XERAIS

18nov(nov 18)11:0005abr(abr 5)21:00ROBERTO HUARCAYA. Intersticios. Fotogramas 2014-2025arte e museos | de balde(novembro 18) 11:00 - (abril 5) 21:00(GMT+01:00) MARCO

Detalles do eventos

Datas: 18 novembro 2025 – 5 abril 2026

Lugar: Salas frontais (1º andar) e panóptico (planta baixa)

Horario
Martes a sábados (festivos incluidos)
de 11.00 h a 14.30 h e de 17.00 h a 21.00 h
Domingos
de 11.00 h a 14.30 h

Considerado un artista esencial na exploración de técnicas fotográficas experimentais e na representación da relación entre o ser humano e a natureza, Roberto Huarcaya (Lima, 1959) desenvolveu unha práctica artística centrada no uso de fotogramas de gran formato, realizados sen cámara, que capturan a esencia de diversas paisaxes e personaxes peruanos mediante o contacto directo de elementos naturais co papel fotosensible. Esta aproximación permitiulle crear series emblemáticas como AmazogramasAndegramas e Océanos, que foron expostas en importantes institucións e festivais internacionais, incluíndo a Bienal de Venecia, Paris Photo e Les Rencontres d’Arles.

Huarcaya apropia o fotograma –técnica fotográfica anterior á invención da cámara– para producir obras de escala monumental. Estes rexistros, obtidos mediante procesos como o cianotipo ou o marrón Van Dyke, son o resultado de longas expedicións por distintos territorios do Perú. O artista desprega grandes rolos de papel fotosensible cos que recolle as pegadas físicas de elementos naturais e culturais: follas, pólas, raíces, pedras, obxectos rituais, máscaras, traxes, instrumentos musicais ou os corpos das persoas retratadas.

Este procedemento artesanal, que desafía a inmediatez da imaxe dixital contemporánea, articula unha mirada alternativa sobre a fotografía. Non se trata aquí de capturar un instante, senón de permitir que o tempo, a materia e a luz interactúen co soporte durante horas, ás veces días, nun xesto que vincula o fotográfico co escultórico, o performativo e o ritual. O espectador vese confrontado con corpos e paisaxes que non foron simplemente fotografados, senón literalmente tocados pola imaxe. Esta estratexia cuestiona as lóxicas convencionais do encadramento, a composición e o punto de vista, desprazando a mirada cara a unha forma de coñecemento sensible, corporal e envolvente.

Sobre a fotografía, como idea, hai moitos escritos, mesmo descritivos do proceso e intención, que aceptamos como metáforas poéticas. Debuxar ou pintar con pegadas de luz, deter un instante, ser unha película de pel ou dar forma ao misterio son algunhas que nos serven para evocar os seus inicios, cando a pintura transitaba por buscas moi abertas e a fotografía atopa un lugar que axiña fai propio. O curioso é que, no inicio, a fotografía é espera e sorpresa, e máis que deter o tempo, conteno, obrigada polo proceso de aparición da imaxe.

Pouco tardan os fotógrafos en romper barreiras técnicas e conceptuais, atrevéndose a experimentar e dar varias veces a volta aos canons establecidos. Roberto Huarcaya (Lima, 1959) é un exemplo claro de compromiso coa investigación (teórica e práctica) e a busca de desafíos. Cun ollo curioso, sagaz, mira primeiro a súa contorna, e detense nos tipos que a habitan, nas relacións que establecen. O seu arranque lévao a analizar o próximo, o máis próximo, buscando aflorar o oculto, o interior.

Cando se sente partícipe do medio artístico, recrea os personaxes que considera clave no ámbito contemporáneo latinoamericano, nunha sorte de galería de retratos absolutamente exemplar: a cada retratado pídelle que se recoste sobre un papel fotosensible de 2.20 x 1.10 m., e que o sinta como espazo ou vestido, limitándose entón a provocar, mediante o flash, contrastes de luz e sombras, capaces de definir a imaxe, os seus volumes. Non lle interesa a fidelidade na aparencia, o aspecto exterior, senón a imaxe que definen os xogos de luz e sombras provocados cando o papel fotográfico envolve o personaxe e este decide como dialoga con el, aínda que ignore o resultado. Do retrato hierático, formal, pasamos a unha sorte de fotografía performática. Fotogramas, pegadas de sombras chámaos Huarcaya, reclamando a súa intención de tentar o movemento, fronte ao estatismo da fotografía tradicional.

Se hai unha data clave na traxectoria de Huarcaya é 2014, o ano en que é invitado, xunto a un grupo heteroxéneo de artistas, a un encontro nunha reserva natural na selva amazónica. Trátase de realizar obra a partir da experiencia, pero Huarcaya prefire vivir un momento que considera máxico. Inicia un longo proceso ata dar co modo de transmitir a experiencia vivida. Ten claro que non se trata de reproducir a epiderme da natureza, senón de entrar nela, acompañala sen imposicións, deixala que conviva co proceso fotográfico, e que a imaxe apareza ao ritmo que marca a natureza, no que quizais sexa o modo máis fiel –e respectuoso– de captar o seu sentido, a súa orde interna. Proba todo tipo de procesos técnicos ata se dar conta de que a clave é elixir un lugar e dispoñer o papel fotosensible para que sexan a espesura da selva e as tormentas, as que inicien o proceso e debuxen pegadas de sombras.

A Huarcaya interésalle rexistrar os ciclos na e da natureza, achegar o ritmo da tormenta ao proceso fotográfico, vivir o contacto directo e transmitir a experiencia, algo que non poden reflectir imaxes estáticas ou fragmentadas, por iso a súa obra toma dimensión e desprégase serpeante polo espazo, en percorridos que evocan ao que xurdiron, levando o espectador a reproducir os pasos dados polo fotógrafo na súa busca das imaxes. Resulta curioso como, para presentar unha práctica transgresora dos principios da fotografía, Huarcaya remate acudindo a un exercicio manual, de contacto directo, non de fina película externa senón de fusión co evocado. E, de paso, introduce o movemento, a transformación orgánica, o tempo, os sons alleos, o percorrido, a sorpresa, o inmaterial, como valores firmemente fotográficos.

Hora

18 novembro, 2025 11:00 - 5 abril, 2026 21:00(GMT+01:00)

Localización

MARCO

Museo de Arte Contemporánea de Vigo, Rúa do Príncipe, 54, 36202 Vigo, Pontevedra

Other Events