CONCERTOS CASTRELOS
DIA DE GALICIA

TUNE: REDE EUROPEA DE ESTUDOS DE GRAO EN MÚSICA TRADICIONAL

20out20:00TUNE: REDE EUROPEA DE ESTUDOS DE GRAO EN MÚSICA TRADICIONALCONCERTOS | De balde20:00(GMT+02:00) Porta do Sol

Detalles do eventos

Do 16 ao 20 de outubro, TUNE aterra en Vigo para desenvolver a súa cuarta Semana Intensiva acollendo a estudantes e profesores de música tradicional de institucións dos cinco países que participan neste proxecto Erasmus+: Estonia, España, Francia, Grecia e Noruega. O Conservatorio Superior de Música de Vigo terá o privilexio de representar a España, e a cidade de Vigo converterase no gran escaparate da cultura tradicional galega para Europa.

Durante 5 días, TUNE terá como protagonistas a uns 50 músicos estonianos, galegos, franceses, gregos e noruegueses que se reunirán na cidade olívica para intercambiar coñecementos sobre as tradicións musicais europeas a través de talleres, conferencias e concertos. Aínda que a maioría destas actividades realizaranse exclusivamente para os participantes, o público terá ocasión de gozar desta experiencia en dous concertos abertos e de balde.

CONCERTOS ABERTOS AO PÚBLICO

Como colofón, durante as últimas dúas xornadas da Intensive Week celebraranse concertos de acceso libre e gratuíto para o público, nos que brillará a diversidade cultural europea a cargo dos integrantes de TUNE dos cinco países.

O 19 de outubro ás 20:00h no Auditorio Martín Códax do Conservatorio Superior de Vigo, o concerto será a cargo de cinco agrupacións mixtas (Mixed Ensembles), cada unha integrada por cinco intérpretes (un músico de cada país), onde se fusionarán músicas baseadas en temas e ritmos de cada nacionalidade.

Como acto de clausura o 20 de outubro ás 20:00h na Praza da Porta do Sol de Vigo, actuarán as agrupacións nacionais interpretando as músicas tradicionais de cada país, así como unha orquestra tradicional formada por todos os participantes neste encontro; unha ocasión única para gozar e coñecer a cultura tradicional europea a través da música. En caso de chuvia este concerto trasladarase ao Auditorio do Conservatorio Superior.

TALLERES, CONCERTOS E VISITAS DESTINADOS AOS PARTICIPANTES DE TUNE

Durante esta semana Intensiva os participantes nutriranse da cultura galega e europea con seis talleres sobre música tradicional:
1. “Creación en Canto Polifónico” por Jakes Aymonino. Neste taller a única linguaxe existente é o musical a través do canto. Construirase unha polifonía a partir de diferentes elementos musicais a partir da oralidade e a creatividade, ademais da utilización dunha colección de cancións tradicionais de diferentes países para buscar propostas melódicas e rítmicas.
2. “Danza Tradicional Noruega” por Ragnhild Furholt. Este taller céntrase na danza tradicional e rítmica do país nórdico. Os participantes aprenderán pasos básicos e coreografías que reflicten a rica herdanza cultural de Noruega.
3. “Canto Tradicional Galego” por Carme López. Achegamento ao canto de tradición oral galega a través das melodías acompañadas con percusión de man para coñecer a conexión entre o canto e o ritmo nas músicas destinadas ao baile.
4. “Fiddle Galego” por Alfonso Franco Vázquez. Presentación dos principais golpes de arco e adornos empregados no violín para reproducir os distintos ritmos e interpretar os principais xéneros da música tradicional galega.
5. “Fiddle en Estonia”; por Kelly Veinberg. Introdución á historia e as principais características de estilo sobre a música tradicional estoniana para violín. Presentaranse melodías populares e traballaranse diversos aspectos, como o movemento do arco, o uso de cordas ao aire, dobres cordas etc.
6. “Percusión Tradicional Galega: Enfoque Práctico” por Carlos Castro. Aproximación aos principais instrumentos tradicionais galegos como a pandeireta, o tamboril, o bombo, o pandeiro e as cunchas. Mostrarase como obter os diferentes tipos de sons con cada un para tocar algúns ritmos básicos como muiñeira, xota ou rumba.

Máis

Hora

20 outubro, 2023 20:00(GMT+02:00)

Localización

Porta do Sol

Praza Porta do Sol, 36202 Vigo, Pontevedra

Other Events