Sexo, xénero e enfermidades

07xuñ16:30Sexo, xénero e enfermidadesACTIVIDADES PARA O COCO | De balde16:30(GMT+02:00) Sede da Deputación de Pontevedra

Detalles do eventos

Patróns de diagnósticos baseados en síntomas masculinos. Estudos médicos que empregan os homes como prototipo poboacional. Mesmas doses de medicamentos para homes e mulleres. Son moitos os nesgos de xénero existentes na atención sanitaria e que poñen de manifesto a necesidade de ter en conta tanto o sexo como o xénero na diagnose e o tratamento de enfermidades. Co obxectivo de achegar ao público xeral unha visión científica da estreita relación entre sexo, xénero e enfermidades, as catedráticas Diana Valverde e Paloma Morán organizan un ciclo de conferencias no que participarán expertos e expertas con ampla experiencia tanto no eido da investigación como no da medicina clínica, polo que afrontan estas cuestións no seu día a día. 

Baixo o título Sexo, xénero e enfermidades, as charlas terán lugar os días 6 e 7 de xuño na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo a partir das 16.30 horas e estarán abertas a toda a cidadanía. A finalidade é informar e sensibilizar sobre a importancia de ter en conta o sexo (diferencias biolóxicas) e o xénero (diferencias socioculturais) á hora de diagnosticar e tratar enfermidades.

Sexo, xénero e prevalencia

As organizadoras destacan que “as diferenzas de sexo na prevalencia de enfermidades, na súa manifestación e na resposta ao tratamento teñen a súa orixe nas diferenzas xenéticas entre homes e mulleres”, unhas diferencias que comezan na concepción, cando o óvulo se fusiona cun espermatozoide e dá lugar a un embrión portador de cromosomas XX ou XY. “Esta diferenza fundamental no complemento cromosómico xera diferenzas sexuais ubicuas na composición molecular de todas as células masculinas e femininas”. 

Pola súa banda, o xénero, segundo a definición de Global Health 50/50, “refírese ás normas construídas socialmente que impoñen e determinan os roles, as relacións e o poder posicional de todas as persoas ao longo da súa vida”. Os atributos de xénero, engaden as docentes, son fluídos e máis de dous terzos das mulleres e dos homes manifestan características relacionadas co xénero que tradicionalmente se lle atribúen ao sexo oposto. Así, o xénero interactúa co sexo, coas características biolóxicas e físicas que definen as mulleres, os homes e as persoas con identidades intersexuais e constitúe unha variable tan importante coma o sexo biolóxico na saúde humana e inflúe no comportamento das comunidades, do persoal médico e nos e nas pacientes. Polo tanto, “a aparición de enfermidades, o seu diagnóstico e o seu tratamento están intimamente relacionados co sexo e co xénero”, algunhas delas tan relevantes como as enfermidades do corazón, o cancro, a enfermidade pulmonar crónica, o Alzheimer ou a depresión. 

Precisamente, estas son algunhas das patoloxías que se abordarán no transcurso deste ciclo de conferencias que arrancará o luns 6 ás 16.30 h cunha breve exposición sobre a relación entre o sexo, o xénero e as enfermidades da man de Diana Valverde e Paloma Morán. Ás 17.30 horas será María Brión Martínez, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, quen abordará as enfermidades cardiovasculares. Unha hora máis tarde, ás 18.30 horas, o foco porase no cancro, da man de Mónica Martínez Fernández, do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur. A primeira xornada pecharase coa intervención, ás 19.30 horas, de Virginia Leiro Fernández, do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, que falará sobre as enfermidades pulmonares.

A xornada do martes arrancará ás 16.30 horas co relatorio sobre sexo, xénero e trastornos psiquiátricos, cunha aproximación xenética da man de Xavier Costas Costas, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela. Ás 17.30 h a temática serán as enfermidades neurodexenerativas e o relator será Carlos Spuch Calvar, do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur. O ciclo pecharase cunha intervención sobre depresión e suicidio, da man de Tania Rivera, do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, que arrancará ás 18.30 horas. 

A asistencia ao ciclo é libre ata completar a capacidade da sala Rosalía de Castro (50 persoas). Na organización deste evento colaboran o Cinbio, a Unidade de Igualdade de Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra.

Máis

Hora

(Martes) 16:30(GMT+02:00)

Localización

Sede da Deputación de Pontevedra

Rúa Chao, 17, 36202 Vigo, Pontevedra

Other Events