presenta unha montaxe inmersiva, concibida tanto para teatros como para espazos de representación non convencionais, que incorpora aos espectadores e espectadoras en escena, ofrecéndolles unha experiencia de proximidade. Música, palabra e movemento combínanse nesta montaxe multidisciplinar, a medio camiño entre o drama e a comedia, para falar das diferentes problemáticas da sociedade actual e de como estas afectan á nosa saúde mental e ás nosas relacións interpersoais. A hiperprodutividade, a fraxilidade dos vínculos afectivos, a non autoaceptación, a soidade ou a inestabilidade económica son algunhas das temáticas presentes nesta obra que se estreará o vindeiro 15 de marzo en Vigo, con entradas esgotadas desde hai días, e que chegará a diversas localidades galegas como Carballo (21 de marzo), Rianxo (23 de marzo), Lugo (4 de abril), Betanzos (6 de abril), A Coruña (10 de maio) e Ribadavia (19 de xullo).

Manekineko (gato xaponés da sorte, cuxa raíz etimolóxica provén do termo nipón maneku, ‘convite’) nace seguindo a estela da tendencia do teatro galego actual. Apostan pola dramaturxia contemporánea e a hibridación de linguaxes escénicas, e que pon o foco en temáticas que dialogan cos espectadores e espectadoras de hoxe.

Máis

Hora

15 marzo, 2024 20:00(GMT+02:00)

Localización

Auditorio Municipal do Concello

Praza do Rei, 1, 36202 Vigo, Pontevedra

Other Events