REVISTA ABRIL

The Manueles + Indy Tumbita & The Voodoo Bandits

11mar21:30The Manueles + Indy Tumbita & The Voodoo BanditsCONCERTOS | 8,00€21:30(GMT+01:00) La Fábrica de Chocolate

Detalles do eventos

THE MANUELES

A banda instrumental The Manueles nace no verán de 2017 da man de tres músicos ben coñecidos nas Rías Baixas e procedentes de outros grupos de irremediable éxito comercial: Virxilio da Silva na guitarra (Foxy Freire, Loiros, Fuzzo, Juzz…), Juansy Santomé no baixo (Foxy Freire) e Chus Pazos na batería (The Swinging Flamingos, Fuzzo, The Allew Stompers…).
A idea primixenia do proxecto era simplemente visitar un puñado de clásicos do surf rock e facer algunha reinterpretación de standards de jazz baixo a influencia do estilo californiano, pero despois de dous concertos versionando diferentes clásicos, e cando xa parecía que o obxectivo proposto tiña sido acadado, comezaron a agromar os primeiros temas orixinais e sen querelo os tres músicos atopáronse totalmente posuídos pola reverberación e o twang dun estilo que atraparía completamente as súas almas e do que nunca mais serían quen de fuxir. Dende entón, veñen traballando sen descanso na procura da súa propia identidade neste subxénero de culto, refregándose por escenarios de toda Galiza e facendo as delicias daqueles que teñen a oportunidade de acudir aos seus selectos concertos. De entre as actuacións más memorables ofrecidas polo trío cabe destacar a súa participación en festivais como Revoltallo (Vigo), Outono Códax Festival (Santiago de Compostela), Rocking Vila (Vilanova de Arousa) ou Marín Vivo.
Sacan o seu primeiro LP homónimo no verán de 2020, gravado e mesturado nos Estudios Circo Perroti de Xixón por Jorge Explosión e coeditado polos selos Sweet Groove Records, Ulomania Coop. e Fonosaurios. Desgraciadamente a maior parte dos concertos de presentación tiveron que ser cancelados por mor da Pandemia, pero esperan poder volver aos escenarios con forzas renovadas cando a situación o permita. Dende a saída do seu disco, malia non ter tido apenas oportunidades de defendelo ao vivo, o grupo tense gañado o respecto dos mellores pichadiscos e críticos do estilo, dende Diego R.J. do Sótano de Radio 3, até Jonpaul Balak e o seu Fiberglass Jungle (EE.UU) ou Franky Zwiler de Infamous Frankenstein Deejay Live Show (Francia)

INDY TUMBITA & THE VOODOO BANDITS

A finais de 2015, Indy Tumbita (Vigo 1977), guitarrista de bandas como Los Duques de Monterrey, Thee Tumbitas, Pedrito Diaño & Os Cadáveras ou Joao Tomba, comeza a traballar no seu primeiro disco de instrumentais en solitario “ Bay Vibrations”. Un album no que se poden atopar influencias tanto do Spaghetti Western, do son amazónico, do flamenco como do jazz, sempre co característico estilo incendiario e vibrante de Indy Tumbita. Para a presentación en directo deste traballo Indy Tumbita rodeouse dunha serie de foraxidos que responden o nome de The Voodoo Bandits. Xente perigosa con dotes para a maxia negra que se axustan como unha luva ao guitarrista da cidade olívica.
En 2018, Indy Tumbita & The Voodoo Bandits entran no estudo para gravar o seu primeiro 7” (“ Surfing Halloween” / “ Love from Mars”), dúas novas perlas instrumentais que fan as delicias dos amantes de Dick Dale, Santo & Johnny, The Ventures ou Link Wray por citar algúns dos grandes nomes do xénero.
Tras o single, un Ep en directo (New River. Londres) e varios Ep’ s do Nadal, comezan a traballar nas cancións que forman parte do seu primeiro album “ Cocodrilia: Cumbia Surf á Tumbita’ s Way” algunhas das cales xa foron subidas á rede como adianto durante os últimos meses.
Agora, xunto a outras novas cancións, o selo Family Spree Records publica o primeiro Lp da banda viguesa. Un album con influencias da chicha ou a cumbia sicodélica de bandas como Los Destellos ou Los Mirlos sen deixar de lado o seu gusto polos grandes nomes do surf como son Dick Dale ou Link Wray. Trátase dun disco gravado practicamente en directo no seu bar de referencia “A Casa de Arriba” (Vigo), de onde lles custa horrores saír, e mesturado en Eclipsis Studio por Paco Serén.
Son amazónico desde as Rías Baixas? Cumbia do Lagares? Exotic Cumbia Rock? Surf Rock? Instro Chicha?… Non atopamos etiquetas para este novo son pero seguro que non pararás de bailar ao son dos bandidos da cidade olívica

Máis