>
Detalles do eventos
Entre o 5 e o 7 de setembro, celébrase a sétima edición de The Wild, unha das últimas festas do verán, no Parque Forestal de San Miguel de
Detalles do eventos
Entre o 5 e o 7 de setembro, celébrase a sétima edición de The Wild, unha das últimas festas do verán, no Parque Forestal de San Miguel de Oia. Trátase dun festival multidisciplinar e familiar que ten como obxectivos poñer en valor o patrimonio natural e concienciar sobre a importancia do coidado dos montes.
Música
O cabeza de cartel desta edición é El Drogas, un músico pamplonés de renome e figura clave do rock en español, coñecido por ser durante case trinta anos cantante e baixista da banda Barricada, con quen gravou quince discos.
A eles súmanse os galegos Sr. Salvaje, Netta Rufina e Los Mortymer, ademais da final do concurso de bandas Salvaxesons, que contará coas actuacións de Supergigante, Exeria, Gargantúa e Martin Human e reafirma o compromiso do festival co talento emerxente galego.
Actividades infantís
Durante as tardes, o recinto transformarase nun espazo de lecer pensado para que nenos e adultos desfruten con propostas como o espectáculo Animalada de Cé Orquestra Pantasma, o novo show Con lingua propia de Peter Punk Pallaso, e as inéditas Olimpíadas Pallasas, nas que deporte, teatro e xogos tradicionais se mesturan nun ambiente cheo de humor e participación. Non faltarán tampouco obradoiros, xogos, pintacaras e outros espazos pensados para que as familias gocen dunha xornada completa ao aire libre.
The Wild Cinema
Outro dos piares máis diferenciais é o The Wild Cinema, festival internacional de cine medioambiental que regresa cunha programación de dezaseis películas de once países. Entre as proxeccións destacan dúas producións galegas, títulos premiados no prestixioso FICMA de Barcelona e unha selección de curtametraxes infantís. As sesións, que se desfrutan ao aire libre no merendeiro do parque, convidan a reflexionar sobre a emerxencia climática, a responsabilidade colectiva e a importancia e fraxilidade do medio ambiente.
A experiencia complétase cun mercado de artesanía e creación, onde artistas e produtores locais amosan os seus traballos, e cunha variada zona gastro. Nesta edición regresan actividades como a Andaina, un percorrido guiado pola Comunidade de Montes de San Miguel de Oia que pon en valor a riqueza ambiental e paisaxística da zona, e a Orientaventura, unha xincana de orientación con modalidade familiar que convida a descubrir o monte realizando probas e recollendo todas as pistas no tempo proposto.
Entradas
As entradas para o venres están dispoñibles en www.thewildfest.com a un prezo de 10,00 €. O sábado e domingo a entrada é gratuíta, ao igual que para menores de 14 anos. O festival conta con zona de acampada e espazo para furgonetas con baños e duchas, reforzando o seu carácter accesible e familiar.
Hora
5 setembro, 2025 18:00 - 7 setembro, 2025 23:59(GMT+02:00)
Localización
Parque Forestal de San Miguel de Oia
36390 Oya, Pontevedra


