REVISTA ABRIL

Revisando a nosa arte: Guillermo Monroy

24xan17:0020:00Revisando a nosa arte: Guillermo MonroyACTIVIDADES PARA O COCO | De balde17:00 - 20:00(GMT+01:00) MARCO

Detalles do eventos

Dentro do ciclo Revisando a nosa arte, abrimos con esta xornada unha serie de citas con artistas que formaron parte do grupo Atlántica, unha das máis afoutas referencias creativas da nosa plástica que, nos comezos dos anos oitenta do pasado século, mudaron boa parte da faceta artística de Galicia cunha conxunción de miradas e de propostas que, dende diferentes territorios persoais, formularon a idea de mudanza dentro do cambio que a propia sociedade procuraba na superación dos anos do franquismo.Guillermo Monroy (Navia, Asturias, 1954 – Vigo, 1982) formou parte dende o primeiro momento da xénese de Atlántica, á que non lle achegou tan só a súa conciencia plástica, senón tamén o seu carácter dinámico e aglutinador, que serviu para espallar entre os seus compañeiros ese interese colectivo por propoñer unha nova estratexia artística que mudase o panorama do momento, en resposta ás novas inquedanzas e arelas de progreso e liberdade dos seus protagonistas.

A xestualidade enxerida sobre a superficie artística de Guillermo Monroy configurouse como unha das linguaxes máis interesantes daquela tribo. As súas pegadas no soporte, a xeometrización do espazo e o manexo da cor formaron parte dunha liberdade e unha radical frescura que se mantén acesa aínda hoxe cando nos enfrontamos ás súas obras. Dous relatorios atenderán á súa propia creatividade, que se viu fatalmente detida coa súa prematura morte aos vinte e oito anos, pero que deixou un abraiante e maduro proxecto persoal.

Ramón Rozas aproximarase ao valor do grupo, a como Atlántica fundou un novo ecosistema plástico en Galicia e como, dentro del, Guillermo Monroy soubo xerar esa linguaxe que hibridaba unha realidade local con propostas pictóricas que estaban activas noutras latitudes internacionais. Ángel Cerviño traballou nos últimos anos no propio estudio do pintor na procura de pistas e achados para artellar un novo relato dende o presente e dende a súa singularidade pictórica sobre a mirada que hoxe temos que establecer con aquela pintura. Para rematar, unha mesa redonda coa participación, xunto a Ángel Cerviño, de dous dos compoñentes de Atlántica máis próximos a Guillermo Monroy, Antón Patiño e Menchu Lamas, servirá para propoñer pontes entre o onte e o hoxe, entre aquel tempo de alborada e o pouso que queda hoxe coa pintura de Guillermo Monroy como catalizador.

PROGRAMA

17:00 horas
Presentación
17:15 horas
Atlántica e Monroy. De Matisse ás Cíes
Ramón Rozas
18:00 horas
A vida pintada e a pintura vivida de Guillermo Monroy
Ángel Cerviño
18:45 horas
Mesa redonda
Monroy, onte e hoxe
Modera: Ramón Rozas

  • Ángel Cerviño
  • Menchu Lamas
  • Antón Patiño

20:00 horas
Peche da xornada

Máis

Hora

(Martes) 17:00 - 20:00(GMT+01:00)

Localización

MARCO

Museo de Arte Contemporánea de Vigo, Rúa do Príncipe, 54, 36202 Vigo, Pontevedra

Other Events